“Non poden vir 18 días tarde a dicirnos que o Open Arms vaia a España: é postureo mediático”

Óscar Sánchez, presidente de Proactiva Open Arms, a bordo do barco © Olmo Calvo

Óscar Camps, presidente da ONG, carga desde o barco contra a oferta de portos de atraque do Goberno central: considera que "chega tarde" e xera unha "intromisión que obstaculiza todos os avances" para desembarcar no porto máis próximo

Leva 19 días dun país a outro, chamada tras chamada, para abrir "todas as canles posibles" co obxectivo de desembarcar de maneira segura o centenar de persoas rescatadas polo Open Arms. Este domingo, Óscar Camps, o presidente da ONG, non daba creto da oferta de Pedro Sánchez, coñecida a través dos medios de comunicación. España, tras dúas semanas, abría os seus portos aos 107 náufragos.

"Repetimos varias veces que non podemos máis, a situación é insostible, e pídennos transportalos a 500 ou 1.000 millas máis. Que parte non entenderon?", pregúntase o presidente de Proactiva Open Arms. Camps atende vía telefónica desde Lampedusa. As súas respostas evidencian unha fonda indignación ante unha oferta que valora como "un obstáculo" máis que como "unha axuda". 

O Goberno español ofreceu o porto de Mallorca para recibir o Open Arms. Que van facer?

Imos seguir facendo o que estamos a facer. Soportar máis tensión, máis angustia, máis presión. Porque, no canto de descargarnos da situación, os estados de Italia e España queren meternos máis presión e responsabilizarnos dun transporte que consideramos perigoso. Sorpréndeme moito que a Dirección Xeral da Mariña Mercante emita en xaneiro unha resolución que nos di que o noso barco non pode garantir a seguridade dos tripulantes, que os etiqueta de "pasaxeiros" e que carecemos dos certificados de buque de pasaxe. Agora, despois de 18 días de desgaste dille a unha organización tan pequena como a nosa, cuns recursos limitados, non só que asumamos a responsabilidade da vida destas persoas, que xa a temos, senón a seguridade de transportalas a 500 ou 1.000 millas máis. Entendemos que non é a solución, temos a solución a 800 metros. 

O Executivo español asegura que lles proporcionarán "o que sexa necesario" para realizar o traslado de maneira segura. Que necesitarían para poder aceptar? Déronlles xa algunha solución concreta?

"Como nos piden que fagamos 1.000 millas con máis de 100 persoas a bordo? Se teñen un barco para acompañarnos, que os leven a todos nunhas condicións de seguridade e dignidade. Eu levaríaos en avión, que é máis fácil que mover o Open Arms"

A garda costeira ofreceunos os recursos necesarios, incluso a escolta dos seus barcos e levar unha parte das persoas a bordo. Aínda nos sorprende máis cando nos decatamos de que a escolta do Aquarius custou ao erario público italiano 290.000 euros só por un dos barcos, o Diccioti. O outro non cuantificou o que custaba. Un Airbus, que ten máis de 200 prazas, custa moito menos. O noso barco non está capacitado para viaxar a España. Non podemos máis. Non nos vemos responsables de todo isto, levamos desde o venres alertando da dramática situación a bordo. Como nos piden que fagamos 1.000 millas con máis de 100 persoas a bordo? Se teñen un barco para acompañarnos, que os leven a todos nunhas condicións de seguridade e dignidade. Eu levaríaos en avión, que é máis fácil que mover o Open Arms. Onte lanzáronse ao mar. E se pasa iso en marcha? Diversos informes médicos denunciaron cal é a situación a bordo. A Fiscalía italiana inspeccionounos o sábado e comprobou que a situación a bordo era inhumana, inaceptable. Dixéronnolo a bordo. 

A Fiscalía de Agrigento emitiu xa o seu ditame?

A Fiscalía está a traballar na investigación, pero a intromisión de España en todo isto obstaculiza todos os avances para desembarcar no porto máis próximo. Cando o Centro de Coordinación de Salvamento pedira o desembarco e unha resolución falaba de que estas persoas debían ser atendidas, de súpeto aparece España e di que se fai cargo. Non sei ata que punto o fai para que se aplauda a acción, que chega 18 días tarde. O que debería facer España é, desde o principio, esixir a Italia cumprir coas súas obrigas legais. Iso é o que espero do meu Goberno. Que non nos encargue a responsabilidade da viaxe cando non podemos garantir a seguridade… 

Daquela, ven na oferta do Goberno un obstáculo para lograr o desembarco en Lampedusa?

Claro. Paralizou todas as xestións que se estaban facendo para abrir o porto de Lampedusa. Nós levamos varios días alertando da incapacidade para mover o barco nestas condicións. Escribimos o venres a Pedro Sánchez, Emmanuel Macron e Angela Merkel para dicirlles que non aguantabamos máis. A situación era ingobernable e non nos faciamos responsables das persoas a bordo.

O Goberno español contestoulles daquela ou falaron coa tripulación antes de realizar a oferta?

Non, non nos responderon daquela nin se puxeron en contacto connosco. E onte dixéronnos que vaiamos a España. Que é o que non entenderon? Que nos mande un magnífico barco de pasaxe para levar en condicións de dignidade a estas persoas. Así deberían chegar, non amontonadas na cuberta onde levan 19 días nunha situación inhumana. Mantelos un día máis non é a solución, senón desembarcalos en Italia. Poden permanecer en tránsito nun hotspot en Lampedusa e levalos a España nun avión, que custa menos de 40.000 euros. É máis económico que a gasolina de navegar ata alí en barco. Está a utilizarse como campaña política: Salvini de cara ao posible adianto electoral e Pedro Sánchez tenta rememorar un Aquarius, pero quere que a festa a pague a ONG. Déixannos a responsabilidade do que consideramos un perigo. 

Persoas rescatadas no Mediterráneo pola ONG Open Arms Dominio Público Open Arms

Carmen Calvo afirmou que o Open Arms puido entrar en Malta e negouse. É certo?

O Goberno afirma que Malta aceptou o desembarco e o barco negouse. “Non é certo, quere vendernos como os malos da película”, responde Camps

Non. Malta denegounos o desembarco desde o primeiro momento. Tras o último rescate, Malta ofreceu quedar só a 39 rescatados, cando tiñamos a máis de 100 que levaban 15 días a bordo e non quería saber nada deles. O resto mobilizouse, estivemos a piques de ter un motín a bordo cando, 10 horas despois do rescate, achegouse unha patrulleira maltesa. Montouse unha revolta a bordo porque pensaron que ían ser deportados a Libia cando viron a embarcación maltesa, que polo visto son parecidas. O capitán só podía frear esa situación pero non podía realizar a transferencia, repito, de só de 39 persoas. Nunca se nos ofreceu desembarcar ao resto. O que está a facer Carmen Calvo é tentar meternos no seu relato gañador e vendernos como os malos da película. Está a terxiversar a información para confundir á opinión pública. Non poden vir 18 días máis tarde a dicir que vaiamos a España. Isto é pose mediática. Esgotamos todos os recursos. Non é cousa de auga e comida. É unha cuestión de recursos humanos, necesitamos revisar o barco, mantelo, cambiar a tripulación. Estamos esgotados. Nós non somos os taxis do mar. A nosa misión é protexer a vida humana en augas internacionais onde non hai ninguén e onde morren centos de persoas. Se España quere recibilos, debería vilos buscar. Ou que os traslade Italia nun buque en condicións. Tamén poden fretar un avión, que vale pouco: por que non os desembarcan aquí e logo os levan a España en avión?

Por que non se ven capacitados para chegar a Mallorca nestes momentos?

Calquera movemento vai supoñer unha revolta. Somos 17 persoas a bordo. Nove encárganse de que o barco funcione. As outras oito persoas restantes teñen que frear pelexas, atender crises de ansiedade, asistir a quen require asistencia sanitaria polas feridas, preparar a comida e manter a vida a bordo. É insostible durante 19 días. Que veñan ao barco para que saiban o que está a pasar aquí. A nosa misión é volver a augas internacionais canto antes, alí é onde deberiamos estar, salvando vidas. Hoxe chegaron varias pateras a Lampedusa. Primeiro 19 persoas e hai pouco acaba de chegar outra de 32. Están a chegar e estanse saltando o cerco militar no que teñen pechado ao Open Arms. Tíranse á auga, témolos que rescatar, mentres entran cada día varias pateras. 

Foi moi crítico coa falta de apoio do Goberno desde que empezou a crise. Cal foi a resposta do Executivo desde os primeiros rescates? Se en ningún momento lles pediron permiso para desembarcar, que lles solicitaban?

Ao Goberno pedímoslle que protexa os dereitos dos cidadáns españois que ten ao seu cargo a vida de 137 persoas nun buque de bandeira española. Estabamos nunha situación de desamparo cando Italia se negou a cumprir coa resolución do tribunal. O único que pediamos era que recriminasen publicamente a Italia e Malta que non cumprían, que nos acompañasen ao Tribunal de Hamburgo a denunciar esta mala praxe.

Francia e Alemaña tiveron un papel máis activo na procura de solucións?

As autoridades de Francia e Alemaña animáronse a atendernos e recibirnos: o Goberno español púxose de perfil durante 12 días. Hai 12 días, Ada Colau ofreceu o porto de Barcelona. Se aceptase, isto solucionaríase hai 10 días. 

Pero o capitán nunca chegou a solicitar o desembarco a España. Por que? 

Non o pedimos porque esgotamos todas as vías legais posibles para que o país ao que lle correspondese atendese aos convenios internacionais e obedecese o que marca a lei. Debiamos desembarcar no porto máis seguro máis próximo. Interpuxemos un recurso contra o decreto de seguridade de Salvini. Queixábanse da mala praxe italiana pero ninguén fixo nada. Autorizounos a entrar en augas italianas, porque Italia é o porto máis seguro. Tendo un recurso a favor, xa era máis fácil forzar a facer cumprir as obrigas do Goberno italiano que responsabilizar á ONG que fixo o esforzo de rescatalas. E no canto de protexernos, Ábalos dedicouse a dar entrevistas nas que nos atacaba. 

Cal é a situación actual a bordo?

“Que Carmen Calvo veña ao barco a explicar a súa oferta cando os rescatados se afasten de terra e volvan as ondas e os vómitos”

Peor que onte, mellor que mañá. 107 persoas están a ter que facer as súas necesidades nun só retrete porque se estragou o outro. Comendo arroz constantemente, cada vez temos menos cartos para ir a porto a comprar froita e verdura. Os ánimos están cansos. A calor de hoxe aumenta aínda mais a agresividade e a proximidade a terra multiplica a desesperación. Quérensenos tirar ao mar e eu tamén o faría. 

Carmen Calvo defendeu a súa oferta e defende que "unha vez que ese barco estea ben e colla rumbo con todo tipo de axuda e necesidades sanitarias, os migrantes estarán tranquilos de que navegan con certeza e seguridade". Cre que é así?

Que veña ela ao barco para explicarllo, que lle pagamos a viaxe. Que llo conte cando poñamos rumbo ao sur e deixen de ver a terra. Que lles conte que serán dous ou tres días máis coas mesmas ondas e os mesmos vómitos que hai uns días, cando Malta e Italia nos negaron protexernos nas súas augas do temporal. Repítolle á vicepresidenta que non somos os taxis do mar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.