Portugal entrégase ás dereitas

Luís Montenegro, nun mitin da AD en Lisboa cara ás eleccións deste 18 de maio © PSD

Os comicios reforzan a gobernante Aliança Democrática de Luís Montenegro e elevan a extrema dereita do Chega ata disputar o segundo posto ao Partido Socialista nunha noite negra para a esquerda do país veciño

Hai un ano, Portugal virou á dereita. Agora, o electorado portugués entrégase de vez ás dereitas nas que son as súas terceiras eleccións lexislativas en apenas tres anos. Ao centro-dereita da coalición Aliança Democrática que encabeza o PSD -o irmán político do PP no país veciño-, mais tamén á extrema dereita populista e autoritaria do Chega, á alza nun reconto oficial do que só restan 4 dos 230 escanos da Assembleia da República por asignar, os das circunscricións dos estranxeiro.

Nunha cita electoral con arrecendo a laboratorio ibérico e mesmo europeo, como apuntaba Anxo Lugilde en La Vanguardia, a vaga dereitista que percorre múltiplos países do mundo tradúcese á portuguesa non só na xa agardada primeira posición da gobernante e agora, aínda que lonxe da maioría absoluta, fortalecida AD de Luís Montenegro, primeiro ministro de 2024. Tamén -e, se cadra, sobre todo-, no pronunciado ascenso da extrema dereita que encabeza o controvertido André Ventura, ata o punto de competir pola segunda posición co enfraquecido Partido Socialista cun empate a representantes que resolverá o voto exterior.

Nas súas segundas eleccións con Pedro Nuno Santos á fronte, o PS sofre un duro pau nunha noite negra para a esquerda portuguesa en xeral. Fronte ao crecemento da AD, que xunto aos seus socios pasa de 80 a 89 escanos -á espera dos da emigración- e medra algo máis de 4 puntos, os socialistas perden unha vintena (tiñan 78 e sen os dos exterior fican con 58) sen que o resto da esquerda apenas se beneficie da súa caída. 

Así, no resto do espectro esquerdista, a CDU, a coalición do Partido Comunista, ten arestora 3 escanos (un menos) e o Bloco de Esquerda pasa de 5 a un só escano, igualando representación co debutante Juntos pelo Povo (JPP), partido orixinario da Madeira. O único e levísimo ascenso no eido progresista é o do Livre, con 2 escanos máis ata un total de 6.

Neste escenario, todo apunta a que a gran cuestión postelectoral -alén da máis que complexa situación no PS coa saída de Pedro Nuno Santos do liderado por mor da derrota- será se, como en 2024, Montenegro mantén a promesa de evitar os pactos coa extrema dereita. Isto é, se o ascendente Chega fai parte do xogo de gobernabilidade cos seus 58 representantes no Parlamento (+4) ou, pola contra, tras este terremoto político a AD procurará que o PS facilite as grandes decisións ao primeiro ministro conservador.

Polo momento, Montenenegro constata que a "confiança no Governo e no primeiro ministro" se ve reforzada. E o seu plan, bosquexa, pasar por tentar gobernar en minoría.

Da absoluta do socialista Costa á moción de confianza de Montenegro

Os resultados deste 18 de maio teñen como inevitable contexto a inestabilidade política que vén marcando o país veciño dende a dimisión en novembro de 2023 de António Costa como primeiro ministro polo Partido Socialista. Un caso de presunta corrupción reducido á mínima expresión no eido xudicial e do que ficou exonerado agora presidente do Consello Europeo fulminou o Goberno sustentado na histórica maioría absoluta do PS en 2022 e abriu as portas en marzo de 2024 ao primeiro Goberno conservador dende 2015.

Foi outro caso de presuntas prácticas irregulares, estas si con maior peso, o que precipitou as eleccións deste domingo. A comezos deste ano, tras anunciar o gabinete da AD unha reforma da Lei de Solos, transcendeu un caso de presunto conflito de intereses en torno a Spinumviva, empresa familiar do primeiro ministro. A cuestión derivou na presentación dunha moción de confianza na Assembleia da República que Montenegro perdeu, precipitando os comicios. 

André Ventura, líder do Chega, e Pedro Nuno Santos, candidato do PS, en actos da campaña das eleccións deste 18 de maio © Chega / PS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.