Non é habitual que unha campaña para recoller sinaturas acabe como punto do día no Congreso. E menos aínda que a iniciativa en cuestión conte co consenso da maior parte do hemiciclo. É o que sucedeu este martes coa iniciativa popular para regularizar medio millón de persoas que viven en España pero que non contan cun documento oficial que o probe.
O Congreso aproba por ampla maioría absoluta o primeiro trámite da iniciativa lexislativa popular para regularizar a situación administrativa de arredor de medio millón de persoas migrantes
Os impulsores da iniciativa, que conseguiu máis de 700.000 firmas, e recibe o apoio de asociacións tan diversas como a Conferencia Episcopal, o Soviet de Getafe, a Irmandade Obreira de Acción Católica, o Colectivo de Prostitutas de Sevilla -no caso de Galicia, figuran entidades como Agareso, Foro Galego da Inmigración, Rede Galega de Apoio a Persoas Refuxiadas ou Plataforma Feminista Galega- , contou co apoio para a súa admisión a trámite de todas as formacións da Cámara agás Vox.
Os promotores da regularización deféndena pola situación de "vulnerabilidade e desprotección" deste medio millón -segundo os seus cálculos serían entre 390.000 e 470.000 persoas, das cales unha terceira parte son menores- e destacan os beneficios que obtería o Estado despois da regularización, que levaría, segundo a exposición de motivos da ILP, unha forte achega económica e fiscal, tendo en conta que afloraría a economía irregular á que se ven abocadas as persoas que son obxecto da medida.
O certo é que, segundo datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións no seu último informe sobre a inclusión dos migrantes no mercado laboral, desde o ano 2002 a poboación en idade de traballar nacida no estranxeiro creceu en case 4,2 millóns. A pasada lexislatura, o equipo encabezado polo daquela ministro de Seguridade Social, José Luis Escrivá, situaba ese saldo migratorio -diferenza entre inmigración e emigración- nunhas 300.000 persoas en 2024, 200.000 ao redor de 2030 e de 400.000 en 2045 e defendían que os fluxos migratorios "compensarían as carencias da man de obra do mercado". [Galicia gañou máis de seis mil habitantes o pasado ano grazas ao aumento da poboación nacida no estranxeiro]
As entidades promotoras da regularización, dende entidades que traballan con migrantes a organizacións feministas ou a Igrexa, deféndena pola situación de "vulnerabilidade e desprotección" das persoas en situación irregular, pero tamén destacan os beneficios que obtería o Estado
Son, ademais, os que se dedican ás tarefas máis precarias. Un 75% deles ocúpase en empregos elementais e mal pagos teñan ou non formación universitaria, segundo o informe Un arraigo sobre el alambre, elaborado por Cáritas xunto co Instituto Universitario de Estudos sobre Migracións da Universidade Pontificia de Comillas (IUEM).
Os promotores da iniciativa tamén destacan que se trata dun mecanismo que foi utilizado por un importante número de países ao longo das últimas décadas. Só na Unión Europea, subliñan, "leváronse a cabo 43 programas de regularización en 17 Estados membros" -as máis recentes foron as realizadas por Portugal e Italia en plena pandemia- mentres España, desde o ano 1985 até o 2005, realizou seis regularizacións extraordinarias, das coñecidas como masivas ou en bloque, baixo os mandatos de Felipe González (PSOE), José María Aznar (PP) e José Luis Rodríguez Zapatero (PSOE).
Sumar teme que o PSOE deixe morrer a norma no prazo de emendas
A incógnita sobre se a iniciativa sairía adiante mantívose até o final, pero mesmo o PP votou a prol malia ás críticas que esgrimiu co mantra dos "papeis para todos". Pola súa banda, a socialista Elisa Garrido asegurou que o seu grupo votaba a favor polo "respecto" que merece este procedemento constitucional de participación directa dos cidadáns na política lexislativa, pero en privado fontes da dirección do PSOE xa avanzaban que a emendarían durante o trámite parlamentario. Así, o socio minoritario do Goberno, Sumar, teme que os socialistas queiran "deixar morrer" a norma no trámite de emendas.
A deputada Gala Pin, representante do grupo dirixido por Yolanda Díaz, pediu a regularización das persoas estranxeiras "por xustiza social, porque ningunha persoa é ilegal" e insistiu en que o Goberno de Pedro Sánchez ten o "mandato" de "levar a cabo" esta regularización se así o decide a Cámara Baixa. "Esperamos que mañá, como moi tarde, se cree un grupo cos diferentes ministerios implicados e que teñen competencias, para poder levar a cabo esta iniciativa e o cumprimento deste mandato", sinalou. O voceiro do grupo, Íñigo Errejón, atribuíu a motivos electoralistas o cambio de posición do seu socio.
Néstor Rego (BNG) subliña a "inmensa carga de humanidade e decencia" da iniciativa: "Non se pode condenar a ningún ser humano a quedar fóra do recoñecemento de dereitos humanos e democráticos esenciais"
Os socios parlamentarios habituais do Goberno tamén se mostraron favorables á iniciativa, desde o BNG a Junts Per Cataluña. Con todo, mesmo entre eles hai matices. Así, o deputado do Bloque, Néstor Rego, destacou a "inmensa carga de humanidade e de decencia" da iniciativa, "que parte do traballo das propias persoas migrantes". "Non se pode condenar a ningún ser humano a quedar fóra do recoñecemento de dereitos humanos e democráticos esenciais", engadiu. Nun sentido semellante, o deputao de Podemos Javier Sánchez, circunscribiu o debate a unha cuestión de pura "democracia", mentres o deputado de Junts Josep María Cervera defendían, do mesmo xeito que o PSOE, que o voto favorable do seu grupo era por "respecto" ás organizacións pero que non supuña necesariamente un apoio ao "fondo" da cuestión.
Un dos máis contundentes foi Jordi Salvador, de Esquerra Republicana. "Se non se vota si por conviccións democráticas, humanitarias, fagámolo por conviccións económicas, porque a regularización beneficia á economía e á sociedade de acollida": "Se somos coherentes cos dereitos humanos, non podemos permitir que miles de persoas vivan nas condicións de precariedade e vulnerabilidade máis profundas por mor da súa situación administrativa irregular", defendeu o parlamentario republicano. Na mesma liña pronunciouse Jon Iñárritu, de EH Bildu, que alertou tamén do risco de que esta iniciativa "quede nun conxelador durante toda a lexislatura" e esixiu "papeis para todos e para todas".
As regularizacións de González, Zapatero e Aznar
Con Felipe González houbo dúas regularizacións deste tipo, en 1985 e 1991. A Lei de Dereitos e Liberdades dos Estranxeiros de 1985 establecía que "a situación dos estranxeiros que se atopan en España insuficientemente documentados, na data de entrada en vigor da presente lei, poderá ser regularizada", introducindo unha serie de excepcións e requisitos. Houbo 38.181 solicitudes, das que saíron 34.832 regularizacións, un 91,2%. A segunda regularización de González aprobouse no Congreso sen votos en contra en abril de 1991.
De 1985 a 2005 o Goberno de España realizou seis regularizacións extraordinarias de persoas migrantes
Pola súa banda, con José María Aznar na Moncloa producíronse en tres momentos do seu mandato, 453.891 regularizacións, dun total de 623.995 solicitudes, o que supuxo un 72,7%. Aznar regularizou case 310.000 inmigrantes máis que González, aínda que a porcentaxe de resolucións favorables foi 12,6 puntos menor.
A finais de 2004 introduciuse a reforma da normativa de estranxeiría que amparou a regularización do ano seguinte. Houbo 691.655 solicitudes, o que desvelou a inxente cantidade de inmigrantes irregulares existente. Resolvéronse favorablemente 565.121, un 81,7%. Foi a única regulación de Zapatero, que dunha soa vez converteuse no presidente que máis situacións regularizara