Braga estrea a capitalidade cultural do Eixo Atlántico cun concerto gratuíto de SondeSeu e Daniel Pereira Cristo

Son de © Eixo Atlántico

“Queremos que contribúa a aumentar a dinámica cultural de cada unha das cidades que integran esta asociación transfronteiriza”, di o alcalde, Ricardo Río

O Altice Forum Braga acolle este sábado día 8, ás 21.30 horas, a apertura oficial da VI Capital da Cultura do Eixo Atlántico, cerimonia que irá seguida dun concerto da banda galega SondeSeu e do portugués Daniel Pereira Cristo. A entrada é de balde ata encher o aforo do recinto e as entradas poden ser recollidas no propio lugar entre as 9 e as 18 horas de Portugal. Previamente, o venres a entidade que integra as principais cidades de Galicia e o Norte de Portugal renovará os seus órganos de funcionamento.

Daniel Pereira Cristo © Eixo Atlántico

Braga sucede a Vilanova de Gaia Viana do Castelo, Ourense, Matosinhos, Vila Real e Santa Maria da Feira

A Capital da Cultura do Eixo Atlántico é acollida cada dous anos por unha das cidades da eurorrexión e pretende impulsar as conexións culturais entre os dous lados da fronteira. En anos anteriores a celebración recaeu en Vilanova de Gaia, Viana do Castelo, Ourense, Matosinhos, Vila Real e Santa Maria da Feira.

A programación prevista para este ano inclúe 52 eventos de cultura urbana, artes plásticas, música, teatro, cine, fotografía ou encontros sectoriais do mundo da cultura

Desta volta o alcalde de Braga, Ricardo Río, salienta o seu desexo de que “sexa un momento de afirmación da nosa identidade e contribúa a aumentar a dinámica cultural de cada unha das cidades que integran esta asociación transfronteiriza”. A programación prevista para este ano inclúe 52 eventos de cultura urbana, artes plásticas, música, teatro, cine, fotografía ou encontros sectoriais do mundo da cultura.

O concerto inaugural deste sábado unirá sobre o escenario o traballo de recuperación e modernización de músicas e instrumentos tradicionais do portugués Daniel Pereira Cristo e os galegos SondeSeu .

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.