De Cabo Verde a Burela: unha corrente migratoria na que o traballo de coidados sempre depende das mulleres

Algunhas das protagonistas do documental 'Si ka badu, ka ta biradu', en Cabo Verde © Agareso

Este domingo 18 de decembro celébrase o Día Internacional da poboación migrante, establecido pola ONU, que lembra que as migrantes e persoas desprazadas "se atopan entre os grupos máis vulnerables e marxinalizados da sociedade e, con frecuencia, están expostos ao abuso e a explotación". A data foi escollida para a estrea en Burela do documental Si ka badu, ka ta biradu (Se non marchas, non podes volver), un filme elaborado pola ONGD galega Agareso a partir dunha investigación académica desenvolvida pola Universidade da Coruña, a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro e a Universidade de Vigo.

No documental catro xeracións de mulleres contan as súas historias de vida, que deixas clara "a división sexual e a organización transnacional dos coidados"

O filme, cuxo título parte dun verso do poeta caboverdiano Eugénio Tavares, retrata a importancia que ten o traballo invisible das mulleres migrantes na supervivencia e no benestar das súas familias, tanto en Burela como en Cabo Verde, a ambos os dous lados da corrente migratoria. Catro xeracións de mulleres contan as súas historias de vida, que deixas clara "a división sexual e a organización transnacional dos coidados". "Vémolas cociñar, limpar, atender maiores e crianzas tanto nas súas localidades de orixe como na sociedade de destino, a galega, e comprendemos o impacto que ten nas súas vidas ese desigual reparto do peso dos coidados", destaca Agareso.

O filme foi elaborado pola ONGD galega Agareso a partir dunha investigación académica desenvolvida pola Universidade da Coruña, a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro e a Universidade de Vigo

O filme parte do proxecto académico Familias caboverdianas en Galicia. Impacto para o desenvolvemento da transnacionalización dos coidados e das remesas polas investigadoras Antía Pérez Caramés, Luzia Oca González, Belén Fernández Suárez, Keina Espiñeira González e Iria Vázquez Silva entre setembro de 2021 e maio de 2023. O seu obxectivo é visibilizar e poñer en valor o papel das mulleres migrantes na supervivencia e no benestar a ambos os dous lados da corrente migratoria.

O documental amosa como tanto en orixe como en destino se produce unha división do traballo que atribúe ás mulleres o ámbito dos coidados, ás veces de xeito remunerado e outras non. Dende Agareso explican que "dende finais dos 70 até o ano 2000 os homes foron os escollidos nos fogares para migrar, mentres as mulleres só puideron facelo cando o marido as reagrupaba. Elas non tiñan permiso para traballar fóra de forma legal, o que levou a moitas a facelo de forma irregular, sen dereitos. Cuns maridos ausentes, traballando na pesca de altura, o seu traballo dentro e fóra das casas foi fundamental para que as familias puidesen medrar e prosperar".

"Vémolas cociñar, limpar, atender maiores e crianzas tanto nas súas localidades de orixe como na sociedade de destino, a galega, e comprendemos o impacto que ten nas súas vidas ese desigual reparto do peso dos coidados"

En Burela e en Cabo Verde, pois "en ambos os dous lugares os coidados de maiores e das crianzas nas familias acaban implicando a moitas mulleres, tecendo así unha malla precaria de sostemento da vida que repousa sobre o seu traballo gratuíto". Entre 1998 e 2011, a comunidade caboverdiana en Burela cuadruplicouse e chegaron moitos mariñeiros acompañados polas súas familias e, tamén, algunhas mulleres soas, co seu propio permiso de traballo. "As condicións de chegada melloraron un pouco, ao contar co acollemento de familias asentadas na localidade. O que non variou foi a ausencia masculina nos labores dos coidados, dentro ou fóra das casas, remunerados ou non", explican dende Agareso.

Algunhas das protagonistas do documental 'Si ka badu, ka ta biradu' © Agareso

"Moitas mulleres caboverdianas comezaron a traballar coidando de persoas maiores ou crianzas dos seus veciños e veciñas de Burela, mentres outras mulleres das súas familias quedan en Cabo Verde ao coidado das crianzas das migrantes e dos seus maiores"

A principios deste século XXI, en Burela, como noutras vilas galegas, comezou a haber unha demanda crecente de traballadoras migrantes para coidar a persoas dependentes. "Así, moitas mulleres caboverdianas comezaron a traballar coidando de persoas maiores ou crianzas dos seus veciños e veciñas de Burela, mentres outras mulleres das súas familias quedan en Cabo Verde ao coidado das crianzas das migrantes e dos seus maiores, sexan nai, pai, sogra ou sogro, dependendo da configuración familiar", sinalan dende Agareso. "É o que se ten chamado “a cadea global dos coidados”, determinada tamén polas relacións desiguais Norte/Sur", engade a ONGD.

O documental retrata tamén a vontade de axudar a quen quedou atrás que teñen as mulleres migrantes a través das remesas, pero tamén a través das encomendas

O documental retrata tamén a vontade de axudar a quen quedou atrás que teñen as mulleres migrantes a través das remesas (o diñeiro que as e os emigrantes envían as súas familias, que supoñen cada ano máis 10% do Produto Interior Bruto de Cabo Verde, ata acadar o 19% en 2021), pero tamén a través das encomendas, "maletas que voan cheas de Galicia a Cabo Verde e que regresan aínda máis cheas de Cabo Verde a Galicia". "O documental amosa como, a través delas, viaxan tamén os afectos pola xeografía da diáspora caboverdiana, e sosteñen familias que seguen en contacto a pesar dos anos separadas", conclúen dende Agareso.

Fotograma do documental 'Si ka badu, ka ta biradu' © Agareso
Fotograma do documental 'Si ka badu, ka ta biradu' © Agareso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.