"Nun contexto no que a tecnoloxía revolucionou os procesos comunicativos, a competencia mediática é un aspecto imprescindible para a construción dunha cidadanía activa e responsable", din
No ano 2015 a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) puxo en marcha un laboratorio de educación para o desenvolvemento (EpDLab), un proxecto educativo que emprega a comunicación dixital en cinco institutos galegos e centros de ensino do Salvador e da República Dominicana para traballar ao redor da igualdade de dereitos, a participación activa e a xustiza social con alumnado de 1º de ESO.
"Queremos apropiarnos dos medios que temos nas nosas mans para participar en accións innovadoras cara á comunicación inclusiva, o desenvolvemento social e á denuncia da desigualdade", destacan os seus responsables na presentación da iniciativa, que explican que "nun contexto no que a tecnoloxía revolucionou os procesos comunicativos, a competencia mediática é un aspecto imprescindible para a construción dunha cidadanía activa e responsable".
Felicítanse polos avances detectados nos últimos anos, por exemplo no relativo a unha cada vez maior competencia mediática entre o alumnado e á "superación en gran medida de certos prexuízos, por exemplo no tocante ao xénero ou a orientación sexual"
Hai uns meses, no peche da edición 2022 do laboratorio os seus responsables destacaban que "cremos que a reflexión e a mirada crítica son importantes pero tanto ou máis importante é que esta reflexión nos leve a acción". E fixábanse como obxectivo "chegar a máis número de persoas e integrar en maior medida á sociedade ou ás universidades, seguir traballando na aula pero coa mirada na nosa realidade cotiá porque a educación está a suceder en calquera lugar e calquera lugar é bo para incidir nunha mirada máis tolerante e crítica na sociedade".
Neste senso, felicítanse polos avances detectados nos últimos anos, por exemplo no relativo a unha cada vez maior competencia mediática entre o alumnado e á "superación en gran medida de certos prexuízos, por exemplo no tocante ao xénero ou a orientación sexual". Pola contra, alertaron tamén dunha "presenza", aínda que nun nivel "mínimo" do "discurso de odio como algo alternativo e, polo tanto, atractivo". "Cómpre confrontar esta linguaxe dende as aulas, os medios e a sociedade", engaden.
Aprendizaxe activa e horizontal
Pola contra, alertan tamén dunha "presenza", aínda que nun nivel "mínimo" do "discurso de odio como algo alternativo e, polo tanto, atractivo"
Trátase dun proxecto colaborativo e horizontal, baseado na aprendizaxe activa e que traballa con contidos transmedia. Neste senso explican que "unha mesma información está composta por datos publicados en diferentes soportes e formatos, en distintas plataformas e redes, onde o importante é comprender o significado e o discurso sociocultural por riba da fragmentación destes datos".
Entre os temas tratados atopamos Sexismo, Interculturalidade, Migracións, Economía solidaria, Colectivos culturais, Cooperación, Racismo e Sustentabilidade e medio. E igualmente variados son os xéneros cos que traballa o alumnado: Cine e dobraxe, Vídeocartas, Vine, Fotografía, Contrapublicidade, Microvídeos, Animación, Memes, Falso documental ou Remix.
Trátase dun proxecto colaborativo e horizontal, baseado na aprendizaxe activa e que traballa con contidos transmedia
O alumnado dos distintos centros de ensino, que durante todo o curso traballa no marco do seu instituto, ten a oportunidade de xuntarse e traballar conxuntamente cos e coas estudantes dos restantes centros galegos nun Hackaton que este ano 2022 se levou a cabo en Bandeira (Silleda), despois dunha ausencia obrigada de dous anos por mor da pandemia.
Nestes sete anos, o Laboratorio produciu unha serie de materiais didácticos que poden ser empregados por outros centros para para replicar ou adaptar as actividades
Así mesmo, nestes sete anos de actividade, o Laboratorio produciu unha serie de materiais didácticos que poden ser empregados por outros centros para para replicar ou adaptar as actividades desenvolvidas no EpDLAB. Igualmente, a experiencia foi xa explicada en varios encontros académicos e publicacións ao redor do ensino, coma o Congreso de Educación para a Transformación Social, o Congreso internacional de aprendizaxe, innovación e cooperación ou o Congreso mundial de educación.