Galicia rexistrou en 2022 o número máis baixo de nacementos dende que hai datos e xa é a segunda comunidade con menor natalidade

Bebé ao pouco de nacer CC-BY-SA Xunta

O número de nacementos segue a descender en Galicia. Este mércores o INE publicou a estatística definitiva do Movemento Natural de Poboación de 2022, que amosa unha nova redución na cifra de nenos e nenas nacidas en Galicia o pasado ano: 14.495 fronte aos 14.787 do ano 2021 e moi lonxe dos datos de hai unha década (21.089 nacementos en 2012). Trátase da cifra de nacementos máis baixa dende que hai rexistros

O saldo vexetativo (diferenza entre nacementos e mortes) acada unha nova marca negativa, con -20.501

En paralelo, o número de defuncións continúa a incrementarse, debido ao progresivo envellecemento da poboación, con 34.996 mortes, dúas mil máis que o ano anterior (32.853), o que supón igualmente o récord da serie histórica.

O saldo vexetativo (diferenza entre nacementos e mortes) acada así mesmo unha nova marca negativa, con -20.501. O saldo vexetativo vén sendo negativo dende 1988, pero nunca a diferenza fora tan grande.

Nos nove primeiros meses deste 2023 naceron no territorio galego 10.464 nenos e nenas, fronte ás 10.762 do mesmo período do pasado 2022

A tendencia á baixa no número de nacementos, ademais, semella que vai manterse neste 2023. O INE tamén publica este mércores a estatística provisional de nenos e nenas nacidas en Galicia ata o mes de setembro. Nos nove primeiros meses deste ano 2023 naceron no territorio galego 10.464 persoas, fronte ás 10.762 do pasado ano 2022. O descenso anual, do 2,77%, é lixeiramente superior á diminución no número de nacementos que se produce no conxunto do Estado (-2,59%).

Galicia converteuse na última década na segunda comunidade cunha taxa bruta de natalidade máis reducida, por diante unicamente de Asturias e sendo superada por Castela e León

E é que Galicia non é unha excepción no contexto español, que está a vivir dende hai anos un descenso no número de nacementos, pero a realidade é que os indicadores de natalidade son especialmente baixos en Galicia, que se converteu na última década na segunda comunidade autónoma cunha taxa bruta de natalidade (número de nacementos por habitante) máis reducida, superando unicamente a Asturias. 

En relación aos datos de hai unha década, Galicia foi superada por Castela e León, que pasou de ser a segunda comunidade autónoma cunha menor taxa de natalidade a ser a cuarta con menos nacementos. Cantabria e Canarias tamén se achegan aos datos galegos. No ano 2022 Castela e León foi o único territorio do Estado no que aumentou o número total de nacementos.

Galicia compensa esta perda de poboación cun saldo migratorio moi positivo, que nos últimos dous anos elevou de forma considerable o número total de habitantes

A pesar de que o saldo vexetativo leva tempo sendo moi negativo, Galicia compensa esta perda de poboación cun saldo migratorio moi positivo, que nos últimos dous anos elevou de forma considerable o número total de habitantes, recuperando o nivel dos 2,7 millóns de residentes. A poboación galega nacida no estranxeiro aumentou en 22 mil persoas no último ano.

Durante o ano 2022, no 49% dos nacementos as nais tiñan 35 anos ou máis e máis do 15% superaban os 40 anos. No outro extremo, o número de nenos e nenas nacidas de nais con menos de 30 anos non chega ao 20%

Ligado ao descenso no número de nacementos, hai outra tendencia que leva anos consolidándose: a idade na que se teñen fillos é cada vez maior. Durante o ano 2022, no 49% dos nacementos as nais tiñan 35 anos ou máis e máis do 15% superaban os 40 anos. No outro extremo, o número de nenos e nenas nacidas de nais con menos de 30 anos non chega ao 20%. 

O grupo de idade máis habitual no que se teñen fillos e fillas é o de 35 a 39 anos (33,4% do total). Ademais case se produce o mesmo número de nacementos entre as nais de 40 a 44 anos (13,4%) e as de 25 a 29 anos (14,3%).

Os datos contrastan cos que se rexistraban hai vinte anos (só un 21% de nacementos de nais maiores de 35 anos eu un 41% de menores de 30 anos) e, por suposto, dos que eran habituais nos anos 80 ou 90 do pasado século.

No ano 2022 os nomes máis comúns en Galicia foron Martín e Noa, que superan as opcións preferidas no ano anterior (Mateo e Sofía), que nesta ocasión aparecen en segundo lugar

E, por último, unha curiosidade. O INE ofrece todos os anos información sobre os nomes máis utilizados para chamar aos nenos e nenas que acaban de nacer. No ano 2022 os nomes máis comúns en Galicia foron Martín e Noa, que superan as opcións preferidas no ano anterior (Mateo e Sofía), que nesta ocasión aparecen en segundo lugar.

Leo, Lucas, Hugo, Manuel, Enzo, Luca, Roi e Gael, no caso dos nenos; e Valeria, Olivia, Martina, Lucía, Daniela, Lara, Sara e Mía, no das nenas, aparecen tamén entre os dez máis habituais.

As escollas galegas para os nomes dos recén nacidos son semellantes ás que se rexistran no conxunto do Estado (Martín, Lucía, Mateo, Sofía, Hugo e Martina son os máis frecuentes). Podes consultar nesta reportaxe con gráficos interactivos como evolucionaron nas últimas dúas décadas os nomes de bebé máis habituais en Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.