• Entrevista | José María Monterroso Devesa
  • Cultura

"Son 'pesioptimista', sei que se fala menos galego, pero non teño tan claro que estea retrocedendo"

José María Monterroso Devesa © Distrito Xermar

Hai ocasións en que as homenaxes chegan a tempo. O pasado martes 17 un repleto local do Circo de Artesáns, na Coruña, acolleu un acto de recoñecemento a José-María Monterroso Devesa, que foi e segue a ser escritor, poeta, articulista e activista cultural

Hai ocasións en que as homenaxes chegan a tempo. O pasado martes 17 un repleto local do Circo de Artesáns, na Coruña, acolleu un acto de recoñecemento a José-María Monterroso Devesa, organizado por amizades persoais e diversas entidades culturais da cidade: A.C. O Facho, Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, Circo de Artesáns e A.C. Alexandre Bóveda. Na homenaxes interviron Siro López, Aurora Marco, Luís Pérez, Felipe Senén e Pura Tejelo.

Monterroso Devesa foi e segue a ser escritor, poeta, articulista e activista cultural, unha longa traxectoria de seis décadas ao servizo da lingua e da cultura galegas, destacando especialmente o seu labor na recuperación da memoria histórica e na divulgación do patrimonio galego. Foi presidente da A.C. O Facho e cofundador da AELG e da AGAL. Ademais, é un dos principais investigadores da xenealoxía galega na emigración, especialmente na Arxentina e o Uruguai, e membro do Patronato da Cultura Galega de Montevideo.

E é que Monterroso Devesa sempre repite que ten dúas patrias: Galicia e Uruguai. Naceu na Coruña en 1944 e emigrou a Uruguai en 1950, para regresar a Galicia aos vinte anos para estudar Dereito. A partir de aí foi ocupando distintos postos de funcionario en Madrid, Cáceres e Xixón para instalarse definitivamente na Coruña a partir de 1973, onde iniciou a súa vizosa actividade cultural. Porén, nunca perdeu o nexo co Uruguai e a súas institucións culturais e, de feito, seguiu pasando longas tempadas no país austral, onde continúa a regresar todos os anos. 

Monterroso Devesa, á dereita, na homenaxe que recibiu esta semana no Circo de Artesáns da Coruña © BNG A Coruña

"Sempre insisto en que son un amador da cultura. Todo o que fixen xiraba ao redor da filosofía de divulgar de forma directa a cultura e a lingua galega, o tema dos apelidos, dos topónimos..."

Como recibiches esta homenaxe? 

É un sentimento contraditorio, porque por unha banda é un afago que se lembren de min cando teño 80 anos. Por outra parte, en cambio, é unha situación un pouco embarazosa, porque non sabes que vas dicir nun acto coma este: custoume traballo argallar unha resposta conforme á grande honra que me fan con esta homenaxe, que é unha cousa dos amigos, en principio, pero á que tiveron a ben sumarse unha serie de entidades culturais da cidade.

Que destacarías da túa traxectoria? Ollando cara atrás, de que cousas estás máis orgulloso?

Eu sempre insisto en que son un amador da cultura. Todo o que fixen xiraba ao redor da filosofía de divulgar de forma directa a cultura e a lingua galega, o tema dos apelidos, dos topónimos... Para iso valinme da prensa, das charlas, dos libros... É difícil resumir 50 anos. Ademais agora eu levo un tempo un pouco á marxe, porque adoito pasar varios meses ao ano no Uruguai. O último libro que publiquei foi en 2023 na editorial Medulia e foi unha escolma de 70 artigos en prensa que van dende os anos 70 sobre diversas materias. Ese libro reflicte ben o que foi a miña actividade nestas décadas.

"Eu deille ao Facho unha parte do meu tempo, como outros compañeiros e O Facho tamén me deu moito a min. Se eu fun coñecido na Coruña foi a través da agrupación. O papel do Facho foi importantísimo para a cultura e a lingua galega"

Fuches varios anos presidente do Facho, asociación cultural na que colaboraches durante décadas. Consideras que a importancia do seu labor non acada na actualidade o recoñecemento que merecería?

O Facho foi un espazo excepcional no que puiden desenvolver as miñas inquedanzas. Aí houbo unha retroalimentación moi interesante: eu deille ao Facho unha parte do meu tempo, como outros compañeiros e O Facho tamén me deu moito a min. Se eu fun coñecido na Coruña foi a través da agrupación. O papel do Facho foi importantísimo para a cultura e a lingua galega mesmo antes de que eu me incorporase nos anos 70. Digamos que eu formei parte dunha segunda camada de persoas que nos incorporamos á asociación. Pero xa nos anos 60 desenvolveu un labor tremendo xa só a través do ensino no galego nun momento en que non había esa opción. Despois chegaron os concursos infantís, de teatro, de poesía... E tamén os ciclos de conferencias nos que participaron todas as persoas que eran importantes nesa xeración do galeguismo da postguerra.

Nas décadas seguintes O Facho perdeu algo de peso, en parte porque moitas das persoas que estaban alí implicadas comezaron a centrar a súa actividade nos partidos políticos. Pero outras persoas ficamos mantendo a agrupación en marcha, con moita dignidade. Todo na vida ten altibaixos e agora O Facho non é nin a sombra do que foi, por suposto, pero segue heroicamente mantido por un grupo de xente moi valiosa e tenaz. Ademais, xurdiron outras entidades, coma a Alexandre Bóveda, que pasou a cumprir de maneira excepcional a actividade que antes realizaba O Facho.

José María Monterroso Devesa © Distrito Xermar

Na homenaxe destacouse tamén o teu labor na recuperación da memoria histórica e na divulgación do patrimonio galego e como promotor dos itinerarios literarios do cemiterio de San Amaro. A Coruña ten aí un tesouro pouco coñecido?

Todo xurdiu porque a Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, é dicir, Felipe Senén, me publicou a primeira guía que houbo do cemiterio, no ano 1993. E a partir de aí a xente pedíame que fixese eses paseos guiados, pero a verdade é que a partir dun momento comecei a dicir que non, porque case me convertera no 'home do cemiterio'. Eu sempre tiven moito interese pola historia da Coruña e a historia de San Amaro era un dos ámbitos que nese momento estaba sen analizar. Creo que o meu traballo foi un bo comezo, que despois foi amplamente superado por publicacións e investigacións posteriores.

"Sempre se di que Bos Aires é a quinta provincia galega, porque en número é certo que hai máis galegos, pero en termos relativos Uruguai ten máis galegos e Montevideo é a cidade máis galega que hai fóra do país. Ademais, a emigración galega marcou moito a forma de ser dos uruguaios"

Sempre dixeches que tes dúas patrias: Galicia e Uruguai, onde segues pasando todos os anos os veráns austrais. Un país que sempre gozou de máis estabilidade e mellor nivel de vida que o resto de América Latina...

Si, comparado do resto de América, foi sempre un país no que se viviu mellor, máis estable, máis igualitario. Foi ademais un país pioneiro en moitas leis sociais e dereitos, pero isto hai máis de cen anos xa. Dicían que era a Suíza de América, aínda que iso era un pouco un conto. Despois todo isto parouse especialmente na época da ditadura, entre 1973 e 1985, que foi terrible e que case sempre queda en segundo plano, nunca se fala tanto dela como das que sufriron en Arxentina ou Chile.

Un país, ademais, moi marcado pola emigración galega, que ti estudaches con detemento...

Sempre se di que Bos Aires é a quinta provincia galega, porque en número é certo que hai máis galegos, pero en termos relativos Uruguai ten máis galegos que Arxentina e Montevideo é a cidade máis galega que hai fóra do país. Ademais, a emigración galega marcou moito a forma de ser dos uruguaios, mentres que quizais a arxentina está tamén moi definida pola inmigración italiana.

José María Monterroso Devesa © Distrito Xermar

O Patronato da Cultura Galega tivo algunhas épocas gloriosas, de grande actividade, nas que contribuíu moitísimo á dignificación do pobo galego no Uruguai

Ti tamén colaboraches do Patronato da Cultura Galega de Montevideo, unha das institucións que máis fixo pola cultura galega dende a outra beira do Atlántico...

Eu sempre comparei un pouco o Patronato da Cultura Galega co Facho, salvando as distancias. O Patronato naceu en democracia, en 1964, pero despois tivo que pasar por moitos anos de ditadura. Levou unha vida relativamente normal e por exemplo en 1975 inaugurou o busto de Castelao en Rianxo, o que supuxo unha certa contestación simbólica á ditadura uruguaia.

O Patronato tivo algunhas épocas gloriosas, de grande actividade, nas que contribuíu moitísimo á dignificación do pobo galego no Uruguai. Os galegos tiñamos mala imaxe en América, un matiz pexorativo, e penso que o Patronato axudou a que 'gallego' chegase a ser un termo que implicaba orgullo e que se emprega con afectuosidade.

Este ano, ademais, vaise celebrar o 75 aniversario do Sempre en Galicia, o programa radiofónico iniciado en 1950 en Radio Carve e que segue a ser a emisión radiofónica en galego máis lonxeva. Haberá que celebralo como se merece?

Si, eu aí colaborei esporadicamente e é algo realmente excepcional. Hai moita xente en Galicia que non valora suficientemente o valor de que se manteña durante tantos anos un programa en galego, unha audición que foi fundada polos galeguistas históricos en 1950, pero que desaparecidos estes seguiu o seu camiño a través das seguintes xeracións, o que lle dá aínda máis mérito. Hoxe, grazas ás novas tecnoloxías, o programa colleu máis pulo e é raro o domingo que non entrevistan a través do whatsapp a persoas novas da Galiza que son importantes. É un programa que está moi vivo.

Como dicía Amaro Orzán, eu son 'pesioptimista'. Sei perfectamente que agora se fala menos galego, pero non teño tan claro que estea retrocedendo noutros ámbitos. Hai cousas que permiten ser optimistas

Ti dedicaches boa parte da túa vida ao estudo e difusión da cultura e da lingua galegas. Es optimista de cara ao futuro da lingua?

Como dicía Amaro Orzán, do doutor Álvaro Paradela, eu son 'pesioptimista'. Para sobrevivir e superar os problemas que estamos a pasar neste mundo, hai que ter un optimismo innato, porque doutro xeito é imposible. Eu sei perfectamente que agora se fala menos galego, pero non teño tan claro que estea retrocedendo noutros ámbitos: vexo outros campos nos que o galego está máis presente que antes, por exemplo nos carteis e na publicidade. É un uso interesado ou litúrxico? Non o sei, pero hai cousas que permiten ser optimistas. 

Sempre dixen que o galego debía beber do portugués no que atinxe á norma escrita; ningunha lingua ibérica ten a transcendencia mundial que ten o galego a través do portugués, aí estamos desperdiciando unha oportunidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.