Lugo abre o seu cuartel do século XVIII para esixir á Xunta o prometido museo antes de que a ruína sexa irreversible

Patio do Cuartel de San Fernando de Lugo, con valos de obra, nunha imaxe tomada durante a xornada de portas abertas © Delegación do Goberno central en Galicia

A historia do cuartel de San Fernando, en pleno centro de Lugo, remóntase a finais do século XVIII, cando en tempos de Carlos III, en 1779, a cidade foi elixida para acoller un recinto militar centrado na atención a soldados feridos na guerra, entre outras finalidades, nas proximidades do que pouco despois sería a porta da Muralla chamada de San Fernando ou do príncipe Afonso, situada na saída cara á Coruña. Este histórico recinto, que escenario de múltiples avatares históricos e tamén acolleu a mili de abondosas xeracións de lucenses, está pechado e a deteriorarse dende comezos de século e o Concello lucense abriuno este 18 de novembro á veciñanza no marco dunha campaña para esixir á Xunta que instale alí o museo prometido antes de que caia.

O tirapuxa político a conta do cuartel remóntase ao fraguismo, cando o daquela alcalde Orozco esixía ao na altura conselleiro de Política Territorial, Núñez Feijóo, que cumprise a promesa de instalar no recinto o novo auditorio da cidade

O tirapuxa político a conta do cuartel de San Fernando remóntase aos últimos anos do fraguismo. O daquela novo alcalde da cidade, Xosé López Orozco, reclamou primeiro do conselleiro Xosé Cuíña e despois do seu substituto á fronte da Consellería de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, que cumprisen a promesa de transformar o recinto no novo auditorio da cidade, tal e como contemplara, co anterior rexedor, Joaquín García Díez (PP), Con esa finalidade o Concello mercáralle o cuartel ao Ministerio de Defensa e convocara un concurso de arquitectura do que resultara gañador o lucense Marcos Parga.

O proxecto do auditorio atopouse con atrancos cando Fraga xa non estaba na Xunta. O goberno galego de coalición de PSdeG e BNG -non sen tensión entre ambos socios- manifestou receos sobre o impacto das remodelación do cuartel -o proxecto incluía unha gran cúpula acristalada- na Muralla Romana e a súa declaración como Patrimonio da Humanidade. Esas dúbidas foron ratificadas nun crítico informe de ICOMOS, organismo asesor da Unesco e o proxecto do auditorio, trasladado ao barrio de Fingoi, lonxe do centro de Lugo.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, durante a xornada de portas abertas no Cuartel de San Fernando © Concello de Lugo

Xa cun novo proxecto arquitectónico baixo o brazo, en 2010 a Xunta dixo poñer 10 millóns sobre a mesa para converter o cuartel no Museo da Romanización; en 2013 recuou e relegou o proxecto ao momento no que "a realidade económica o permita"

Naquel tempo colleu forma a idea de que o novo destino do cuartel de San Fernando fose acoller o Museo da Romanización de Galicia. Así, comezaron os trámites para declaralo Ben de Interese Cultural e ao rematar o proceso, xa con Feijóo na Presidencia da Xunta, o Concello cedeu o cuartel ao Goberno galego. Xa cun novo proxecto arquitectónico baixo o brazo, en 2010, a Xunta dixo poñer sobre a mesa 10 millóns de euros para o Museo da Romanización. No entanto, tres anos despois nada diso sucedeu e a Xunta relegaba ao proxecto ao momento no que "a realidade económica o permita".

Co proxecto do Museo da Romanización á espera de tempos mellores, o cuartel seguiu deteriorándose e o Concello mesmo tivo que realizar obras de emerxencia "para preservar a seguridade dos viandantes", traballos nos que dúas semanas antes das eleccións municipais de 2015 a Xunta accedeu a participar mediante unha achega de 90.000 euros, a metade dos necesarios. Esas actuacións tiñan o obxectivo de "asegurar a estrutura do edificio, arranxar a cuberta eliminando as filtracións de auga" e derrubar e acondicionar a parte traseira, que non está catalogada como monumento, explicaba daquela o Concello.

Portas abertas para reivindicar o Museo e a fin do abandono

Este é o contexto no que actual goberno local de Lugo decidiu lanzar unha "campaña de concienciación cidadá" para reivindicar a rehabilitación do cuartel e a instalación alí do Museo da Romanización, que incluíu como acto central unha xornada de portas abertas, este 18 de novembro. Faino, explica a alcaldesa lucense, tras recibiren un informe de técnicos municipais encargado polo edil de Urbanismo, Miguel Couto, "no que se pon de manifesto que a construción precisa de reparacións de urxencia que, cando menos, tenten frear a súa degradación".

A alcaldesa avanza novas obras de urxencia que, advirte, só serán "parches", porque a solución definitiva pasa polo "cumprimento do compromiso acadado cando se elixiu que o cuartel fose Museo da Romanización"

"Varios puntos de entrada de auga que están a estragar o pavimento e a estrutura dos pisos, cristais rotos que posibilitan a entrada de pombas cuxos excrementos botan a perder varias superficie" ou "maleza que invade o patio" son algúns dos traballos de urxencia que, avanza Lara Méndez, o consistorio se dispón a acometer.

"Tamén nesta ocasión volveremos pedir á Xunta que cofinancie tarefas básicas para garantir o mantemento deste emblemático edifico", sinala a rexedora, pero "sen perder de vista que son parches" e non "unha solución". A saída definitiva, cre, pasa pola "administración con competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de Galicia", a Xunta, e polo "cumprimento do compromiso acadado cando se elixiu que o cuartel fose sede do Museo da Romanización".

Lara Méndez insta a Xunta a "recapacitar" mentres o Goberno galego subliña que o recinto é titularidade municipal e o PP local cualifica a xornada de portas abertas como unha "montaxe" e critica o gasto en realizala

A propia rexedora participaba este martes na primeira das visitas guiadas ao vello cuartel. "A resposta social a esta convocatoria", atendida tamén por representantes de colectivos veciñais ou comerciais, entre outros, é para Méndez a mellor "mostra" de que o arranxo do cuartel é "unha preocupación unánime" na cidade, como "tamén o é a demanda para recuperar o proxecto para convertelo no gran Museo da Romanización do noroeste peninsular, paralizado en 2013". Neste sentido, Méndez, di agardar que estas visitas, guiadas por persoal técnico do Concello, sirvan para "que a Xunta recapacite e retome o máis axiña posible a intervención comprometida hai máis dun lustro". Mentres, avanza, o goberno local "actuará de novo para atallar os danos detectados" nas últimas inspeccións.

A reactivación desta reivindicación e a propia xornada de portas abertas non foi ben recibida pola Xunta nin o PP local, aínda que o seu voceiro, Ramón Carballo, e mais outros membros da formación si acudiron a San Fernando este luns. Así, o Goberno galego pon o foco en que o "titular" do recinto é o Concello e daquela, a Administración local é a máxima responsable do seu mantemento. 

Pola súa banda, o grupo municipal do PP cualifica de "montaxe" a organización da xornada de portas abertas, un "paripé" no que "fixeron correr un risco innecesario aos que participaron". Critican ademais o "gasto" en organizar e publicitar esta xornada, que reducen a "unha manobra política" do goberno local de PSdeG e tamén do BNG, formación á que a Xunta respondera en termos semellantes cando, o pasado setembro, Ana Pontón reclamou no propio cuartel o cumprimento da promesa do Museo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.