'Manoliño Nguema', unha vida entre Guinea e Galicia co circo como paixón

Manoliño Nguema © Agareso

Marcelo Ndong, tamén coñecido como Manoliño Nguema, naceu en Malabo, capital de Guinea Ecuatorial, hai máis de 60 anos, cando o país aínda era unha colonia de España. Sendo moi novo viaxou a Galicia, en 1968, formándose grazas a unha bolsa de estudos no Circo dos Muchachos de Bemposta. Despois de dar a volta ao mundo varias veces actuando nos espectáculos desta pioneira escola de circo, decidiu volver a Guinea a comezos dos 90, para colaborar na reconstrución dun país que quedara devastado trala descolonización de España e a ditadura de Francisco Macías. Aínda que a súa idea inicial era poñer en marcha unha cooperativa agrícola, Marcelo Ndong acabou creando a primeira escola de circo do país, na que dende entón formáronse centos de mozos, converténdose "no indiscutible pai do teatro de Guinea Ecuatorial".

Agora un documental -Manoliño Nguema- percorre a súa vida e os seus proxectos, grazas ao impulso da ONGD Waka Films e a produtora Fílmika Galaica, coa colaboración da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso). Despois de meses de traballo en Guinea, o equipo responsable do proxecto -formado por galegos e guineanos- está de volta en Galicia e vén de lanzar unha campaña de crowdfunding para conseguir 12.000 euros que lles permitan rematar a rodaxe do documental, montalo, levar a cabo a postprodución e iniciar a súa distribución. Do 3 ao 21 de decembro filmarán en distintas localizacións de Galicia, recollendo o momento do regreso de Manoliño Nguema a Galicia, o reencontro con vellos amigos e, ademais, a estrea no Teatro Principal de Santiago de Compostela dunha obra dirixida polo propio Ndong. Será o vindeiro 15 de decembro e estará protagonizada por dous dos seus alumnos: Gorsy Edú e Raimundo Bernabé (Russo). A obra, baseada na propia vida de Manoliño Nguema, é un encargo de Quico Cadaval, un vello amigo de Ndong.

O 15 de decembro estreará en Compostela unha obra de teatro sobre a súa vida, que escribiu tras un encargo de Quico Cadaval

Os seus responsables explican que o proxecto é "moito máis que un simple documental". Entre os seus obxectivos está por unha banda a "formación" de profesionais guineanos e a visibilización do traballo realizado pola escola de circo de Ndong. "En Guinea hai moitísimo talento, pero ningunha escola artística", contan, explicando que "o noso soño é aproveitar a repercusión que teña este documental para reivindicar que se reactiven esa liña de bolsas que unha vez xa existiron entre España e Guinea". “Parecíanos incrible o rápido que España esqueceu a Guinea, malia que o país se independizou hai menos de 50 anos. Investigamos e vimos que ese esquecemento non foi casual: a Lei de Materia Reservada franquista censurou durante case dez anos toda a información que chegaba sobre Guinea", conta o director do documental, Antonio Grunfeld, que viviu cinco anos no país africano. "O documental é un alegato en favor da migración, unha mirada positiva ante o poder integrador e sanador da cultura", engaden.

 

'Manoliño'

A obra de teatro e o propio documental son en si mesmas viaxes de ida e volta. Dende a Guinea colonial española, ao Ourense aínda franquista dos anos 70. Da Galicia dos 80 á Guinea Ecuatorial da actualidade. "A historia de dúas cidades, dous países e dous continentes unidos entre si pola figura dunha persoa excepcional", destacan os responsables do filme. "Eramos os primeiros negros en Ourense e a xente flipaba con nós. 'É que tedes unha cara tan difícil', dicían", conta Ndong no trailer do documental. "A Cidade dos Muchachos foi un experimento, que quería demostrar que se podía crear outra sociedade. O circo era o máximo", relata.

"Eu fun un privilexiado: primeiro por poder converterme en galego e agora por volver recuperar as raíces africanas. E Manoliño Nguema era un pouco iso: dous nomes que representan dalgunha maneira a miña identidade, a africana e a galega"

"Despois comecei a ter o soño de facer unha escola de circo tamén en Guinea. E foi un boom. A xente non tiña nada que facer e por iso se encheu a escola de circo", lembra. E salienta que "ninguén vive da cultura en Guinea, ninguén vive do teatro, ninguén vive da música".

"Eu fun un privilexiado: primeiro por poder converterme en galego e agora por volver recuperar as raíces africanas. E Manoliño Nguema era un pouco iso: dous nomes que representan dalgunha maneira a miña identidade, a africana e a galega", di. No vídeo os seus alumnos pregúntanlle que significa "morriña". E el respóndelles que só o pode explicar cantando: colle a guitarra e comeza a tocar "Quen puidera namorala" e "Catro vellos mariñeiros", que pecha cun "Árdelle o eixo". O encontro de dous mundos nunha soa persoa. 

Equipo encargado da gravación do documental © Agareso
Manoliño Nguema © Agareso
Un momento da rodaxe © Agareso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.