Dende 2009, o Eixo Atlántico de Galicia e o Norte de Portugal escolle cada dous anos unha das cidades que o conforma como Capital Cultural. Faino para "potenciar a cultura en todas as súas expresións" a ambas beiras do Miño, poñendo o foco na actividade do concello elixido e "contando sempre coa presenza dos países historicamente conectados a Portugal e Galicia".
No ano 2020 a elixida foi Braga, se ben por mor da pandemia o groso do programa de actividades tivo que ser adiado a 2021. Este 20 de abril, o Grupo de Traballo de Educación e Cultura da rede de entidades locais galego-portuguesa reuníase en Guimarães para escoller a seguinte Capital da Cultura, neste caso para 2023, e a elixida foi a cidade de Lugo.
A candidatura lucense, única formulada e defendida pola concelleira Ana González Abelleira, contempla unha programación de marzo a novembro de 2023 que, avanza o Concello, "contempla as distintas disciplinas artísticas e unha ampla variedade de eventos; dende mostras de teatro, cinema e concertos" á arte urbana, actividades infantís ou exposicións" que se combinarán con "citas xa consolidadas na cidade, como o Arde Lucus Cultural, o Festival Internacional de Jazz ou o Caudal Fest", sinala a alcaldesa, Lara Méndez, actual presidenta do Eixo.
Lara Méndez: "A elección de Lugo como sede situaranos no mapa cultural internacional o vindeiro ano e será unha fiestra aberta á riqueza cultural da Eurorrexión"
"A elección de Lugo como sede -defende Méndez- situaranos no mapa cultural internacional o vindeiro ano e será unha fiestra aberta á riqueza cultural da Eurorrexión". Neste sentido, sinala que a programación se completará da man do resto de concellos do Eixo, "porque dende Lugo queremos ser unha fiestra aberta á multiculturalidade" galega e portuguesa. Prevese que parte das actividades poidan desenvolverse xa no novo auditorio da cidade.
Dende a deputación lucense, a súa vicepresidenta e tamén responsable de Cultura da institución provincial e do propio Concello, Maite Ferreiro, saúda como "gran nova" a elección de Lugo como Capital da Cultura en 2023. "Converterá Lugo no centro da actividade cultural de Galiza e do Norte de Portugal, reafirmando a aposta que o goberno local vén facendo pola cultura, cunha programación estable e variada, e afondando na relación e no intercambio entre a comunidade artística galega e portuguesa unidas polo idioma e a cultura", resalta.
Lugo será a segunda cidade galega, tras Ourense (2014), en converterse en Capital da Cultura do Eixo Atlántico dende que esta iniciativa botou a andar. Todas as demais localidades elixidas foran portuguesas: Vilanova de Gaia, Viana do Castelo, Ourense, Matosinhos xunto a Vila Rela, Santa María da Feira e Braga