A ministra remítese ao plan de mobilidade presentado pola Comisión Europea o pasado decembro e asegura que os estudos previos españois están máis avanzados que os portugueses, que din poder rematar a liña en só oito anos
O pasado decembro, sen gran repercusión mediática, a Comisión Europea presentou un plan de “mobilidade verde e eficiente” que implicou unha ampliación e actualización da súa planificación en materia de infraestruturas ferroviarias para os próximos anos. O novo plan europeo citou expresamente como obxectivo a acadar en 2040 unha “nova conexión de alta velocidade entre Porto e Vigo”. A esa data remitiuse este luns a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, de visita en Vigo, para prometer que España acadará o obxectivo “sen ningún problema” e asegurar que os estudos do seu ministerio están máis avanzados que os portugueses, que insisten en poder rematar a súa parte da liña en só oito anos, para 2030.
Tras renunciar a ela hai unha década pola crise, Portugal vén asegurando desde hai meses que está disposto a facer unha liña de alta velocidade entre Porto e o río Miño para 2030. España non só debe acordar con Portugal as características da ponte que cruce o río senón tamén executar unha saída sur en Vigo que permita dar continuidade ao actual Eixo Atlántico desde A Coruña, cuestións que o Ministerio de Transportes foi adiando ata que Lisboa volveu amosar interese pola conexión.
O pasado decembro a Comisión Europea presentou a actualización da súa planificación ferroviaria e situou en 2040 o seu obxectivo explícito para a liña Vigo-Porto, unha década antes do previsto anteriormente. Pero hai menos dun mes o propio primeiro ministro luso, António Costa, presidiu unha nova presentación dos proxectos ferroviarios portugueses que insiste en 2030 como data de remate dunha nova liña entre Porto e Valença.
Segundo a ministra, a Cimeira Ibérica que acollerá Viana do Castelo dentro de dez días servirá para que España e Portugal ratifiquen o seu compromiso conxunto coa infraestrutura
Neste contexto, a ministra de Transportes asegurou este luns en Vigo que foi froito do traballo dos dous gobernos, o español e o portugués, conseguir que a UE fixase o obxectivo de 2040 para a liña entre Vigo e Porto. E dixo ser “optimista” con ese “horizonte” xa que, matizou, os estudos da parte española están máis avanzados que os portugueses. Será, avanzou, na Cimeira Ibérica que acollerá Viana do Castelo dentro de dez días, o próximo 4 de novembro, cando os dous gobernos ratifiquen o seu compromiso conxunto con esa infraestrutura.