0 Gardados para despois

“Foi unha aventura fascinante romper as fronteiras de Galicia e Portugal nun cómic”

Redacción | @prazapublica

Este sábado 8 de xullo Praza.gal, e outros medios de comunicación galegos, distribuirá de xeito gratuíto, en versións en galego e portugués, un cómic de aventuras para rapaces, O báculo de Daghdha, editado polo Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal. A iniciativa enmárcase no obxectivo da asociación transfronteiriza de acadar un maior coñecemento e relacións entre a cidadanía dos dous lados da fronteira, neste caso dos máis novos, a través dunha historia que se inicia en Lisboa e percorre o camiño portugués a Santiago dando a coñecer as cidades polas que pasan os seus protagonistas.

O debuxante Norberto Fernández fala do cómic de aventuras transfronteirizo que o Eixo Atlántico distribúe o sábado a través de varios medios de comunicación, tamén Praza.gal, que o ofrecerá en galego e portugués

O autor do cómic é o debuxante Norberto Fernández (Vigo, 1967), que ademais de publicar en diversos medios de comunicación galegos participou en revistas do sector como El Víbora ou Golfiño e ten varias obras publicadas por Dolmen Editorial.  Tamén ten traballos como entintador e portadista nos Estados Unidos, entre outros para Marvel Comics.

Vostede xa participou nun cómic divulgativo, A Coruña, 800 anos de historia. Como afronta un debuxante un traballo así por encargo dunha institución?

O encargo ten que ser un pouco afín e que a temática sexa motivadora. A min a historia encántame de toda a vida, por iso fixen o da Coruña con moitas ganas por afrontar períodos históricos distintos, ter que debuxar vestiarios, ambientes distintos. Neste caso é similar, porque é unha aventura plantexada no presente pero cun montón de referencias a outras épocas, a lendas e enigmas do pasado. Afróntase con ganas pero logo rematas extenuado porque tes que ser fiel aos datos. Non podes debuxar lisa unha parte da catedral de Santiago cando xa estás canso de facer filigranas. Tes que seguir facéndoas. Pero quedei contento porque creo que o lector identificará todos os lugares.

"Hai milleiros de lendas e de personaxes raros desde Lisboa a Compostela. A sensación é a de que temos unha historia común, un territorio que é o mesmo"

Un dos obxectivos do Eixo Atlántico é o de fomentar as relacións entre a cidadanía dos dous lados da fronteira e o coñecemento do territorio veciño. Como foi o traballo de documentación?

Estiven moi apoiado pola xente do Eixo Atlántico. Xoán Vázquez Mao [secretario xeral do Eixo], que é un gran aficionado aos cómics e quen ten a idea e a iniciativa, entende a capacidade da banda deseñada como medio de comunicación. E o equipo do Eixo Atlántico axudou na documentación. Ao final tivemos que facer unha selección porque hai milleiros de lendas e de personaxes raros desde Lisboa a Compostela. Cando comezas a escarvar aparecen moitísimas máis cousas. A sensación é a de que temos unha historia común, un territorio que é o mesmo. E coñecelo axuda a romper as fronteiras entre Galicia e Portugal. Foi unha aventura fascinante.

Do que descubriu que descoñecera ao comezar o traballo, que foi o que máis lle sorprendeu?

Moitísimas cousas. Desde as gárgolas gamberras que metían os arquitectos en Santiago para fastidiar os arcebispos ata a historia dun clérigo en Monforte que cuns pasadizos chegaba á habitación da muller do conde, ou a historia do galo de Barcelos. Descobres que as series americanas non inventaron nada.

"A xente di que un camareiro que aparece é certo futbolista, ou que outro personaxe é un alcalde da eurorrexión. Non sei"

Algúns dos personaxes do cómic teñen uns rostros claramente recoñecibles, pero máis para os adultos que para os rapaces. É un xeito de chamar tamén a atención dos maiores?

É unha tradición a de meter en moito tipo de historias, en personaxes secundarios, que non teñen maior relevancia, trazos de persoas reais, para facer unha broma ou un cameo. A xente di que un camareiro que aparece é certo futbolista, ou que outro personaxe é un alcalde da eurorrexión. Non sei...

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Os Xogos do Eixo Atlántico xuntan en Lugo 2.000 mozas e mozos de Galicia e Portugal

Viana do Castelo fronte a Monforte, Carballo diante de Matosinhos, Guimarães con Ourense ou Porto no mesmo campo que Vigo. Son algúns dos encontros deportivos que ata o vindeiro domingo se están a celebrar con Lugo, Monforte e Sarria como sedes da duodécima edición dos Xogos do Eixo Atlántico, o certame deportivo organizado pola rede de cidades de Galicia e do norte de Portugal que no vixésimo quinto aniversario da entidade acolle sete modalidades deportivas.

Mocidade de ata 16 anos procedente dun total de 29 municipios galegos e portugueses están a competir nuns xogos no que o deporte é a actividade central, pero non a única. Así, diversos eventos culturais salfiren un programa de competicións que se centra na cidade de Lugo, cos encontros de baloncesto no Pazo Provincial dos Deportes, atletismo e atletismo adaptado nas pistas das pedreiras, natación nas piscinas de Frigsa e fútbol, no campo das Gándaras. Monforte é sede dos encontros de voleibol e Sarria, das competicións de balonmán e ximnasia rítmica, que se incorporan aos Xogos por primeira vez.

Nos Xogos do Eixo participan mozas e mozos de ata 16 anos procedentes dunha trintena de municipios de Galicia e Portugal

A vertente cultural dos Xogos do Eixo Atlántico chegou xa na súa inauguración, cun desfile polas rúas de Lugo na que romanos e galaicos do Arde Lucus compartiron espazo con cabezudos de Viana do Castelo, cigarróns de Verín e caretos de Maceda de Cavaleiros e Bragança. Ademais, destaca a organización, "por primeira vez intégrase na celebración dos xogos a promoción da cultura do país no que non se celebran, neste caso Portugal", a través dun acordo co Instituto Camões.

Exposicións sobre o cinema portugués en Sarria e Monforte ou pezas teatrais en Lugo compoñen parte da oferta cultural duns Xogos que continúan ata o domingo, día 9, cando a cidade da Muralla será escenario da clausura na contorna do Vello Cárcere.