Galicia gañou máis de seis mil habitantes o pasado ano grazas ao aumento da poboación nacida no estranxeiro

Unha rúa do centro de Santiago CC-BY-NC-SA Praza.gal

O forte incremento da poboación galega en 2022 e 2023 leva a cifra total ao seu máximo dende 2016

A poboación galega sumou un segundo ano consecutivo de ascenso e situouse ao remate de 2023 nos 2.705.877 habitantes, 6.453 máis que un ano antes, un incremento semellante ao que xa se producira no 2022 (6.599). Os dous aumentos sucesivos non só compensan os descensos que se porduciran en 2020 e 2021 (-4.428 e -5.352) senón que elevan a cifra oficial de habitantes de Galicia ao seu máximo dende o ano 2016.

Son os datos da Estatística Continua de Poboación, que este xoves fixo públicos o INE, que deixan a cifra total de habitantes do Estado español en 48.592.909 persoas, o valor máximo da serie histórica. No ano 2023 a poboación española medrou máis de medio millón de habitantes, algo máis do 1%, fronte ao incremento de Galicia do 0,24%.

Galicia é a segunda comunidade autónoma que menos incrementou a súa poboación o pasado ano, só por detrás de Estremadura, a única na que se reduciu o número de habitantes.

A porcentaxe de galegos e galedas nacidas no estranxeiro é maior nas novas xeracións. Supera o 21% nas persoas entre 25 e os 35 anos e rolda o 16% no grupo de idade entre 35 e 55 anos

En calquera caso, o aumento da poboación galega no ano 2023 débese unha vez máis ao incremento do número de persoas nacidas no estranxeiro, máis de 300 mil, que representan xa o 11,22% do total de habitantes de Galicia, cun forte aumento dende o ano 2022 (282 mil, 10,46%). Hai dez anos, por exemplo, o número de galegos e galegas nacidas no estranxeiro era tan só de 208 mil, o 7,58%.

A porcentaxe de galegos e galedas nacidas no estranxeiro é maior nas novas xeracións e, por exemplo, supera o 21% nas persoas entre 25 e os 35 anos e rolda o 16% no grupo de idade entre 35 e 55 anos.

No ano 2022 (aínda non hai cifra oficiais para 2023) case 40.000 persoas chegaron a Galicia dende o estranxeiro e pasaron a residir aquí. A gran maioría das persoas que chegan a Galicia dende outros países son novas, o que funciona como contrapeso á crise de envellecemento e falta de natalidade que sofre o país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.