O Eixo Atlántico publica o álbum de banda deseñada 'Das Orixes á Unión Europea, Historia da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal', realizado por dous debuxantes galegos e dous lusos e coordinado por Víctor Rodríguez
O Eixo Atlántico vén de publicar o cómic Das Orixes á Unión Europea, Historia da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, un álbum de 100 páxinas que percorre a historia dos dous países a través de cinco capítulos, dende os primeiros poboadores destas terras ata o momento actual e a propia constitución do Eixo Atlántico. O traballo foi dirixido e redactado polo historiador Víctor Rodríguez, que coordinou os catro debuxantes: Daniel Docampo, Daniel Correia, Norberto Fernández e Martim Cordovil, dous galegos e dous lusos. Dende este 19 de setsembro, Praza.gal ofrece a posibilidade de ler online e de descargar a publicación realizada polo Eixo Atlántico, como xa fixera en 2017 con 'O báculo de Daghdha', unha aventura entre Galicia en Portugal.
O primeiro capítulo amosa a prehistoria, o período castrexo e a romanización, ata a chegada dos suevos e do Cristianismo. O segundo percorre a Idade Media, coa constitución do Reino de Galicia, a invención do Camiño de Santiago, a independencia de Portugal ou as revoltas irmandiñas. A terceira entrega abrangue dende a morte de Henrique de Portugal ata a Revolución dos Cravos en 1974. Finalmente, o cuarto capítulo amosa a historia recente dos dous países e cómic inclúe un último apartado coa propia historia da institución do Eixo Atlántico dende a súa fundación en 1992.
"Sintetizar a historia destas terras que terminaron por configurar Galiza e o Norte de Portugal foi un labor de procurar elementos comúns, outros elementos diferenciadores e unha serie de 'historias da historia' que poden exemplificar ese percurso"
En total, son miles de anos de historia condensados en 100 páxinas, un traballo de condensación e selección que explica Víctor Rodríguez: "Sintetizar a historia destas terras que terminaron por configurar Galiza e o Norte de Portugal foi un labor de procurar elementos comúns, outros elementos diferenciadores e unha serie de 'historias da historia' que poden exemplificar ese percurso". "Hai que ter en conta" -engade- "que durante moito tempo foron o mesmo territorio, tanto na Gallaecia romana coma no tempo dos reinos medievais, pero mesmo posteriormente, nos momentos de separación, non deixaron de ter unha historia común, con vivencias compartidas".
"Durante moito tempo foron o mesmo territorio, pero mesmo posteriormente, nos momentos de separación, non deixaron de ter unha historia común, con vivencias compartidas"
"Evidentemente, non se trata de levar ao debuxo un manual de historia, senón que se optou por buscar historias significativas que ilustren ese percorrido", di, sinalando que se optou por escoller unha serie de elementos significativo que puidesen retratar cada momento histórico. "Hai historias que claro que tiñan que estar presentes nesta obra, porque son coñecidas por todos, pero tamén tentamos dar a coñecer aquilo máis descoñecido que mostra a relación entre Galicia e o Norte de Portugal", indica.
Norberto Fernández destaca a especial dificultade de ilustrar un cómic histórico, que "necesita, sobre todo, unha documentación exhaustiva para que todo estea no seu correcto momento e lugar"
Norberto Fernández, un dos catro debuxantes, destaca a especial dificultade de ilustrar un cómic histórico, que "necesita, sobre todo, unha documentación exhaustiva para que todo estea no seu correcto momento e lugar". "Cando ti fas un cómic ambientado na actualidade podes tirar máis de memoria, aínda que todas as historias hai que documentalas, mesmo as de xénero fantástico, pero hai máis marxe. En cambio nos cómics históricos tes que ser moi rigoroso, para non poñer nos anos 70 un modelo de coche que aínda non existían ou na Idade Media un tipo de armadura que é posterior", explica.
"Queriamos enfocarnos nos pequenos sucesos que tiveron moita importancia a nivel local e que tiveron ademais moitos elementos comúns"
Fernández afonda na idea de que "ademais de incluír os feitos de relevancia universal, como a Revolución de 1974, tamén queriamos achegar como elemento novidoso o feito de enfocarnos nos pequenos sucesos propios da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que tiveron moita importancia a nivel local e que tiveron ademais moitos elementos comúns". "Son temas, ademais, que non tanta xente lembra ou coñece. Eu confeso que non tiña nin idea do tema da Movida portuguesa, o boom do rock portugués, que tamén tivo lugar na década dos 80", sinala.
"Durante moito tempo ignorábamos cousas que pasaban a poucos quilómetros de nós, por exemplo na música e aquí ao lado tiñamos unha movida cultural semellante á que tiña lugar en Galicia e non tiñamos nin idea"
O debuxante incide neste "descoñecemento" recíproco e no afastamento que durante moito tempo sufriron os dous países e que dende hai anos se busca corrixir. "O territorio ten unha unidade cultural e espiritual, pero durante moito tempo estivo separado por unha fronteira que funcionou como unha barreira e que agora xa non existe", di. "Durante moito tempo ignorábamos cousas que pasaban a poucos quilómetros de nós, por exemplo na música e aquí ao lado tiñamos unha movida cultural semellante á que tiña lugar en Galicia e non tiñamos nin idea. Coa aparición do Xabarín Club si comezamos a coñecer a algún grupo portugués e afortunadamente agora hai moita máis comunicación entre os dous países", destaca.
"A idea era dar a coñecer nos dous países a realidade 'do outro'. Hai moitas cousas que descoñecemos, pero afortunadamente a situación variou moito nas últimas tres décadas"
O mesmo destaca Víctor Rodríguez, que explica que "a idea era dar a coñecer nos dous países a realidade 'do outro'. Hai moitas cousas que descoñecemos, pero afortunadamente a situación variou moito nas últimas tres décadas" e conclúe "esta banda deseñada quere facer fincapé e afondar nese pasado común que comparten Galicia e Portugal, pero tamén na idea de que o presente tamén é común e de que o futuro ha de selo moito máis".
'Das Orixes á Unión Europea, Historia da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é o quinto cómic publicado polo Eixo Atlántico, unha iniciativa de divulgación cuxa orixe estivo en unidades didácticas para escolares. Visto o éxito das mesmas, decidiuse empregar o xénero da banda deseñada para achegar distintas realidades da Eurorrexión aos máis novos con títulos como 'Coñece O Eixo Atlantico', 'Un Camiño de futuro' (centrado no Camiño de Santiago), 'Destino fronteira' (que amosa os atractivos da raia) ou 'O báculo de Daghdha', unha aventura entre Galicia en Portugal'.