“Foi unha aventura fascinante romper as fronteiras de Galicia e Portugal nun cómic”

Cómic que o Eixo Atlántico distribuirá a través de Praza.gal o sábado en galego e portugués CC-BY-SA Praza Pública

Este sábado 8 de xullo Praza.gal, e outros medios de comunicación galegos, distribuirá de xeito gratuíto, en versións en galego e portugués, un cómic de aventuras para rapaces, O báculo de Daghdha, editado polo Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal. A iniciativa enmárcase no obxectivo da asociación transfronteiriza de acadar un maior coñecemento e relacións entre a cidadanía dos dous lados da fronteira, neste caso dos máis novos, a través dunha historia que se inicia en Lisboa e percorre o camiño portugués a Santiago dando a coñecer as cidades polas que pasan os seus protagonistas.

O debuxante Norberto Fernández fala do cómic de aventuras transfronteirizo que o Eixo Atlántico distribúe o sábado a través de varios medios de comunicación, tamén Praza.gal, que o ofrecerá en galego e portugués

O autor do cómic é o debuxante Norberto Fernández (Vigo, 1967), que ademais de publicar en diversos medios de comunicación galegos participou en revistas do sector como El Víbora ou Golfiño e ten varias obras publicadas por Dolmen Editorial.  Tamén ten traballos como entintador e portadista nos Estados Unidos, entre outros para Marvel Comics.

Vostede xa participou nun cómic divulgativo, A Coruña, 800 anos de historia. Como afronta un debuxante un traballo así por encargo dunha institución?

O encargo ten que ser un pouco afín e que a temática sexa motivadora. A min a historia encántame de toda a vida, por iso fixen o da Coruña con moitas ganas por afrontar períodos históricos distintos, ter que debuxar vestiarios, ambientes distintos. Neste caso é similar, porque é unha aventura plantexada no presente pero cun montón de referencias a outras épocas, a lendas e enigmas do pasado. Afróntase con ganas pero logo rematas extenuado porque tes que ser fiel aos datos. Non podes debuxar lisa unha parte da catedral de Santiago cando xa estás canso de facer filigranas. Tes que seguir facéndoas. Pero quedei contento porque creo que o lector identificará todos os lugares.

"Hai milleiros de lendas e de personaxes raros desde Lisboa a Compostela. A sensación é a de que temos unha historia común, un territorio que é o mesmo"

Un dos obxectivos do Eixo Atlántico é o de fomentar as relacións entre a cidadanía dos dous lados da fronteira e o coñecemento do territorio veciño. Como foi o traballo de documentación?

Estiven moi apoiado pola xente do Eixo Atlántico. Xoán Vázquez Mao [secretario xeral do Eixo], que é un gran aficionado aos cómics e quen ten a idea e a iniciativa, entende a capacidade da banda deseñada como medio de comunicación. E o equipo do Eixo Atlántico axudou na documentación. Ao final tivemos que facer unha selección porque hai milleiros de lendas e de personaxes raros desde Lisboa a Compostela. Cando comezas a escarvar aparecen moitísimas máis cousas. A sensación é a de que temos unha historia común, un territorio que é o mesmo. E coñecelo axuda a romper as fronteiras entre Galicia e Portugal. Foi unha aventura fascinante.

Do que descubriu que descoñecera ao comezar o traballo, que foi o que máis lle sorprendeu?

Moitísimas cousas. Desde as gárgolas gamberras que metían os arquitectos en Santiago para fastidiar os arcebispos ata a historia dun clérigo en Monforte que cuns pasadizos chegaba á habitación da muller do conde, ou a historia do galo de Barcelos. Descobres que as series americanas non inventaron nada.

"A xente di que un camareiro que aparece é certo futbolista, ou que outro personaxe é un alcalde da eurorrexión. Non sei"

Algúns dos personaxes do cómic teñen uns rostros claramente recoñecibles, pero máis para os adultos que para os rapaces. É un xeito de chamar tamén a atención dos maiores?

É unha tradición a de meter en moito tipo de historias, en personaxes secundarios, que non teñen maior relevancia, trazos de persoas reais, para facer unha broma ou un cameo. A xente di que un camareiro que aparece é certo futbolista, ou que outro personaxe é un alcalde da eurorrexión. Non sei...

Caricatura de Norberto Fernández realizada por Adão Silva Dominio Público Adão Silva

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.