Tren Porto-Vigo nunha hora en 2030: o novo plan de Portugal aínda "dependente de articulação com Espanha"

António Costa, na presentación dos novos proxectos de alta velocidade do Goberno portugués, este 28 de setembro de 2022. Sobreimpresionado, esquema da liña do Porto a Vigo © Goberno de Portugal | Montaxe: Praza.gal

O goberno de António Costa presenta o seu deseño de alta velocidade entre Lisboa e o Miño co obxectivo de contratar en 2025 conxuntamente os proxectos e as obras

O primeiro ministro portugués, o socialista António Costa, presidiu este mércores no Porto un acto ao que o seu goberno deu certa solemnidade no que presentou as súas previsións para o desenvolvemento dunha liña de alta velocidade ferroviaria entre Lisboa, Porto e o río Miño. O obxectivo declarado é que en 2030 as viaxes en tren entre Porto e Vigo duren unha hora, fronte ás preto de dúas horas e media actuais ou á hora e media do coche particular. Será fundamentalmente grazas a un investimento duns 1.200 millóns de euros entre Braga e a fronteira, nun treito que o propio goberno luso admite que está “dependente de articulação com Espanha”, que segue sen concretar o trazado e previsións do treito entre Vigo e o Miño.

Por outra banda, o Goberno portugués sitúa o aeroporto Sá Carneiro do Porto como o eixo de desenvolvemento e rendibilización da nova liña ferroviaria e asegura que traballa co obxectivo de que tras as sucesivas fases de construción A Coruña quede a 2 horas e 23 minutos desa terminal aérea.

Liña de alta velocidade entre Porto e Vigo presentada polo Goberno de Portugal este 28 de setembro © Infraestruturas de Portugal

A planificación presentada este mércores polo Goberno portugués [aquí o PDF] vén derivada do programa de investimentos ata 2030 que lanzou hai un par de anos e está enmarcado no denominado Plano Nacional Ferroviario. Ademais, conta co apoio expreso da Comisión Europea como un dos proxectos transfronteirizos que quere financiar e, segundo Costa, a situación das finanzas lusas permitirá agora acometelo “sem sobressaltos”.

Segundo o detallado este mércores, a intención do Goberno portugués é acometer a nova conexión entre Porto e o Miño en dúas fases. Unha primeira incluiría a conexión entre Porto e o aeroporto Sá Carneiro e unha nova liña de vía dobre e alta velocidade en ancho ibérico entre Braga e a fronteira de Valença, actuacións que superarían os 1.200 millóns de euros. En 2023 realizaríanse estudos, en 2024 a avaliación ambiental e en 2025 sería o concurso para realizar á vez o proxecto construtivo e a obra, que comezarían a executarse en 2026 para estar rematada a liña en 2030. Nunha segunda fase actuaríase entre o Sá Carneiro e Braga, onde actualmente xa hai unha liña de prestacións mellores que a que hai entre Braga e a fronteira. 

Tempos de recorrido actuais e estimados co aeroporto Sá Carneiro como punto de partida © Infraestruturas de Portugal

Na estratexia de situar o aeroporto Sá Carneiro como centro de interese da nova liña o Goberno luso chega a dar a estimación de 48 minutos para as viaxes desde alí ata Vigo e de 2 horas e 23 minutos ata A Coruña

As previsións son que a primeira fase, a que remataría en 2030, permita reducir o recorrido entre Porto e Vigo a unha hora, e que a segunda fase o reduza noutros dez minutos máis. Na estratexia de situar o Sá Carneiro como centro de interese da nova liña, o Goberno luso chega a dar as estimacións de 48 minutos de duración para as viaxes desde o aeroporto a Vigo na segunda fase e de 3 horas ata A Coruña na primeira fase e 2 horas e 23 minutos na segunda fase, tempos que implicarían a construción dunha saída sur subterránea de Vigo cara ao Porriño que España aínda segue a estudar.

De Lisboa ao Porto a nova liña reduciría das tres horas actuais a unha hora e 19 minutos a duración das viaxes en 2030

Este mércores tamén se presentou a planificación para a liña Porto-Lisboa, que se realizaría en tres fases. A primeira, duns 150 quilómetros entre Porto e Soure, ao sur de Coímbra, estaría rematada en 2028. A segunda, doutros 150 quilómetros entre Soure e Carregado, nas proximidades da área metropolitana de Lisboa, remataríase en 2030. E por último unha terceira fase de menor relevancia, entre Carregado e Lisboa, acometeríase a partir de 2030.

Planificación temporal das novas liñas de alta velocidade presentada polo Goberno de Portugal CC-BY-SA Infraestruturas de Portugal

 Segundo o Goberno portugués, se actualmente o tren entre Porto e Lisboa tarda algo máis de 3 horas en facer algo máis de 300 quilómetros, o remate da primeira fase en 2028 rebaixaría o tempo a dúas horas, e o remate da segunda fase en 2030 a unha hora e 19 minutos, para deixalo finalmente nunha hora e 15 minutos ao remate de todas as fases.

"Esta é a ligação entre Portugal e Espanha com maior procura", di o ministro das Infraestruturas sobre a liña con Galicia, da que engade que "o Aeroporto Sá Carneiro já é o aeroporto de referência para todo o Noroeste"

Segundo salientou o ministro das Infraestruturas portugués, Pedro Nuno Santos, en referencia á liña con Galicia, “sabemos, e isso é suportado pelos estudos, que esta é a ligação entre Portugal e Espanha com maior procura. Sabemos que é aqui que os povos que vivem de ambos os lados da fronteira têm as ligações sociais, económicas e culturais mais estreitas. Sabemos que o Aeroporto Sá Carneiro já é o aeroporto de referência para todo o Noroeste da península e, assim, com as novas ligações mais rápidas para Norte e para Sul, também contribuímos para alargar a sua área de influência».

Oprimeiro ministro de Portugal, António Costa, refírese á importancia da ligazón Porto Vigo durante a na presentación dos novos proxectos de alta velocidade do seu Goberno, este 28 de setembro no Porto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.