Rueda dá por feito que o novo goberno conservador portugués terá o AVE ata o Miño en 2032 e esixe o mesmo a Madrid

Rueda e o ministro portugués de Infraestruturas, Miguel Pinto CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente da Xunta asegura que Lisboa mantén a "prioridade" da conexión con Galicia tras reunirse co ministro luso de Infraestruturas, que evitou expresamente citar ningunha data

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado dos conselleiros responsables de infraestruturas e mobilidade, reuniuse este xoves en Lisboa co ministro de Infraestruturas de Portugal, Miguel Pinto, encontro tras o que deu por feito que o novo goberno conservador luso terá rematada unha liña de alta velocidade ata o río Miño en 2032. Malia que na comparecencia conxunta o ministro evitou expresamente confirmar esa data, Rueda esixiu ao Goberno de España que faga o mesmo a este lado da fronteira e execute xa a saída sur de Vigo, coa súa tramitación máis avanzada que a portuguesa.

Rueda co ministro de Infraestruturas de Portugal, Miguel Pinto CC-BY-SA Xunta de Galicia

O anterior goberno socialista portugués priorizara a conexión interior entre Lisboa e Porto e a súa prolongación ata Galicia sobre a conexión entre Lisboa e Madrid. Malia que Lisboa asegurara a súa intención de executar a conexión con Galicia en 2030, a Comisión Europea incluíuna dentro das súas previsións para 2040, aínda que amosando a súa intención de mellorar os servizos o antes posible.

A chegada do novo goberno conservador supuxo volver a poñer o foco na conexión Lisboa-Madrid, pero Rueda asegura que mantén a "prioridade" da liña galega

A chegada do novo goberno conservador supuxo volver a poñer o foco na conexión con Madrid, que agora se anuncia para 2034 alentado tamén pola comunidade autónoma española. Porén, Rueda asegurou este xoves que o goberno luso mantén "a prioridade" da conexión Lisboa-Vigo-Porto. "Estou moi tranquilo e moi satisfeito porque o Goberno de Portugal confirmounos que mantén esa intención", dixo, malia que durante a súa intervención pública o ministro portugués non o verbalizou. 

Rueda e o ministro portugués de Infraestruturas, Miguel Pinto CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tampouco quixo expresamente o ministro luso confirmar datas concretas malia que os xornalistas lle preguntaron en varias ocasións, remitíndose aos anuncios feitos hai uns días polo executivo portugués que fixaron 2032 como data para a coñexión Braga-Vigo (entre Porto e Braga a liña actual ten mellores prestacións e a súa mellora quedaría para máis adiante) e 2034 para o Lisboa-Madrid. O ministro limitouse a asegurar que as dúas conexións teñen similar prioridade, sen amosar ningunha preocupación porque España non vaia a ser quen de igualar os prazos.

Porén, Rueda centrou a súa intervención en esixir que o Goberno de España sexa quen de ter rematada en 2032 a saída sur de Vigo ata o Miño. "O que toca agora é dicir que todos os trámites deben acelerarse, cada mes que pase é imprescindible", dixo o presidente galego, poñendo o foco en Madrid malia que o ministerio español acumula anos e mesmo décadas de estudos previos fronte aos traballos portugueses que acaban de comezar en firme hai uns meses.

Rueda asegurou que tamén falara co ministro portugués "doutros temas de interese" -da Xunta son competencia varios pasos internacionais que están pendentes de melloras- pero evitou verbalizalos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.