Quen son e de que foxen os rescatados do Open Arms

Migrantes no Open Arms © Francisco Gentico

En plena vaga de solidariedade ante o abandono durante case tres semanas das máis de 100 persoas rescatadas polo Open Arms, o deputado de Ciudadanos Marcos de Quinto decidiu esbardallar nun chío contra o "ben comidos pasaxeiros" do buque de rescate. O comentario provocou numerosas críticas, moitas delas aludindo aos abusos que empurran estas persoas a arriscar a súa vida no Mediterráneo para tratar de chegar ás costas europeas. 

Os testemuños do "inferno" en Libia son practicamente unánimes entre os sobreviventes socorridos. A ONU fala de "horrores inimaxinables"

Os testemuños do "inferno" experimentado durante o seu paso por Libia son practicamente unánimes entre os sobreviventes socorridos fronte ás costas do país veciño. A ONU fala de "horrores inimaxinables". 

Unha frase adoita repetirse tras cada rescate: "Libia, non". O temor é o mesmo entre os "pasaxeiros" que se atopan a bordo do Open Arms, cuxa situación física e psicolóxica, denuncia a ONG, non fai máis que deteriorarse. Moitos foron torturados, foron violadas, escoitaron chorar os seus familiares mentres os seus captadores os extorsionaban a cambio da liberdade.  

Issiada descansa na cuberta do Open Arms. Foi ferido de bala nos pés en Libia CC-BY-SA eldiario.es / Francisco Gentico

Boa parte dos náufragos a bordo do barco español foxen de países como Eritrea ou Sudán, aseguran desde a organización, onde as violacións de dereitos humanos son xeneralizadas. Outros foron perseguidos por ideas políticas ou bateron con abusos en Libia que, aseguran, impiden a súa volta atrás. 89 deles -todos os adultos auxiliados nos primeiros rescates- declararon ante a ONU a súa vontade de pedir asilo.  

Issiaga é unha das 107 persoas á espera de desembarcar en porto seguro. Estivo en varios centros de detención en Libia, unha das veces que intentou fuxir, disparáronlle e foi ferido nos pés

Issiaga é unha das 107 persoas que están á espera de desembarcar en porto seguro desde hai 18 días a bordo do buque catalán. Conta que estivo en varios centros de detención de Libia. "Unha das veces que tentou fuxir, disparáronlle. Chegou con feridas de balas nos pés", describiu Anabel Montes, xefa de misión do Open Arms.

Issiaga tratou de escapar até en cinco ocasiones, pero en todas foi devolto polos axentes libios que reciben formación e financiamento da UE. Segundo Acnur, o 85% das persoas localizadas no Mediterráneo entre xuño e decembro de 2018 foron trasladados de novo ao país veciño por estes axentes a pesar dos "horrendos abusos" documentados por numerosas organizacións e Nacións Unidas sobre a poboación migrante: malleiras, violacións, torturas, escravitude. O pasado xuño, a ONU alertou da desaparición de centos de persoas migrantes en Libia, moitas delas vendidas como escravas ou sometidas a explotación sexual.  

Safá, outra das sobreviventes rescatadas polo Open Arms xunto a tres fillas e a neta, decidiu pór rumbo a Europa despois de que o seu marido falecese en Sudán, onde as forzas de seguridade someten a detención arbitraria e outros abusos aos opositores e as restricións á liberdade de expresión ou de asociación son constantes, segundo denunciaron organizacións especializadas como Amnistía Internacional.

Safá fuxiu de Sudán e ela e catro familiares foron golpeadas, torturadas e extorsionadas; unha delas foi violada moitas veces

Xa en Libia, Safá e catro familiares foron encerradas, golpeadas a paus e torturadas. Unha das tres irmás decidiu sacrificarse por elas para ser violada cantas veces quixesen polos seus captadores, que as extorsionaron ata que venderon a súa casa para pagar os 20.000 dinares libios (14.500 dólares) esixidos para financiar a súa liberdade, tal e como explicou a este medio Francisco Gentico, socorrista e fotógrafo a bordo do buque de rescate. 

Safa e Hayad, na cuberta do Open Arms © Francisco Gentico

Daniel, de 17 anos, tamén tivo que pagar pola súa liberdade despois de ser torturado e extorsionado en Libia, onde pasou dous anos. Procede de Eritrea, onde a ONU denunciou que se cometen crimes contra a humanidade sistemáticos: escravitude, prisión, desaparición forzada, tortura, persecución, violacións e asasinatos. El marchou aos dez anos. "Meu pai era soldado e morreu. Miña nai estaba asustada pola conflitividade e decidiu levarnos a Sudán". Ao alcanzar a súa adolescencia, decidiu tentar chegar á UE. "En Eritrea non teño ninguén que me axude e por iso, e pola ditadura, non quero e non podo volver". 

Nos centros de detención e nos campos de adestramento militar de Eritrea cometéronse crimes contra a humanidade de forma "xeneralizada e sistemática" nos últimos 25 anos, segundo denunciou en 2016 un informe das Nacións Unidas. "Eritrea é un estado autoritario. Non hai unha xustiza independente, non hai un Parlamento e non hai outras institucións democráticas. Isto creou un baleiro na lei e a orde e un clima de impunidade para os delitos contra a humanidade ocorridos durante 25 anos. Estes crimes seguen ocorrendo hoxe", afirmaron daquela. Actualmente, "a violación dos dereitos humanos en Eritrea persiste e non hai signos de mellora", sentenciaron desde a ONU hai un ano.  

Antes de ser evacuado do buque catalán, Daniel contou que lle fixeron chamar á súa nai mentres lle daban patadas. "Escapei dúas veces do cárcere, tiven que deixar o meu amigo porque lle dispararon mentres nos iamos. A última vez, secuestráronme e metéronnos nun cuarto baixo terra, onde nos torturaban con electricidade", explica Daniel. Asegura que pagou 4.500 dinares libios (2.870 euros) por unha suposta liberdade que non foi tal. "Vendéronme a outro home que tamén me tivo preso, fun o seu escravo". 

"Escapei dúas veces do cárcere (...) Secuestráronme e metéronnos nun cuarto baixo terra, onde nos torturaban con electricidade", di Daniel, de Eritrea

O seu testemuño é similar ao de Elvis. Foi un dos 60 sobreviventes rescatados pola ONG española en xuño do ano pasado, que finalmente puideron desembarcar en Barcelona tras recibir o permiso do Goberno español. Viviu durante ano e medio encerrado nun búnker escuro do que non podía escapar. "Dicían 'ven, ven' e disparaban. Eu vin como mataron o meu amigo. Antes de matalos, violábanos diante de nós. Baixábanlles os pantalóns e despois asasinábanos", contou o mozo a eldiario.es, a bordo do buque catalán. 

O mesmo sosteñen Evans ou Benjamin, algúns dos migrantes rescatados pola ONG Alan Kurdi o pasado abril que tamén pasaron varios días sen un porto seguro. "En Libia, se te opós a facer o que che piden, mátante e desfanse de ti", relatou Evans. "Desde que cheguei foi un inferno. É o país máis terrible que vin na miña vida", asegurou Benjamin, que, segundo o seu testemuño, foi unha das vítimas do mercado de seres humanos que escandalizou o mundo tras as imaxes difundidas pola CNN. 

Daniel Salomon, eritreo de 17 anos, evacuado do Open Arms este xoves © Francisco Gentico

De Quinto: "Custearon a súa pasaxe coas mafias" 

No seu chío, o político de Ciudadanos tamén atacou os recatados polo Open Arms asegurando que "custearon a súa pasaxe coas mafias". As organizacións especializadas insisten unha e outra vez en que a falta de vías legais e seguras de acceso por parte dos gobernos europeos é o que alimenta o negocio do tráfico de persoas.  

Logo de estudar rutas de tráfico de migrantes de todo o mundo, a Oficina das Nacións Unidas contra a Droga e o Delito (UNODC) concluíu nun informe en 2016 que a demanda é especialmente alta entre os refuxiados, "xa que son persoas que carecen de alternativas para fuxir dos seus países e chegar a un destino seguro". As estatísticas respecto diso son escasas. A UNODC estimou que en 2016 as tres rutas do Mediterráneo xeraron unhas ganancias de entre 320 millóns de dólares e 550 millóns de dólares aos traficantes.  

"Os migrantes que viaxan á UE son potencialmente vulnerables á explotación laboral ou sexual, xa que necesitan pagar a súa débeda aos contrabandistas", advirte a Europol

Tampouco existen datos claros sobre canto pagan os migrantes para subir aos febles botes de goma e os seus testemuños varían. Daniel explica que pagou 2.000 dinares (1.275 euros) para botarse ao mar. Emoran, que tiña 16 anos cando foi rescatado polo Golfo Azzurro, tamén de Proactiva Open Arms, contou que gastou uns 2.200 euros.  

Moitos traballan durante o seu traxecto para aforrar para sufragar a pasaxe ou para pagar as súas débedas cos traficantes, de acordo cun informe da Europol tamén de 2016. "Os migrantes que viaxan á UE son potencialmente vulnerables á explotación laboral ou sexual, xa que necesitan pagar a súa débeda aos contrabandistas. Agárdase que estes tipos de explotación aumenten nos próximos anos", afirmou daquela a Oficina Europea de Policía.

Algúns reciben axuda da súa familia, como os familiares de Emoran, que reuniron entre todos os cartos suficientes para que o menor puidese alcanzar Europa. "Non podo volver pagar o diñeiro que custa o billete. Non podo volver atrás, non podo! Como vou explicar á miña familia que todo ese diñeiro non serviu para nada? Antes prefiro morrer afogado que cargar con esa vergoña", sentenciou a bordo do Golfo Azzurro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.