Unha concentración reclama na Coruña o “dereito ao refuxio” máis alá do Open Arms, xa en augas italianas

Concentración na Coruña en apoio do Open Arms Dominio Público @EUcoruna

Un tribunal revogou a decisión do Goberno de Italia de prohibir ao barco con 146 rescatados achegarse ás súas costas, pero o buque agarda polo permiso de desembarco

Na tarde deste mércores, ao tempo que un tribunal italiano revogaba a prohibición do Goberno de Italia de que o barco Open Arms con 146 rescatados a bordo entrase nas súas augas territoriais, unha concentración reclamaba na Coruña, diante da Subdelegación do Goberno, o “dereito ao refuxio” e o respecto ás normas internacionais máis alá do novo conflito puntual arredor do buque de bandeira española. Este xoves o Goberno central aceptou finalmente acoller parte dos refuxiados do barco.

En Italia, unha resolución do Tribunal Administrativo do Lacio anulou o mércores a prohibición de entrada do Open Arms a aguas xurisdicionais do país e aumentou a presión sobre o Gobierno italiano ante a súa negativa a permitir o acceso a porto do buque tras 14 días bloqueado en alta mar. A primeira hora deste xoves, o Open Arms anunciou a través de Twitter que xa fondeou en augas italianas coa autorización por parte das autoridades do país, aínda que non ten permiso para entrar en porto. "O decreto de Salvini deixou de ter efecto a pesar das ameazas dun novo. Unha noite longa, pero o final achégase", dixeron. O ministro do Interior italiano, con todo, mostrouse impasible tras a resolución xudicial. "Vivimos nun país no que un avogado do Tribunal Administrativo (da Rexión) do Lacio quere dar permiso para desembarcar en Italia a un barco estranxeiro cheo de migrantes. Eu volverei asinar nas próximas horas o meu 'non'", declarou Salvini durante un acto en Xénova.

A primeira hora deste xoves, o Open Arms anunciou a través de Twitter que xa fondeou en augas italianas

Para o xulgado a documentación presentada polo Open Arms evidencia unha situación "de excepcional gravidade e urxencia" que xustifica a anulación cautelar da prohibición de entrada en augas territoriais italianas. O maxistrado insta ao Estado italiano a "prestar asistencia inmediata ás persoas máis necesitadas rescatadas, como xa se produciu nos casos máis críticos".

Tamén este mércores, ás oito da tarde, unha concentración na Coruña ante a Subdelegación do Goberno reclamou “portos seguros” e o respecto ás normas internacionais que garanten o “dereito ao refuxio”. A concentración foi convocada polo Foro Galego de Inmigración e foi apoiada pola A.C.Alexandre Bóveda, Aire, Anova, BNG, CC.OO., Coruña contra a Guerra, Esquerda Unida, Fotos contra a Guerra, Marcha Mundial pola Paz e a nonviolencia, Marea Atlántica, Mundo sen Guerras e sen Violencia, Podemos, Oxfam Intermón, Sos Racismo Galicia, UGT e Vangarda Obreira.

Imaxe da concentración na Coruña en apoio do Open Arms Dominio Público @EUcoruna

A convocatoria da Coruña acusou os Gobernos de España, Italia e Malta de "non respectar o dereito internacional"

A convocatoria da concentración acusou os Gobernos de España, Italia e Malta de "non respectar o dereito internacional", subliñando que o Estado Español se está a "desentender cun barco con bandeira española", e que con esta decisión se converte en "cómplice da política criminal de Salvini". "Os Gobernos están a incumprir vergoñentamente coas obrigas que lles impón o dereito internacional ao negar un porto seguro a persoas que poderían sufrir torturas se son devoltas a Libia e que están esgotadas e necesitan protección e coidados", sinalan. Na convocatoria pedíronse "vías de acceso seguras para as persoas solicitantes de asilo" e, así mesmo, "que se cumpra a lei do mar e se leve a porto seguro ás persoas que naufragan". Finalmente, esíxese que a UE "cumpra co dereito de asilo e reforme o sistema de Dublín que obriga a solicitar asilo no país polo que se entra á UE".

Este xoves o Goberno central aceptou finalmente acoller parte dos refuxiados do Open Arms

Tras a resolución do tribunal italiano e diversas negociacións internacionais, este xoves o Goberno central aceptou finalmente acoller unha parte dos refuxiados do Open Arms tras dúas semanas de negativas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.