A primeira vez que o Concello de Lugo tivo un desencontro coa Xunta a respecto do novo auditorio da cidade, esta infraestrutura cultural íase construír no antigo cuartel de San Fernando, un recinto do século XVIII no centro da cidade, o Goberno galego estaba presidido por Manuel Fraga e o conselleiro con competencias na obra era Alberto Núñez Feijóo. Sete conselleiros e case 16 anos despois, o consistorio lucense está a piques de recibir o novo auditorio, finalmente construído no barrio de Magoi tras múltiples avatares e nunha das últimas revisións técnicas detectou que no recinto xa abrollan as humidades.
O novo auditorio de Lugo foi inaugurado por Feijóo en abril de 2016, cando aínda non fora equipado; mantelo pechado custaba xa daquela uns 6.000 euros mensuais en mantemento
En realidade, o novo auditorio leva case anos rematado. Non en van, o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, chegou a inauguralo oficialmente en abril de 2016. Daquela aínda non estaba equipado e aínda estaba por decidir quen e como pagaría o equipamento do edificio, construído pero baleiro. Finalmente, o Goberno galego accedeu a sufragar o equipamento cuns 3,5 millóns a cambio de que o consistorio lle perdoase unha cantidade equivalente en impostos municipais. Durante o tirapuxa, a Administración autonómica seguía destinando uns 6.000 euros mensuais en gastos de mantemento do edificio pechado.
Técnicos municipais atribúen as filtracións e humidades a que o edificio leve catro anos rematado e pechado
Sexa como for, o certo é que semella que a entrega do auditorio está a piques de concretarse e, non sen tensión previa entre Xunta e Concello, esta semana persoal técnico municipal "inspeccionou as instalacións" para "comprobar o estado de conservación no que se atopa o inmoble antes da súa próxima entrega", toda vez que a Administración local terá que asumir tamén o mantemento en canto se produza a transferencia. "Á espera de que se presenten os informes de cada un dos departamentos" encargados, o goberno local xa avanza que detectou diversas deficiencias que, di, a Xunta debe amañar.
"Os técnicos apreciaron deficiencias relacionadas coa presenza de humidades e filtracións de augas en teitos e paredes", explican dende o Concello, gobernado por PSdeG e BNG. En boa medida, aclaran, é moi posible que estes problemas sexan produto da "ausencia de actividade" do auditorio, "xa que a construción do edificio rematou hai catro anos", evidencian. Polo mesmo motivo, algúns equipamentos exteriores, como un xerador, están xa afectados pola ferruxe e con maleza a medrar ao redor.
A Xunta resta importancia ás deficiencias atopadas e asegura que as reparará antes da entrega ao Concello do edificio, un proxecto xa pasou polas mans de sete conselleiros distintos, entre eles Feijóo
Ademais das humidades, o persoal do Concello "apreciou danos na tarima e nas escaleiras do patio de butacas do salón principal", tamén en billas "dalgúns aseos". O goberno local asegura que "dará prioridade á elaboración dos informes técnicos" para "axilizar ao máximo a recepción do inmoble despois de 15 anos esperando". Neste sentido, especifican, a alcaldesa lucense, Lara Méndez, mantén "dende xuño un contacto permanente" coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez -a sétima conselleira con competencias neste proxecto- e foi con ela con quen tratou a comisión de seguimento do proxecto que se reuniu o pasado novembro.
A Xunta, pola súa banda, resta importancia ás deficiencias atopadas por tratarse de problemas de "pequena entidade" debidos fundamentalmente á condensación que padece un edificio pechado. Segundo recolle El Progreso, a delegación territorial do Goberno galego asegura que se dispón a eliminar de xeito "inmediato" as humidades e a realizar unha "limpeza integral das instalacións" antes de integrar ao Concello unhas instalacións nas que "todos os equipos están a funcionar". Ademais, asegura, acondicionará as zonas verdes da contorna da obra antes de que sexa recibida pola institución municipal.