Con 23 anos, Youssef leva case seis anos en Galicia, a onde chegou na procura dun traballo procedente de Marrocos. Agora traballa coa idea de que os seus pais veñan vivir con el
Youssef saíu da casa unha tarde como nun día calquera. Non se puido despedir da familia, pois non podían saber o plan que levaba argallando meses cos amigos. Aínda que tampouco era un plan, era máis ben un obxectivo: saír de Marrocos. Desde a súa vila natal, preto da cidade de Marrakech, atravesou o país ata cruzar a Ceuta. Ía en grupo e, sen grandes dificultades, logrou chegar a Tarifa. Era a primeira parada que tiñan pensada, o plan saíra ben. Un dos rapaces tiña alí un irmán que os acolleu, pero a súa estancia tiña que ser breve, xa que o seguinte paso era chegar á Coruña para despois buscar outros horizontes. Aquí se torceu o plan de Youssef. Tiña 17 anos e moitas ideas sobre o que quería facer coa súa vida. Hoxe, case seis anos despois, vive e traballa en Ourense.
″Nada é fácil, pero se tes gana e interese podes conseguilo todo″, di Youssef ao outro lado do teléfono, ao remate da súa xornada laboral nun bar onde dan comidas. Non soa a frase de autoaxuda, nótase que non fala por falar. De feito, durante a conversa recoñece que non tiña medo cando marchou da súa casa. ″Tampouco pensaba en que nos puidera pasar algo malo″, asegura, ″tíñao todo moi claro e, vale, resultou que non era todo tan directo, pero tampouco me saíu mal″.
″Collimos aquel autobús cara á Coruña porque coñeciamos a outros rapaces alá″, conta. Ao pouco de chegar, paseando pola cidade herculina, parounos a policía. Foi a fin do periplo. ″Nese momento paseino un pouco fatal, pero ao final foi ben e non nos devolveron a Marrocos. Youssef deixara os estudos un tempo antes de marchar do seu país, e xa pensaba en dedicarse profesionalmente á hostalaría. ″É un mundo que me gusta, tamén porque estou en grupo con máis compañeiros″, explica agora que leva case dous anos traballando no bar.
"Paseino un pouco fatal, pero ao final foi ben e non nos devolveron a Marrocos", lembra Youssef
Ourense é hoxe a súa segunda casa. Así o di, orgulloso de ter atopado unha vida que non era exactamente o que agardaba, pero coa que está ″cómodo″ e ″tranquilo″. ″Para min foi valente o que fixen ao marchar da casa. Sei que me arrisquei un pouco e que os meus pais o poden ver doutra maneira″, recoñece Youssef, quen explica que o normal entre os rapaces da súa idade en Marrocos é falar de marchar do país. Por que? Para el non hai só unha resposta, porén, achega dous exemplos: ″uns fano para mellorar e outros para ser máis libres. Entre outras cousas, alí non podes só ter moza porque logo tes que casar con ela″.
En Galicia, os menores migrantes non acompañados proceden principalmente de Marrocos e Romanía, e en canto se detecta a súa situación de desamparo entran a formar parte do sistema de protección da Xunta, como calquera menor de nacionalidade española nesa situación. Segundo os datos da Consellería de Política Social, ao peche do ano 2020 había 151 menores migrantes no sistema, 131 mozos e 20 mozas. Na última década, a cifra media de migrantes non acompañados dentro do sistema de protección é de 89 rapaces ao ano. O sistema de protección á infancia proporciona unha atención integral que, no caso dos menores procedentes do estranxeiro, pon o foco no ″traballo en favor da inclusión das persoas e na procura da igualdade de dereitos, deberes e oportunidades de todas as persoas con independencia da súa orixe, sexo, raza, relixión, opinións ou grupo social″.
Ao peche do ano 2020 había 151 menores migrantes no sistema de protección en Galicia, 131 homes e 20 mulleres
Política Social traslada que estes rapaces e rapazas migrantes reciben axudas específicas como ″atención e orientación xurídica especializada en estranxeiría e protección internacional″, así como ″mediación intercultural, tradución e interpretación″ para ″dar resposta ás necesidades específicas a partires dos itinerarios persoais″. Un punto especialmente importante para rachar coas barreiras do idioma, cando non teñen coñecementos nin de galego nin de castelán. Mentres son menores, as e os profesionais do sistema de protección traballan naqueles ámbitos que favorezan a súa convivencia e coñecemento do contexto social e cultural.
Porén, ao chegaren á maioría de idade estes rapaces e rapazas poden volver ao desamparo, xa que na inmensa maioría dos casos non foi posible tramitarlles a nacionalidade no tempo que pasaron no sistema de protección. Ademais, para poderen regularizar a súa situación precisan dun contrato de traballo. Algo que hoxe non é doado para ninguén. ″Cando chegan aos 18 están todos sen regularizar. Esta idea de que os rapaces chegan aquí e xa o teñen todo dado non é real. É a propia Administración a que lles pon trabas e depende moito do lugar onde esteas″, sinala Deibe Simo, un dos educadores sociais que traballa con menores migrantes en Igaxes e profesor na Universidade de Vigo .
"Esta idea de que os rapaces chegan aquí e xa o teñen todo dado non é real", asegura o educador social Deibe Simo
″Sempre que haxa unha praza residencial van seguir alí grazas ao programa Mentor″, explica Deibe Simo. O programa Mentor, financiado polo Fondo Social Europeo e o Goberno galego, pretende a inserción sociolaboral de mozas e mozos maiores de 16 anos e menores de 21 (excepcionalmente funciona ata os 25), que estean ou teñan estado tutelados ou en situación de garda pola Xunta, e que queiran incorporarse ao mundo laboral. Igaxes desenvolve este programa desde 2005 en todo o territorio galego cunha rede de técnicos de inserción laboral, que traballan con mozos e mozas residentes en centros de protección ou domicilios familiares das catro provincias.
Ademais, o programa dispón de oito vivendas tuteladas e asistidas na Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, onde residen arredor de 80 mozos e mozas cada ano acompañadas de profesionais socioeducativas. As cifras totais indican que en 2020 atenderon a 566 persoas (320 mozos e 246 mozas) a través de Mentor, das cales 127 eran estranxeiras, das cales 63 non tiñan familia no país, polo que eran menores estranxeiros non acompañados. Ata o 30 de xuño deste ano participaron no programa Mentor 449 persoas (243 mozos e 206 mozas), das cales 103 son estranxeiras e 51 non teñen familia no país.
″Estes rapaces transitaron diante de moitos adultos e moitos lles fixeron dano. O primeiro que hai que traballar é a confianza", salienta Deibe Simo
″Estes rapaces transitaron diante de moitos adultos e moitos lles fixeron dano. O primeiro que hai que traballar é a confianza, que se sintan seguros para poder construír con eles un itinerario no que se sintan apoiados. E é moi difícil xerar ese espazo de seguridade porque as malas experiencias poden vir desde o comportamento dos funcionarios no seu país ou dun adulto que os explotou laboral ou sexualmente. Claro que hai historias vitais tremendamente duras, pero hai que mirar cara ao elemento motivador destes rapaces e rapazas. Ou era todo fácil para os galegos que tiveron que marchar no seu momento?″, razoa Deibe Simo, quen incide en que o traballo de acompañamento destes rapaces non se pode facer con voluntarios, precisa dunha especialización.
"Cando chegan o soño é ter a oportunidade de traballar", sinala Simo
Deibe Simo acadou esa confianza por parte de Youssef, ao que acompañou desde que entrou no centro de menores da Carballeira, en Ourense, ata a súa entrada no programa Mentor. Para este educador, Youssef é un exemplo de integración e adaptación. Pasou por diferentes formacións no eido da hostalaría para centrarse na cociña, que é o que máis lle presta. Con todo, das primeiras cousas que tivo que traballar con el foi a perspectiva, xa que como a maioría dos rapaces chegaba coa idea de aquí atoparía unha ″situación idealizada″. ″Cando chegan o soño é ter a oportunidade de traballar, e é certo que cando o conseguen, intégranse e quedan aquí; aínda que para moitos o obxectivo é axudar á familia″.
Este tamén é un obxectivo para Youssef. Dos seus catro irmáns e irmás, só fica un na casa. El soña con traer aos seus pais para Ourense e que vivan con el aquí. ″Preciso traballar un pouco máis para que poidan vir. En Galicia estás cómodo, estás na casa″, salienta. Este verán regresou por primeira vez a Marrocos desde os 17 anos: ″Estaba desesperado por ver á familia″. ″Todo estaba un pouco diferente″, conta, mais quizá non o suficiente para el: ″Gustaríame terme quedado en Marrocos se as cousas foran como en Galicia, non me tería matado para vir″.
"O maior antídoto contra os prexuízos é estar con eles", apunta o educador
Vivimos tempos de volta atrás en moitos aspectos, tamén dunha auxe do racismo en xeral, e mais da xenofobia. Porén, Youssef afirma que non tivo grandes problemas coa xente en Galicia neste sentido; aínda que trata de non meterse en leas (e así o di). Sobre os prexuízos e os discursos de odio contra os menores migrantes non acompañados, Deibe Simo asevera que ″o maior antídoto contra estes prexuízos é o coñecemento, estar con eles. Se non coñeces a realidade, quedas cos discursos estigmatizadores″.