O 'Aita Mari' chega a Galicia: "Non hai un 'efecto chamada', hai un 'efecto saída', de xente que foxe da morte"

O barco 'Aita Mari' está xa no Porto da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Nos anos 2017 e 2018 máis de 5.000 persoas morreron afogadas no Mar Mediterráneo tentando chegar ás costas europeas, unha media de máis de seis cada día. A maior parte destas mortes tiveron lugar no Mediterráneo Central, fronte ás costas de Libia. Ante a pasividade dos gobernos europeos, varias ONG desprazaron ata o lugar barcos para tentar salvar a vida destes náufragos e náufragas e levalas a un porto seguro. Así o fixeron dende España o Open Arms e o Aita Mari. 

O Aita Mari  percorrerá distintas cidades, comezando pola Coruña, para denunciar o bloqueo imposto polo Goberno central

A chegada ao poder en Italia do M5S e da Liga Norte bloqueou os portos italianos ás persoas rescatadas e a pesar de que nun primeiro momento o Goberno de Pedro Sánchez permitiu que o Open Arms desembarcase en España varios grupos de refuxiados, este mes de xaneiro o Executivo deu un xiro á súa política, impedindo mesmo a saída do Open Arms e do Aita Mari cara ao Mediterráneo central.

O Aita Mari, un antigo atuneiro con base en Euskadi, leva dous meses litigando co Goberno español para conseguir que lle permita partir. A embarcación, xestionada pola ONG Salvamento Marítimo Humanitario, levantou áncoras hai uns días de Pasaia (Guipúscoa) para percorrer distintas cidades, comezando pola Coruña, nas que denunciará o bloqueo imposto polo Executivo e demandará un cambio de postura das institucións europea cara ao rescate e acollida das persoas refuxiadas. Nestes dous meses 152 persoas morreron afogadas nas costas libias e outras 6 pateras foron devoltas en quente ao territorio deste país africano en permanente situación bélica.

A tripulación do barco está formada por catro mariñeiros/as e tres voluntarios/as CC-BY-SA Praza Pública

Durante a súa estadía no porto coruñés a tripulación do Aita Mari, en cooperación coas entidades que compoñen a plataforma Acampa pola Paz, levará a cabo actividade de información e concienciación, comezando por unha concentración convocada este xoves 21 ás 20 horas ante a Delegación do Goberno e unha charla que terá lugar o venres 22 ás 19.30 horas na Casa Museo Casares Quiroga.

Este xoves está convocada unha concentración ante a Delegación do Goberno e o venres haberá unha charla informatíva na Casa Museo Casares Quiroga

"Queremos denunciar a pasividade da UE ante as mortes no Mediterráneo Central. Van xa dous meses dende que o Goberno de Pedro Sánchez decidiu denegarnos o permiso para navegar. E neste tempo seguiu habendo mortes na zona", lembra Marco Martínez, capitán do Aita Mari. "Sen barcos de rescate na zona, as pateras seguen facéndose á mar. A guerra e a miseria empúrranos a tomar esta dura decisión. Non é un efecto chamada, é un efecto de saída. A xente foxe do Estado Islámico, da pobreza e de países nos que non se respectan os dereitos humanos. A xente foxe da morte, e se houbese outro continente máis cerca irían a el, pero é Europa o que lles queda máis preto", di.

Martínez rexeitou os argumentos legais empregados polo Goberno central para denegarlles o permiso para partir, como xa fixeron xuíces, fiscais e outros expertos. "Din que non contamos con certificados para navegar con máis de 20 persoas. Pero unha cousa é o despacho [a tripulación e pasaxeiros permanentes do buque] e outra os náufragos que o barco pode transportar. Nós podemos transportar 120 náufragos a 74 quilos por persoa", explica. "Non falamos nin sequera de inmigrantes, falamos de náufragos, que teñen o dereito a ser rescatados segundo a lexislación internacional", salienta o capitán.

"Non falamos nin sequera de inmigrantes, falamos de náufragos, que teñen o dereito a ser rescatados segundo a lexislación internacional"

Marco Martínez sinalou que "Nestes días que estaremos na Coruña queremos lembrar a relación entre políticas migratorias e mortes no Mediterráneo. O Goberno español ten a obriga de presionar a Italia e a Malta para que faciliten esta operación en vez de mirar para outro lado, algo polo que xa foi felicitado por Matteo Salvini".

"Dende Salvamento Marítimo Humanitario reclamamos rutas seguras e unha política migratoria europea responsable. Reclamamos a corresponsabilidade de todos os Estados membros da UE para dar unha resposta solidaria e conxunta ao fenómeno das persoas desprazadas. Para que ninguén se vexa obrigada a meter os seus fillos nunha barca rumbo á morte", afirma o capitán do Aita Mari. "Nós representamos os valores da Unión Europea: fraternidade, igualdade e legalidade e a defensa dos dereitos humanos. Pero parece que os países da UE abandonaron estes valores que deberían rexer as súas accións", remata.

O 'Aita Mari' no Porto da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.