Unha concentración na Coruña reclama "portos seguros" para os 245 refuxiados rescatados no Mediterráneo

Algunhas das persoas rescatadas en alta mar polo 'Open Arms' Dominio Público Open Arms

Máis dunha ducia de organizacións e entidades chaman este mércores a unha concentración na Coruña reclamando que as 245 persoas refuxiadas rescatas no Mediterráneo polos buques Open Arms e Ocean Viking (da ONG Médicos sen Fronteiras) poidan acceder a "portos seguros", o que de momento foi denegado polos Executivos europeos. 

A concentración terá lugar este mércores ás 20 horas ante a Subdelegación do Goberno

A concentración, que terá lugar ás 20 horas ante a Subdelegación do Goberno, está convocada polo Foro Galego de Inmigración e é apoiada pola A.C.Alexandre Bóveda, Aire, Anova, BNG, CC.OO., Coruña contra a Guerra, Esquerda Unida, Fotos contra a Guerra, Marcha Mundial pola Paz e a nonviolencia, Marea Atlántica, Mundo sen Guerras e sen Violencia, Podemos, Oxfam Intermón, Sos Racismo Galicia, UGT e Vangarda Obreira.

Na convocatoria lémbrase que no que vai de ano 840 persoas perderon a vida no Mediterráneo e acusa os Gobernos de España, Italia e Malta de "non respectar o dereito internacional", subliñando que o Estado Español se está a "desentender cun barco con bandeira española", e que con esta decisión se converte en "cómplice da política criminal de Salvini". 

"Os Gobernos están a incumprir vergoñentamente coas obrigas que lles impón o dereito internacional ao negar un porto seguro a persoas que poderían sufrir torturas se son devoltas a Libia e que están esgotadas e necesitan protección e coidados", sinalan.

A convocatoria acusa os Gobernos de España, Italia e Malta de "non respectar o dereito internacional"

Na convocatoria pídese "vías de acceso seguras para as persoas solicitantes de asilo" e, así mesmo, "que se cumpra a lei do mar e se leve a porto seguro ás persoas que naufragan". Finalmente, esíxese que a UE "cumpra co dereito de asilo e reforme o sistema de Dublín que obriga a solicitar asilo no país polo que se entra á UE".

Este luns Open Arms solicitou asilo urxente na embaixada de España en Malta para 31 menores rescatados en alta mar, lembrando que cumpren as condicións para ser recoñecidos como refuxiados. A ONG alerta de que "cada día que pasa é máis difícil" a situación no barco e denuncia o "silencio" dos gobernos europeos.

Cartel da concentración convocada na Coruña © Coruña contra a Guerra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.