A Xunta confirma a acollida de vinte menores migrantes mentres Feijóo axita a teoría dun "efecto chamada"

Feijóo, durante a reunión do Consello da Xunta deste 20 de maio CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O Ministerio de Dereitos Sociais propuxo esta semana ás comunidades autónomas colaboraren na acollida de 200 nenas e nenos migrantes que, por non teren compaña familiar, están a residir en Ceuta en centros de acollemento dende hai semanas, meses ou mesmo máis tempo tras migraren dende outros países. A petición do departamento que dirixe Ione Belarra ten como intención amortecer os efectos nestes centros das importantes chegadas de máis nenos e nenas á cidade norteafricana nos últimos días, no marco do conflito diplomático entre Marrocos e España coa cuestión do Sáhara Occidental como pano de fondo.

Feijóo di que a Xunta "acepta" a estes 20 nenos e nenas por "razóns de xustiza social e humanitarias", pero agrega que "discrepa" dos "efectos chamada que realizou o Goberno durante estes anos" e que, mantén, teñen "estas consecuencias"

Minutos despois da xuntanza co Ministerio, o pasado mércores, a Consellería de Política Social xa anunciara a disposición de Galicia a colaborar nos acollementos. Tamén a ratificou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que así e todo acompañou esta ratificación cunha nova reiteración da tese dun suposto "efecto chamada" ás persoas migrantes por parte do Goberno de España, a mesma que vén inserindo en todas as súas valoracións dos últimos días a respecto dos sucesos de Ceuta.

"Adoptamos a decisión de aceptar a todos os menores que nos notificou o Goberno de España que necesitan aloxamento, coidado e tutela por parte da Administración autonómica", confirmou Feijóo a preguntas da prensa. "Dixemos que si", razoou, porque "somos un pobo solidario" que "estivo durante décadas tendo que emigrar de Galicia" e "ademais, estamos falando de menores". "Por razóns de xustiza social e humanitarias estamos a favor de acoller eses menores, sen ningunha dúbida", enfatizou.

Menores rescatados en Ceuta este 17 e 18 de maio de 2021, en imaxes da Garda Civil (esquerda) e do Exército español (dereita) © Garda Civil | Exército español

Acto seguido, o presidente da Xunta confirmou o número de nenas e nenos que o Ministerio pide acoller en Galicia -"dixéronnos que son vinte"- para explicar que "discrepamos da fórmula do reparto", cuxos criterios adxectiva como "inventados" e atribúe a que "se lle ocorren a unha ministra pola tarde". Asegura Feijóo que na Xunta "discrepan" tamén do que presenta como "efectos chamada que realizou o Goberno durante estes anos e isto ten estas consecuencias". 

En días previos, o xefe do Executivo galego asegurara que a crise de Ceuta é a "factura" que o Goberno de España está a "pagar" polo devandito "efecto chamada". Segundo o tamén líder do PP galego, é posible relacionar en termos de causa-efecto os feitos desta semana con, por exemplo, o acollemento en España das persoas refuxiadas rescatadas polo barco Aquarius no ano 2018. O presidente da Xunta non indicou en que se basea para establecer esta correlación ou a que decisións políticas se refire para sustentar a súa tese.

Neste contexto, Feijóo di tamén querer pór fin á "confusión que se está xerando", xa que "non é verdade" que os vinte nenos e nenas que o Ministerio pide acoller en Galicia sexan "os que chegaron esta semana". "Son os que xa tiña a cidade de Ceuta, que chegaron hai semanas ou meses", subliñou antes de volver reiterar que "o problema" é "o efecto chamada e unha política de inmigración con moitos interrogantes" que "ía producindo un incremento de menores na cidade de Ceuta".

As cifras de menores estranxeiros non acompañados en Galicia

Feijóo tamén estende as súas críticas ao feito de que Dereitos Sociais asignase a Galicia o acollemento de vinte menores. "Imos ter os mesmos que a Comunidade de Madrid", criticou, para acto seguido considerar que "non é cuestión de discutir sobre isto", senón "no sucesivo, de falar un pouco máis en serio de cales son os criterios".

Segundo datos de Política Social, nos últimos anos os menores estranxeiros sen compaña familiar que foron acollidos en Galicia apenas superaron os 200

Segundo datos da Consellería de Política Social, ao longo do ano 2019 (último dispoñible nestes datos oficiais) houbera en Galicia pouco máis de 200 menores de idade de orixe estranxeira e en situación de desamparo por careceren de compaña familiar. No ano 2020, segundo datos citados polo xornal La Voz de Galicia o pasado 7 de abril, as chegadas destes nenos e nenas para o seu acollemento pola Xunta foron apenas 147.

O número de menores de idade de orixe estranxeira non acompañados que finalmente quedaron en acollemento en Galicia é aínda inferior. Atendendo á información publicada este mesmo 21 de maio polo xornal El País, que cita fontes dos ministerios de Dereitos Sociais e do Interior, a 31 de decembro de 2020 quedaban en Galicia só 71 menores estranxeiros non acompañados en réxime de acollemento por parte da Xunta.

Todos estes movementos prodúcense, ademais, nun contexto de profunda crise demográfica en Galicia, devalo que xa non é compensado polas chegadas de poboación de orixe estranxeira. A poboación menor de 18 anos no país estaba composta no ano 2020 por apenas 383.000 persoas, segundo o Instituto Galego de Estatística. A principios de século (2001) eran algo máis de 415.000 e no primeiro ano con datos dispoñibles no IGE, 1998, achegábanse ás 470.000.

Asistencia a un migrante en Ceuta por parte dunha voluntaria de Cruz Vermella

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.