Portugal prioriza o AVE Vigo-Porto e España sitúao dous anos despois do Madrid-Lisboa

Pedro Sánchez e Luís Montenegro na XXXV Cimeira Ibérica, celebrada en Faro este mércores © La Moncloa

Declaracións en apariencia contrapostas se non veñen matizadas por condicionantes técnicos. Iso foi o que deixou a XXXV Cimeira Ibérica celebrada este mércores en Faro no que respecta ás conexións ferroviarias entre os dous estados. Un encontro bilateral que os dous gobernos optaran previamente por centrar na xestión compartida da auga e cuxa declaración final conxunta non inclúe datas concretas sobre os enlaces ferroviarios.

Pedro Sánchez e Luís Montenegro na XXXV Cimeira Ibérica © La Moncloa

A XXXV Cimeira Ibérica non deixa por escrito ningún compromiso pero Pedro Sánchez sitúa a alta velocidade entre as dúas capitais en 2030 e a conexión galega en 2032, mentres Luís Montenegro inverte as prioridades

Ante a falta de compromisos sobre o papel, os medios de comunicación preguntaron ao presidente do Goberno de España, o socialista Pedro Sánchez, e ao primeiro ministro portugués, o conservador Luís Montenegro, polas prioridades dos dous estados. A resposta de Sánchez foi que mantén o "compromiso" do Goberno de España de que a conexión Lisboa-Madrid por Badaxoz estea rematada "en 2030", mentres que no referente á conexión Porto-Vigo "o compromiso que compartimos co Goberno portugués é 2032"

Unha data a galega que hai uns meses o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, consideraba que Lisboa podería cumprir e para a que pedía un compromiso expreso de Madrid que agora vén de verbalizar Sánchez.

O primeiro ministro luso di que a súa "prioridade" é a "ligação Lisboa-Porto-Vigo-Madrid" e a "segunda prioridade" a "Lisboa-Madrid vía Évora-Badaxoz"

Pero a continuación a intervención de Montenegro foi ben distinta. Segundo quixo "deixar claro", a "prioridade" do Goberno portugués é a "ligação Lisboa-Porto-Vigo-Madrid", da que lembrou que xa se adxudicou o primeiro treito da conexión entre Lisboa e Porto e da que dixo que "queremos antecipar na medida do possivel". Pola contra, a "segunda prioridade" de Portugal sería a conexión "Lisboa-Madrid vía Évora-Badaxoz". Montenegro tamén sinalou que o seu executivo ten en estudo futuras posibles conexións ferroviarias xa baralladas con Sevilla ou Salamanca pero tamén "Porto-Bragança-Zamora", para a que non detallou características.

Liña de alta velocidade entre Porto e Vigo presentada polo Goberno de Portugal este 28 de setembro de 2022 © Infraestruturas de Portugal

Con estas novas declaracións Madrid e Lisboa volven deixar patente a súa falta de sintonía no desenvolvemento das conexións ferroviarias transfronteirizas, coas dúas capitais botándose en cara que cada unha está a facer o seu respectivo traballo sen ver a mesma colaboración ao outro lado da fronteira. Porén, nos dous casos os trazados entre Vigo e o río Miño e entre este e Porto non pasaron aínda dos estudos previos, que fai que a Unión Europea vexa máis probable o horizonte de 2040 para esa conexión e tente mentres acelerar outro tipo de melloras ferroviarias que non precisen de grandes obras na infraestrutura senón só da implantación de novos servizos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.