Cumio contra o Discurso de Odio: na procura de "áncoras" e estratexias para loitar contra os bulos que alimentan a ultradereita

Cumio Galego contra o Discurso de Odio ©

Vivimos tempos de posverdade e de fake-news, de distorsións deliberadas da realidade que a través da manipulación de crenzas e emocións buscan influír na opinión pública. Neste ambiente propicio esténdense os discursos de odio, que poñen no seu foco a determinados colectivos. O actual contexto político no Estado español, co ascenso electoral de VOX e o acceso da ultradereita a gobernos en concellos e comunidades autónomas como a Comunidade Valenciana e Castela e León -coa posibilidade de que VOX tamén acceda ao Goberno do Estado a partir do 23 de xullo- ten incrementado a alarma social ante estes discursos de odio.

Compostela acolle este 15 e 16 de xuño a segunda edición do Cumio Galego contra o Discurso de Odio, un evento impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD

Compostela acolle este 15 e 16 de xuño a segunda edición do Cumio Galego contra o Discurso de Odio, un evento impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD no marco do programa Compostela+Solidaria, financiado polo Concello de Santiago a través de Unidade de Atención ás Migracións-UAMI. As xornadas contan tamén coa colaboración da USC e das entidades EAPN-Galicia, Agareso e Ecos do Sur. Todas as actividades do Cumio celébranse no edificio CIEDUS da Universidade de Santiago.

O encontro busca "entender as dinámicas que sosteñen o discurso de odio en todas as súas formas", pero tamén "achegar recursos, experiencias inspiradoras e testemuños dos que aprender" no ámbito da educación e nas organizacións e movementos sociais co obxectivo de "coñecer e crear rede entre as múltiples iniciativas postas en marcha para difundir o discurso alternativo e maioritario de defensa dos dereitos e a dignidade das persoas".

Os discursos de odio en materia migratoria centran a intervención de Vivian Rangel © CONGD

O encontro busca "entender as dinámicas que sosteñen o discurso de odio en todas as súas formas", pero tamén "achegar recursos, experiencias inspiradoras e testemuños dos que aprender" no ámbito da educación e nas organizacións e movementos sociais

Esta é a segunda edición deste Cumio Galego contra o Odio, que naceu no ano 2021 "ante a crecente 
preocupación das organizacións sociais do Terceiro Sector pola expansión do discurso de  odio e a aporofobia entre a poboación non só na súas manifestacións políticas a través das redes sociais ou nos debates televisivos, senón tamén na súa presenza cada vez máis frecuente nos centros educativos, nos espazos de ocio ou en produtos culturais".

O Cumio comeza o xoves 15 cunha xornada especialmente dirixida a comunidade educativa e equipos técnicos de Educación para a Cidadanía Global, coa ponencia “Educando na diversidade”, na que participan Ovidio Villar, docente e impulsor de numerosas iniciativas no IES Carlos Casares de Viana do Bolo, Sonia Díaz, técnica de Educación para a Cidadanía Global de Agareso, e Marta G. Franco, hacktivista e xornalista do equipo de La Intersección e iniciativas como @nolesdescasito.

O venres 16 desenvólvense dous relatorios; o primeiro a cargo da xornalista e investigadora Paula Guerra Cáceres, co-coordinadora do colectivo AlgoRace, que presentará o informe “Una introducción a la IA y la discriminación algorítmica para movimientos sociales”. E o segundo da xornalista Vivian Rangel, investigadora e docente de maldita.es, que falará de "A desinformación e a loita contra os discursos de odio en materia migratoria”. 

Vivan Rangel: "estamos nun escenario no que é moi doado lanzar bulos e discursos de odio, protexidos nun certo anonimato. Estamos nun momento moi complicado no que os bulos e as mentiras alimentan discursos e narrativas de odio online"

Estas dúas ponencias complétanse cun intercambio de experiencias inspiradoras e boas prácticas facilitado por EAPN-Galicia no que participan varias entidades sociais, como Ecos do Sur, Accem, Igaxes, Down-Galicia ou a Fundación Secretariado Xitano. Neste espazo poderá escoitarse, por exemplo, o testemuño de Ibrahim Bah, autor do libro “Tres días en la arena”, no que narra o seu propio periplo migratorio dende Guinea Conakri, de onde fuxiu por causas políticas, ata España. E, igualmente, testemuños e estratexias contra o odio desenvolvidas por activistas en Latinoamérica, de países como Honduras ou O Salvador.

 

Mensaxes que apelan ás emocións para viralizarse

En que medida se incrementou nos últimos anos a desinformación e se creou un perigoso caldo de cultivo para o fomento e a viralización dos discursos de odio? Vivian Rangel, investigadora de maldita.es explica que o cambio é que "antes, cando te informabas, tiñas áncoras ás que te podías agarrar: informativos de referencia, xornais nos que estaba claro o que era información, o que era opinión e o que era publicidade. En cambio agora, co uso das redes sociais e sobre todo coa popularización do móbil e dos grupos de whatsapp, pérdese o contexto, non hai referencias e custa distinguir o que é información fiable e o que non é". 

"Estamos nun contexto no que aos desinformadores lles resulta moi doado imitar o que é información. E ademais estamos nun escenario no que é moi doado lanzar bulos e discursos de odio, protexidos nun certo anonimato. Por todo isto estamos nun momento moi complicado no que os bulos e as mentiras alimentan discursos e narrativas de odio online", alerta.

Cartel do 'Cumio Galego contra o Discurso de Odio' © CONGD

Marta G. Franco: "os algoritmos que deciden que contidos se mostran máis dan máis visibilidade a aqueles contidos que inclúen ou moven sentimentos extremos, principalmente odio, enfado ou medo, porque son aqueles que captan máis a nosa atención"

Neste mesmo senso, Marta G. Franco, xornalista do equipo de La Intersección e iniciativas como @nolesdescasito, detalla que "as mensaxes nas redes sociais móvense seguindo as características do modelo de negocio destas redes, que basicamente buscan captar a nosa atención tentando que pasemos nelas a maior cantidade de tempo posible". "Os algoritmos que deciden que contidos se mostran máis dan máis visibilidade a aqueles contidos que inclúen ou moven sentimentos extremos, principalmente odio, enfado ou medo, porque son aqueles que captan máis a nosa atención. O camiño máis rápido para captar a atención dunha persoa é amosarlle aquilo que lle dá medo ou o enerva", di.

 

Os bulos sobre as persoas migrantes

Rangel, que falará sobre a desinformación en materia migratoria, destaca que unha parte significativa dos bulos ten como foco a poboación migrante. "Antes da pandemia ao redor dun terzo dos bulos que detectabamos e desmentiamos tiñan que ver con inmigración ou refuxiados. É un tipo de desinformación que varía moito co tempo, en relación coa actualidade, en función de se hai eleccións ou se hai unha grande onda de refuxiados ou cruce de fronteiras", explica.

Estes bulos "seguen narrativas que contribúen a difundir estas mensaxes de odio". "As narrativas son moi fortes e unha vez que están instaladas é moi difícil que a xente cambie a súa idea sobre unha narrativa", di Rangel

Estes bulos, detalla, "seguen narrativas que contribúen a difundir estas mensaxes de odio. Hai narrativas de varios tipos: que os inmigrantes son criminais ou teñen un comportamento incívico, que os inmigrantes son privilexiados porque 'teñen máis axudas', que os inmigrantes queren impoñer os seus costumes e non queren integrarse, que o Estado se adapta a eles". Rangel alerta de que "as narrativas son moi fortes e unha vez que están instaladas é moi difícil que a xente cambie a súa idea sobre unha narrativa".

As estratexias utilizadas tamén se repiten, sinala a experta de maldita.es. "Entre elas destaca o uso unha e outra vez de noticias do pasado, o uso repetido de imaxes ou vídeos sacados de contexto, de outros lugares e de hai moitos anos. Tamén a publicación de vídeos, cunha persoa falando nunha lingua pouco coñecida e incluíndo subtítulos falsos para darlle outro sentido", di.

 

Como contrarrestar a desinformación?

Para loitar contra os bulos, o primeiro é evitar repetilos. Vivian Rangel sinala como primeira recomendación: "se tes dúbidas sobre a súa veracidade non compartas unha información. Cando unha información toca as nosas emocións, porque xera medo, angustia ou enfado, é máis fácil que reaccionemos e a difundamos". A segunda recomendación sería "contrastar, algo que os xornalistas fan habitualmente, pero a maior parte da xente non tanto: trátase basicamente de comprobar a veracidade dunha información recorrendo a outras fontes, mirar nun buscador, ver que din outros medios ou aproveitar as ferramentas de verificación que temos en Maldita.

O encontro inclúe unha sesión de intercambio de experiencias inspiradoras e boas prácticas © CONGD

Marta G. Franco: "non podemos deixar que nos marquen a conversación. Se respondemos aos marcos que nos veñen dende o odio, esas ideas son moi difíciles de desmontar. É mellor iniciar nós os nosos discursos en lugar de reaccionar e responder ao que difunden eles"

Mentres, Marta G. Franco, que o xoves participou na xornada dedicada ao mundo do ensino, sinala que "no ámbito educativo é básico aprender a utilizar mellor as redes para protexerse das mensaxes de odio". Pero despois, incide tamén en "ter estratexias para promover as nosas propias narrativas e relatos". "Isto pasa por non estar sempre á reactiva, reaccionando e respondendo o que outros difunden, porque o que facemos así é amplificar aquelas mensaxes de odio e aquelas ideas que non queremos que crezan". "Non podemos deixar que nos marquen a conversación. Se respondemos aos marcos que nos veñen dende o odio, esas ideas son moi difíciles de desmontar. É mellor iniciar nós os nosos discursos en lugar de reaccionar e responder ao que difunden eles", engade.

A xornalista di que "é importante traballar en buscar a empatía, porque o que máis pode facer que alguén cambie de idea sobre un tema son os mecanismos de empatía entre persoas: contar historias persoais, falar en primeira persoa...". "Os datos fríos non adoitan servir para contrarrestar o odio, que é unha cousa máis irracional e visceral", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.