O lume cébase con Ourense e, máis concretamente, co seu Macizo Central. A voracidade do lume provocou que a Xunta decidise decretar a Situación 2 en toda a provincia, que implica "maior axilidade de medios e recursos" tanto da comunidade autónoma como do resto de administracións.
Este nivel de alerta permite tamén ampliar o horario laboral do persoal e axilizar os trámites con, por exemplo, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) ante unha vaga de fogos que queimou neste territorio xa máis de 4.300 hectáreas. A Xunta advirte dunha situación "anómala", derivada dunha seca prolongada durante dous meses e precipitacións por baixo da media dos últimos 30 anos.
Así, o grande incendio forestal en Chandrexa de Queixa —o máis grande deste ano en Galicia— permanece activo e sen control tras queimar máis de 3.000 hectáreas. As lapas, avivadas polo vento e as altas temperaturas, achegáronse aos núcleos de poboación de Requeixo, Vilar e Zamorela, o que obrigou a decretar a Situación 2 de emerxencia, aínda vixente, e a desaloxar cinco veciños na Senra.
A proximidade das lapas a varios núcleos de poboación obrigou a decretar a Situación 2 de emerxencia en Chandrexa de Queixa ou Maceda
As zonas de "imposible acceso" provocan que o lume en Chandrexa sexa moi difícil de controlar e que "mellore e empeore" cada pouco, como destacou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que advertiu da "meteoroloxía adversa" e a alta "actividade incendiaria" das dúas últimas semanas. Todo nun contexto con zonas de 1.500 metros de altitude e unhas temperaturas extremas.
A delicada situación neste incendio fixo que a Xunta se decidise a pedir a axuda da UME en Chandrexa de Queixa, a onde se desprazou desde un lume en León.
O incendio de Chandrexa de Queixa supera xa as 3.000 hectáreas queimadas
A poucos quilómetros, no mesmo Macizo Central, outros tres incendios suman arredor de 1.300 hectáreas queimadas. O de Montederramo está estabilizado, ao igual que o de Vilariño de Conso. O de Maceda, en Castro de Escuadro, tamén, logo de que se desactivase onte a Situación 2 e un brigadista sufrise queimaduras, aínda que sen gravidade.
Este nivel de emerxencia, pola contra, tívose que activar noutro lume no mesmo concello, segundo informa o 112, pola proximidade das lapas aos núcleos de poboación de Calveliño do Monte e Santiso. Os bombeiros salvaron os lugares a través de cortalumes e catro veciños tiveron que ser desaloxados. O coche dun axente forestal resultou calcinado por mor do fogo, que arrasou xa 500 hectáreas.
A Situación 2 que estaba tamén activada nun incendio declarado na tarde de onte en Vilardevós, na parroquia de Moialde, foi retirada xa nun lume que queimou unhas 40 hectáreas.
As lapas cercan a cidade de Ourense, provocaron cortes de luz e obrigaron a cortar a vía do tren
Ademais, noutras zonas da provincia, como na parroquia de Morauzos, en Verín, houbo que decretar este mesmo nivel de alerta pola proximidade do lume a algunhas casas, pero quedou desactivado logo de que fosen arrasadas 9 hectáreas nun fogo que continúa activo. En Padrenda, con algo máis de 40 hectáreas arrasadas, as lapas están xa extinguidas, mentres que outro lume activouse na Mezquita, parroquia da Esculqueira, queimando xa 20 hectáreas.
Por se fose pouco, na capital un potente incendio con varios focos preto do polígono de Barreiros paralizou a cidade, que sufriu varios cortes de luz, e que obrigou a cortar a vía do tren entre Ourense e Taboadela, afectando varios percorridos. A enorme columna de fume axiña cercou a urbe e obrigou a pechar as fiestras e a moita xente a refuxiarse nas súas casas.
Por outra banda, na Fonsagrada, o incendio de Monteseiro permanece controlado desde o domingo pero queimou xa 150 hectáreas tras unha semana ardendo. Neste fogo colaboran nos labores de extinción medios do Estado, que tamén tiveron que se despregar nos de Chandrexa e Montederramo.
Tamén en Lugo, en Samos, un incendio queimou xa 200 hectáreas durante a noite do luns ao martes en Santalla. Ademais, o lume que afectou o parque natural das Fragas do Eume permanece controlado, ao igual que o que na Estrada queimou 20 hectáreas en Souto.
Os numerosos incendios dos últimos catro días queimaron máis de 4.000 hectáreas en Galicia, a maioría en Ourense, unha cifra moi por riba xa de todas as ardidas o pasado 2024 que, con 2.644 hectáreas, foi o terceiro ano con menor superficie ardida dende que hai datos comparables, só por tras de 2014 (1.991) e 2018 (2.599).
Un home falecido en Tres Cantos (Madrid)
No que vai de verán, as hectáreas ardidas en Galicia polo lume superan xa as 5.000. As elevadas temperaturas provocan problemas co lume en toda a Península. En Tres Cantos, en Madrid, un home faleceu tras sufrir queimaduras no 98% do corpo logo de que as lapas se achegasen a zonas residenciais.
Os problemas continúan tamén en Zamora e León, especialmente na zona do Bierzo, así como en Portugal, onde máis de 1.700 axentes e brigadistas participan na extinción dos numerosos fogos que asolan o país.
Así, en España, o Ministerio do Interior declarou a Fase de Preemerxencia en Situación Operativa 1 "ante os numerosos incendios forestais activos en diferentes comunidades autonómas".