Óscar Corral (Santiago, 1981), fotógrafo de El País en Galicia, onde tamén colabora coa axencia EFE e outros medios, foi un dos catro únicos xornalistas que embarcaron hai unhas semanas no buque Aquarius das ONG Médicos Sen Fronteiras e SOS Mediterranée para relatar o día a día do rescate de migrantes náufragos no Mediterráneo. Non sabía que esa singradura ía ser unha das que máis cobertura mediática tería dos últimos anos, unha vez que o barco rescatou 629 persoas e se abriu o debate de cal debía ser o seu porto de destino. Corral, que gañou o premio Galicia en Foco 2016 e cubriu, entre outras crises ademais da dos refuxiados, as dos incendios en Galicia ou o accidente de Angrois, reflexiona sobre esa experiencia.
Como acabou un fotógrafo galego embarcado no Aquarius?
A cuestión é que non cheguei ao Aquarius cando comezou a crise humanitaria do barco senón que xa estaba embarcado. Tres días antes de que comezara todo zarpamos unha compañeira e máis eu para facer o que pensabamos que ía ser unha cobertura máis facendo un rescate calquera. A idea era facer unha reportaxe ao comezo deste verán porque xa se supuña que ía ser un verán con moita saída de pateiras. Xusto antes de partir ocorren os cambios de goberno en España e Italia, con Salvini e Sánchez, e xa saímos un pouco preocupados. Pero ía ser unha cobertura como calquera outra.
Cal foi o momento máis duro da viaxe?
"Probablemente os momentos máis tensos foron cando o barco se parou; non entendían por que nos parabamos alí cando xa se vía a costa de Italia"
Foron dous. O máis duro probablemente é o do rescate, como vivencia persoal de ver o que está alí acontecendo. Pero unha vez feito o rescate, que foi de noite, e no que o momento máis tenso foi cando unha pateira naufragou e houbo moita xente na auga que non sabía nadar, probablemente os momentos máis tensos que se viviron na viaxe do Aquarius foron cando o barco se parou. O Mediterráneo é un mar moi calmo e vese perfectamente que estás parado. Ata que se lles puido explicar aos migrantes por que o barco estaba parado, foi un momento de tensión porque eles non entendían que vendo a costa de Italia, o Etna, non entendían por que nos parabamos alí. Houbo incluso algún que quería tirarse a nado e houbo que convencelo de que aínda que parecía preto era moi lonxe. E o outro gran momento de tensión foi cando se lles trasladou aos migrantes que iamos cara a Valencia, porque aínda que ao mellor cara á prensa se trasladou a alegría maioritaria no barco porque a xente quería chegar a porto, houbo xente a bordo que vén de países que teñen convenio de extradición con España, que estaban intentando cruzar por Libia cara a Italia para evitar España. Dicirlles que iamos a España era problemático. As ONG, sabendo isto, moi profesionalmente os separaron para poder ter unha reacción controlada. E tamén houbo tensión cando se acabou a comida, pero grazas á presión e probablemente a que había medios de comunicación no barco, non chegou a faltar a comida en ningún momento.
E o momento máis alegre?
"Para os máis pequenos o momento máis alegre foi cando as ONG solicitaron e conseguiron que as autoridades italianas trouxeran xoguetes"
Pois eses dous momentos á inversa. Cando se lles trasladou, tras estar parados varios días, que España ofrecía un porto seguro. E o momento da chega a porto. E para os máis pequenos, cando as ONG solicitaron e conseguiron que as autoridades italianas trouxeran xoguetes.
As propias ONG e os xornalistas non gráficos que estaban a bordo do Aquarius divulgaban imaxes en tempo real en redes sociais. Cal é o papel dun fotoxornalista nunha crise humanitaria no século XXI das redes sociais e o audiovisual?
Este foi un caso especial porque probablemente volvemos a unha época anterior en que non había tanta xente a bordo competindo por captar imaxes. Se isto pasase en terra firme, moita máis xente enviaría imaxes, habería moita máis saturación. Así puiden ter o privilexio de establecer unha relación moito máis ordenada, clara, do que estaba a pasar no barco. As ONG e os compañeiros enviaban outras imaxes, de teléfonos móbiles, pero non había ninguén máis facendo unha cobertura gráfica como a miña. É algo excepcional hoxe en día. A cobertura ten menos fotos pero pode quedar unha maior impresión na opinión pública.
Unha das críticas que fan as ONG aos gobernos que lles impiden traballar no Mediterráneo é que o fan para silenciar o que alí está a pasar. Que atrancos atopan os xornalistas?
"Moi acertadamente todos os barcos que traballan na zona de rescate levan sempre xornalistas a bordo para evitar que se silencie o que alí pasa"
Xusto por iso que din as ONG de silenciar é polo que creo que moi acertadamente todos os barcos que traballan na zona de rescate levan sempre xornalistas a bordo. Nós queriamos contrapoñer na reportaxe que nos levou alí os tres tipos de rescates que se producen nesa zona, os das ONG, os dos gobernos ou militares e os dos mercantes que pasan por esa zona. Fixemos a cobertura nosa no barco da ONG e tamén en mercantes, pero non conseguimos introducir ningún equipo de xornalistas en barcos militares, só facilitaron imaxes súas a propia capitanía italiana. Esa parte, os rescates militares, é a máis opaca. E posteriormente coa expulsión das ONG por parte do Goberno italiano da súa zona de rescate, esa zona é agora a máis opaca.
Pasou case un mes do inicio da crise do Aquarius e segue habendo rescates case a diario pero xa non se fala tanto deles. Pasa así con todas as coberturas xornalísticas de emerxencias?
"Fomos facer unha reportaxe ao comezo do verán pensando que ía ser o inicio do período de maior afluencia, e coincidiu a crise do Aquarius, pero o problema vaise dar durante todo o verán"
Os medios responden a un modelo de negocio informativo que introduce información a demanda da súa audiencia. O Aquarius colleu repercusión pola acumulación de circunstancias, por ser o primeiro barco que non conseguía atracar en Italia coa chegada de Salvini ao poder ao tempo que Sánchez daba un xiro de política en España. Todo iso axudou a que a nova collera pulo. Pero insisto en que nós estabamos alí para cubrir unha realidade que xa se prevía, que se leva dando desde hai anos e que vai seguir. O pico informativo produciuse de xeito anómalo cando nós estabamos alí, pero El País xa decidira facer o esforzo informativo de facer unha reportaxe ao comezo dun verán que se prevía conflitivo. Aos migrantes do Aquarius déuselles unha saída excepcional, pero non foron os primeiros nin serán os últimos. Hai que darlle algunha solución porque o problema sigue existindo, pero tamén forma parte do noso traballo intentar que non se mire para outro lado. Nós fomos ao comezo do verán pensando que ía ser o inicio do período de maior afluencia, e coincidiu a crise do Aquarius, pero o problema vaise dar durante todo o verán aínda que non haxa tanta presenza de xornalistas ou ONG. E a solución que deu o Goberno español non é viable para as ONG porque é moita distancia para rescates que se producen en augas fronte a Libia.
"Para min as coberturas máis duras son as dos incendios porque tocan de preto, afectan un ano tras outro, a xente da túa contorna, onde adoitas traballar todo o ano, e ves que non hai melloría senón que volve haber mortos"
Cubriches o accidente de Angrois e a súa investigación posterior, os incendios de cada verán en Galicia ou protestas sociais de todo tipo. Cal foi a cobertura máis dura da túa carreira?
Probablemente, aparte da excepcionalidade desta cobertura do Aquarius que pode ser a que máis transcendencia tivo na miña cobertura laboral, para min as coberturas máis duras son as dos incendios porque tocan máis de preto. Afectan un ano tras outro, a xente da túa contorna, onde adoitas traballar todo o ano. E ves que non hai melloría senón que volve haber mortos. De todos os xeitos, os fotoxornalistas temos unha falsa seguridade detrás da cámara que nos afasta da realidade en primeira persoa. En moitas coberturas temos unha falsa sensación de protección tras da cámara que non é certa porque estás pasando os mesmos perigos que as persoas que te rodean. A excepcionalidade da cobertura do Aquarius foi a de traballar durante tantos días coas mesmas persoas, que cando marcharon se despediron polo nome. Non é habitual traballar durante tantas horas seguidas nun mesmo tema.