Rueda diagnostica unha "avalancha" de menores migrantes e acusa o Estado de "traspasar" o "problema" ás autonomías

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dirixíndose á reunión do Consello deste 8 de xullo de 2024 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O presidente afirma que "Galicia sempre foi unha terra solidaria", pero, en vésperas do encontro co Ministerio, mantén que o Goberno de España "non ten ningunha política ao respecto" da acollida de menores migrantes non acompañados malia "ver que se está producindo unha avalancha"

En vésperas da conferencia sectorial de Infancia e Adolescencia na que, este 10 de xullo, o Goberno de España abordará coas comunidades autónomas a acollida de menores migrantes non acompañados que permanecen en Canarias en condicións de emerxencia humanitaria -uns 6.000, segundo algunhas fontes citadas por El Periódico de España-, o presidente da Xunta foi cuestionado pola posición do seu Goberno ao respecto. E referiuse á situación en termos de "avalancha".

Despois de que, na liña da súa etapa na presidencia da Xunta, o líder do PP optase polo dobre discurso ante esta acollida retomando a a teoría do "efecto chamada" mentres dixo "aceptar" que estes nenos e nenas sexan atendidos en autonomías gobernadas polo seu partido, Rueda opta por unha postura semellante á de Alberto Núñez Feijóo. Faino para fixar postura nun "tema moi delicado" no que "hai que aplicar, máis que nunca o sentidiño", di.

Declaracións de Rueda sobre a acollida de menores migrantes tras o Consello deste 8 de xullo CC BY-SA Imaxe: Sinal institucional Xunta | Edición: Praza.gal

Preguntado polos xornalistas sobre "cal vai ser a postura de Galicia sobre o reparto de menores migrantes", este luns tras a reunión do Consello da Xunta, Rueda mantivo que "Galicia sempre foi unha terra solidaria". Pero "a solidariedade ben exercida necesita condicións" para "garantir que se presta en condicións axeitadas", dixo o presidente, que acto seguido acusa o Goberno de España de "non ter ningunha política ao respecto" malia "ver que se está producindo unha avalancha".

O tamén líder do PP en Galicia mantén que "a única solución" do Executivo de PSOE e Sumar é "traspasar a cuestión ás comunidades autónomas dicindo que son os que teñen que acoller este menores non acompañados e así se soluciona o problema". Pero, asegura, "non se vai solucionar, vai ser unha cuestión permanente", toda vez que "polas cifras que nos están trasladando, isto require uns recursos económico" e, agrega, "un sistema para previr este tipo de avalanchas no futuro ou cando menos, regulalas". O Ministerio de Xuventude e Infancia xa avanzou que a intención do Estado é acompañar o acordo de acollida con fondos adicionais.

Porque "ao final, do que se trata é que veñan nas condicións axeitadas", razoa Rueda, quen apoia a súa postura en que "xa tivemos un precedente" e "vimos a improvisación". "É certo que non se trataba de menas ou non de menas maioritariamente", sinalou, pero "resolveuse dun día para outro con moi pouca información". Refírese así a estes menores sen amparo familiar pola sigla que fai referencia a menores estranxeiros non acompañados, empregada nalgúns contextos de maneira despectiva e que a documentación oficial da Consellería de Política Social xa non emprega.

En Galicia as cifras de acollemento de menores migrantes son moi escasas. Nos anos en que foron máis avultadas apenas superaron as 200 persoas

Esa mesma documentación oficial acredita que en Galicia as os menores estranxeiros sen acompañamento familiar que reciben acollida son, ata agora, moi poucos. O balance anual máis recente, con datos de 2022, indica que nese ano recibiron acollemento en Galicia un total de 177 "nenos, nenas e adolescentes migrantes non acompañados". Trátase, especifica o departamento gobernamental galego, de "menores de idade procedentes doutros países que se atopan en España en situación de desamparo por non estaren acompañados de ningún familiar".

A serie histórica da Estatística de Protección de Menores amosa que as cifras dos anos previos son mesmo máis escasas. As máis avultadas dos últimos anos, correspondentes a 2018 e 2019, apenas superaban os 200 nenos e nenas migrantes sen compaña familiar con acollemento por parte da Administración galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.