O presidente caboverdiano, Jorge Carlos de Almeida Fonseca, atópase en visita oficial en Galicia, unha viaxe cunha intensa axenda na que está a manter xuntanzas con representantes de distintas administracións e universidades, en Compostela e na Coruña e na que tamén visitará Burela, onde reside a meirande comunidade de poboación orixinaria do país africano.
Este venres o mandatario reuniuse con Alberto Núñez Feijoo, nun encontro no que ambos os dous presidentes fixeron fincapé no desexo de incrementar a relación entre ambos os pobos, que xa fora selada no Memorando de entendemento asinado o ano pasado polo Goberno galego e o caboverdiano. Núñez Feijoo definiu Cabo Verde como “unha terra chea de oportunidades” en eidos como a pesca, o turismo e o medio ambiente. A Xunta aposta por "reforzar os lazos que unen ambos os territorios, especialmente os vínculos coa lusofonía".
Este documento, destaca o IGADI, "é un acordo moi xeral, de 4 páxinas, centrado no turismo, o medio ambiente, a educación e a industria pesqueira; e no que moi particularmente se cita directamente a participación do Centro Tecnolóxico do Mar". A súa concepción, a pesar dos numerosísimos vínculos entre Galicia e Cabo Verde non foi participativo, o que o fixo pasar completamente desapercibido no último ano, engade a entidade, que explica que "tanto para a elaboración do documento como para a visita non se contou nin co Fondo Galego nin coa grande maioría de actores galegos con presenza en Cabo Verde".
"Tanto para a elaboración do documento como para a visita non se contou nin co Fondo Galego nin coa grande maioría de actores galegos con presenza en Cabo Verde", critica o IGADI
Este sábado Jorge Carlos de Almeida Fonseca foi recibido no Pazo de María Pita polo alcalde coruñés, Xulio Ferreiro. O rexedor herculino destacou “a colaboración histórica da Coruña cun territorio, como a nosa cidade, marcado polo mar como xerador de riqueza”. Así mesmo, reuniuse co reitor da UDC, Julio Abalde. Tanto o reitor como o presidente amosaron a súa satisfacción polo encontro que pode derivar en posibles colaboracións académicas. “A Universidade da Coruña está en pleno proceso de internacionalización e cremos que os países cos que temos maior proximidade lingüística son aliados naturais polo que é un honor recibir ao máximo representante da República de Cabo Verde”, manifestou Abalde. Xa este venres o presidente de Cabo Verde, tamén xurista e que foi profesor de Dereito na Universidade de Lisboa, visitou a USC e interesouse polo estado dos estudos de leis en Galicia, reuníndose co reitor Juan Viaño.
O IGADI destaca que a pesar do carácter escasamente ambicioso do Memorando de entendemento asinado, "as relación de Galicia con Cabo Verde agochan nas hemerotecas e debaixo das alfombras destas unha historia de corenta anos, de moita densidade con vínculos intensos entre os dous países", que comeza coa chegada dos primeiros migrantes caboverdianos á Mariña lucense a partir de 1977 e a chegada do galego Francisco Canabal a Cabo Verde coma empresario do sector turístico a mediados dos anos oitenta. Tamén salienta que "a paradiplomacia undergound do reintegracionismo galego arredor das negociacións para o Acordo Ortográfico creou unha cadea de vínculos e complicidades con Cabo Verde e os Países Aficanos de Lingua Oficial Portuguesa (PALOP)".
De igual xeito, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten en Cabo Verde dende o ano 2001 o seu país prioritario de actuación. Así mesmo, dende os anos 90 a industria marítimo-pesqueira galega comezou devagar a súa relación coas autoridades, empresarios e portos caboverdianos, explica o IGADI, que salienta igualmente o papel doutros actores, coma as universidades, CETMAR, CEIDA e distintos axentes culturais, coma o Festival Cantos na Maré.
O IGADI conclúe que "as relacións de Galicia con Cabo Verde exemplifican paradigmaticamente o percurso de Galicia na globalización", poñendo en contacto "factores históricos, económicos, culturais, lingüísticos, migratorios, político-institucionais". Pero amosando "as contradicións da nosa cultura autonómica, entre a reivindicación dunha nacionalidade histórica cun posicionamento global de seu e a práctica dunha comunidade autónoma ordinaria", iso si, "cun eficaz (intelixente, ma non troppo) discurso de internacionalización económica".