No evento, que se celebra cada dous anos e no que desta volta participan 26 cidades da eurorrexión, o deporte adaptado segue a aumentar con 130 deportistas
Braga acolleu este luns a inauguración dos XIII Jogos do Eixo Atlântico, que desde 1995 congregan cada dous anos a mozos e mozas das principais cidades e vilas de Galicia e o Norte de Portugal. Desta volta son 1.800 os participantes dun total de 10 cidades galegas e 14 portuguesas que competirán en nove deportes distintos: balonmano, baloncesto, fútbol 7, voleibol, atletismo, atletismo adaptado, natación, natación adaptada e tenis. O deporte adaptado segue a aumentar en número de participantes e desta volta serán 130, o dobre que na anterior edición, celebrada conxuntamente en Lugo, Sarria e Monforte.
Durante a inauguración dos Jogos, os participantes desfilaron polo centro de Braga. No acto inaugural, con representantes políticos das 26 cidades participantes, o secretario de Estado de Deportes de Portugal, João Paulo Rebelo, salientou que os Jogos “constitúen un evento deportivo transfronteirizo único en Europa”, mentres que o presidente do Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, Alfredo García, lembrou que eventos así “significan un impulso a un mellor coñecemento do territorio e a forxar amizades que nalgúns casos durarán toda a vida”.
Os Jogos son unha das iniciativas máis antigas do Eixo Atlántico, que salienta a súa relevancia para “a promoción do deporte, a convivencia entre os mozos e, tamén o mellor coñecemento entre os cidadáns das dúas rexións”
Os Jogos son unha das iniciativas máis antigas do Eixo Atlántico, que salienta a súa relevancia para “a promoción do deporte, a convivencia entre os mozos e, tamén o mellor coñecemento entre os cidadáns das dúas rexións”. Nesta edición participan por Galicia representantes de O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos, Santiago, Lugo, Carballo, Sarria, Ourense, Vilagarcía, Vigo e O Carballiño e por Portugal mozos e mozas do Porto, Guimarães, Valongo, Matosinhos, Viana do Castelo, Vila Real, Famalicão, Santa Maria da Feira, Vila Nova de Gaia, Maia, Braga, Barcelos, Bragança e Peso da Régua, localidades á que se suma a eurocidade Chaves-Verín.
No transcurso da inauguración fíxose entrega do trofeo Jogo LimpoNelson Cardoso correspondente á anterior edición ao concello de Monforte. Tamén se homenaxeou a Serafín Carballo, membro do grupo de Deportes do Eixo Atlántico en representación do Concello de Lugo, atleta que vén de xubilarse como responsable de Deportes desa administración, e a Mário Manuel Silva, atleta portugués de 1.500 metros retirado que foi bronce europeo en 1990.