A Comisión seleccionou unha proposta de Ilsa, a empresa que está detrás da operadora privada Iryo, para apoiala expresamente, pero sitúaa no penúltimo lugar canto a prazos de posta en servizo
A Comisión Europea anunciou este martes a súa decisión de apoiar expresamente “dez proxectos piloto para establecer novos servizos ferroviarios” transfronteirizos entre os que está unha conexión directa A Coruña-Lisboa. A iniciativa sería desenvolvida pola empresa Ilsa, que está detrás da operadora privada Iryo que en España opera xa nas liñas de alta velocidade de Madrid con Barcelona, Andalucía e Levante e que vincularía a nova liña con outra Madrid-Lisboa.
A iniciativa da Comisión Europea nace dun plan de acción lanzado en decembro de 2021 para impulsar o ferrocarril de viaxeiros de longa distancia e transfronteirizo, que detectou “obstáculos que dificultaban a utilización e explotación dos servizos ferroviarios de viaxeiros transfronteirizos”. Tamén planificou medidas para mellorar a situación, entre elas a posta en marcha de proxectos piloto como os agora anunciados, que contarán co apoio expreso da Comisión.
A comisión enumera os dez proxectos piloto “por orde da data prevista de inicio”, o que sitúa a liña A Coruña-Lisboa no penúltimo lugar. Pero non este martes non se concretaron máis prazos. Estes son os dez proxectos segundo esa orde:
- Novos servizos entre Hungría, Austria e Romanía
- Conexión Alemaña-Dinamarca-Suecia con novos trens nocturnos
- Trens nocturnos entre París, Milán e Venecia
- Novo servizo Munich-Zúrich
- Novo servizo Munich-Viena-Budapest
- Mellora do actual servizo Amsterdam-Londres en cooperación con Eurostar
- Novo tren nocturno Barcelona-Amsterdam
- Novos servizos Roma-Munich e Milán-Munich
- Novos servizos Lisboa-A Coruña e Lisboa-Madrid, de Ilsa
- Novos servizos entre Catalunya e o sur de Francia, de Ferrocarrils da Generalitat de Catalunya
"A Comisión Europea quere agora axudar ás empresas ferroviarias", di a comisaria de Transportes, para que estes proxectos piloto permitan acelerar a caída de barreiras entre estados
Segundo a comisaria de Transportes, Adina Vălean, “necesitamos que o mercado ferroviario responda moito mellor e moito máis rápido, especialmente para as viaxes longas e transfronteirizas”. Por iso, di, “esta é a razón pola que a Comisión Europea quere agora axudar ás empresas ferroviarias a crear novas conexións ferroviarias internacionais, tanto de día como de noite, mediante a eliminación das numerosas barreiras ao ferrocarril transfronteirizo”.
Ademais de impulsar agora un novo servizo, a Comisión xa puxo hai un ano a conexión Vigo-Porto como exemplo de infraestrutura transfronteiriza que quere impulsar
De concretarse e ter éxito a nova liña A Coruña-Lisboa, que agora depende de que a empresa que a propuxo á Comisión Europea decida seguir adiante coa axuda comunitaria, axudaría a que os gobernos de España e Portugal se comprometesen en maior medida coa mellora da infraestrutura actual coa construción dunha nova liña do lado luso e da saída sur de Vigo do lado galego. Esa nova conexión Vigo-Porto xa foi posta como exemplo precisamente pola Comisión Europea hai un ano do tipo de trens transfronteirizos que quere acelerar, cunha data obxectivo de 2040 para a posta en servizo desas novas infraestruturas.
Mentres non se acomete a mellora da infraestrutura, o apoio expreso da Comisión á empresa interesada en poñer en marcha os novos servizos vén dar novos pulos a unha aspiración de conexión A Coruña-Lisboa que en 2018 Arriva anunciou que pretendía poñer en marcha xunto coa alemá Deutsche Bahn de xeito case inmediato. A iniciativa chegou a obter autorización da Comisión Nacional da Competencia en 2019, pero non seguiu avanzando, condicionada segundo a propia empresa por melloras pendentes na infraestrutura.