Feijóo recicla o dobre discurso sobre menores migrantes e retoma a teoría do "efecto chamada"

Dispositivo de acollida de inmigrantes nun porto canario, nunha imaxe de arquivo © Goberno de Canarias

O líder do PP retoma a estratexia seguida como presidente da Xunta, cando combinou a "aceptación" de acoller menores migrantes en Galicia coa axitación dun suposto "efecto chamada" como "factura" dunha "política de inmigración con moitos interrogantes"

Na primavera de 2021 estaba no centro do debate político estatal o desbordamento dos centros de acollida para menores migrantes na cidade de Ceuta. En pleno conflito diplomático entre Marrocos e España coa cuestión do Sáhara Occidental como pano de fondo, a daquela ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, pedira ás comunidades autónomas colaboraren na acollida de 200 destes nenos e nenas sen compaña familiar para así amortecer os efectos do importante número de chegadas naqueles días.

Esa petición de colaboración atinxía a Galicia coa acollida de 20 menores. O Goberno galego aceptara "por razóns de xustiza social e humanitarias", dixera o naquela altura presidente da Xunta. Non obstante, xusto a continuación Alberto Núñez Feijóo afondara na súa teoría dun suposto "efecto chamada que realizou o Goberno durante anos" e que tiña esa "factura" por mor dunha "política de inmigración con moitos interrogantes" que "ía producindo un incremento de menores na cidade de Ceuta"

Feijóo, coas presidentas do Parlamento e da Comisión Europea, Roberta Metsola e Ursula Von der Leyen, no acto do PP Europeo en Cascais, 3 xullo 2024 © PP

Tres anos despois daqueles feitos, neste verán de 2024, Feijóo recicla a súa teoría do tal efecto chamada como líder estatal do PP. E faino cun esquema moi semellante ao de 2021, agora en pleno proceso para acoller en diversas autonomías a menores migrantes se compaña familiar adulta chegados ás Illas Canarias, sistema que o Goberno de España pretende estabilizar cunha reforma da Lei de Estranxeiría.

Feijóo refírese agora ao acollemento destes nenos e nenas en diversas autonomías como "menas que manda o Goberno", mantén que "nas rúas españolas están deambulando inmigrantes que o Goberno meten en avións" e clama ante Von der Leyen por axuda para "controlar" a situación

Inicialmente, Feijóo respondeu a este emprazamento asegurando que os gobernos autonómicos do PP "garantían" a súa "solidariedade" na acollida de nenos e nenas migrantes desamparados con independencia das amenazas de ruptura lanzadas pola extrema dereita de Vox alí onde gobernan en coalición. Pero pouco despois retomou a teoría do "efecto chamada" -sen concretar, como en 2021, que políticas concretas xeran ese suposto efecto- e foi alén, afirmando en declaracións a Onda Cero que existen "menas" que "entran en España de forma masiva".

O uso despectivo da sigla á que dan lugar as palabras "menores estranxeiros non acompañados" -algunhas Administracións, como a Xunta, xa deixaron de empregala na súa documentación oficial- foi reiterado por Feijóo nesa mesma intervención para asegura que "as comunidades autónomas e o Partido Popular están recibindo todos os menas que manda o Goberno", asegurou para despois engadir que "nas rúas españolas están deambulando inmigrantes que o Goberno meten en avións e despois, pola noite ou á hora que chegue o avión, déixaos en determinados barrios, cidades ou lugares".

Operación de rescate de migrantes no Mediterráneo por parte da organización Open Arms, nunha imaxe de arquivo © Ana Miranda

Así e todo, concluíu, as autonomías do PP colaborarán segundo o que denomina a súa "capacidade instalada dispoñible". Así o afirmou o ex-presidente poucas horas antes de, nun acto do PP Europeo en Cascais, reclamar á presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, axuda para "controlar a inmigración" porque "o problema migratorio non cesará" se non son "freados" os "fluxos da migración irregular" e a situación en Canarias é "límite".

A ministra de Migracións lamenta que o PP se sume aos discursos "xenófobos" e Tellado tamén recicla a esixencia de empregar a Armada para frear as chegadas de migrantes por vía marítima

Diante de todas estas consideracións a ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, lamentou que Feijóo por unha parte "fale de que as comunidades autónomas gobernadas polo PP van estar á altura" coa súa "solidariedade" para, acto seguido, "amosar a cara máis dura da ultradereita" e "abrazar o señor Abascal nos seus discursos xenófobos". Mostra disto, declarou a Antena 3, é que o ex-presidente galego se dedique a "alimentar loiadas" a respecto de supostas chegadas nocturnas de menores migrantes "nas rúas de nosos barrios e cidades".

Tras estas peticións da ministra, non obstante, a dirección do PP foi máis alá. Así, este xoves, o seu voceiro parlamentario e ex-secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, propuxo despregar barcos da Armada para evitar as chegadas marítimas de migrantes a territorio español. "O Goberno pode dispoñer das Forzas Armadas e despregar embarcacións que impidan que os caiucos que poñen en risco a vida das persoas que van nelas saian ao mar e finalmente cheguen ao noso país", dixo en declaracións a Antena 3 recollidas por elDiario.es. Trátase dunha esixencia xa promovida polo anterior líder do PP, Pablo Casado, e por outras dereitas europeas.

Apenas 170 menores migrantes acollidos en Galicia

Nas devanditas intervencións públicas Feijóo evitou referirse a datos concretos de menores migrantes que foron obxecto de acollida nas diversas autonomías. Fronte aos recursos desbordados en territorios como Canarias ou en puntos de Andalucía, as cifras en Galicia veñen sendo moi baixas. Así o acreditan, cando menos, os datos oficiais da Consellería de Política Social.

En Galicia as cifras de acollemento de menores migrantes son moi escasas. Nos anos en que foron máis avultadas apenas superaron as 200 persoas

O balance anual máis recente, con datos de 2022, indica que nese ano recibiron acollemento en Galicia un total de 177 "nenos, nenas e adolescentes migrantes non acompañados". Trátase, especifica o departamento gobernamental galego, de "menores de idade procedentes doutros países que se atopan en España en situación de desamparo por non estaren acompañados de ningún familiar".

A serie histórica da Estatística de Protección de Menores amosa que as cifras dos anos previos son mesmo máis escasas. As máis avultadas dos últimos anos, correspondentes a 2018 e 2019, apenas superaban os 200 nenos e nenas migrantes sen compaña familiar con acollemento por parte da Administración galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.