A asociación de entidades locais da eurorrexión apostará este ano por afondar na súa internacionalización e por responder aos retos que deixou a pandemia da COVID
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, vén de ser elixida como a primeira presidenta que terá o Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal nos seus 30 anos de existencia. Así o decidiu a asemblea xeral que a asociación celebrou este mércores en Santiago, na que se aprobou o programa de actuacións da entidade para 2022 centrado en cinco eixos prioritarios: cohesión social, sostibilidade urbana, innovación, desenvolvemento económico e internacionalización. Os representantes dos 39 municipios e deputacións que integran o Eixo Atlántico aprobaron tamén un orzamento de máis de catro millóns e medio de euros.
Na asemblea deste mércores aprobouse o informe de xestión política do presidente saínte e alcalde de Braga, Ricardo Rio, durante cuxo mandato, salienta a asociación, “desenvolvéronse accións altamente innovadoras a nivel europeo como a conferencia de alcaldes e expertos de alto nivel de Pontevedra”, na que se aprobaron “modelos e estratexias para xestionar as consecuencias ocasionadas no económico e no social das cidades tras a pandemia”. Durante a presidencia de Ricardo Rio tamén se iniciou o proceso de internacionalización do Eixo Atlántico con cinco proxectos aprobados e financiados pola Comisión Europea en Asia, Canadá e América do Sur.
"As entidades locais debemos traballar unidas e situar a nosa influencia no ámbito que corresponde xa que fomos as que contivemos os efectos máis perniciosos da pandemia, e somos as que temos a capacidade de coñecer as necesidades e de axilizar as respostas”
Canto á nova presidencia, Lara Méndez agradeceu a confianza posta nela para a nova etapa do Eixo Atlántico, “que será de especial transcendencia porque os concellos afrontamos enormes retos derivados da crise sanitaria, social e económica post-pandemia, e ábresenos agora unha oportunidade única cos fondos europeos para camiñar cara unha transformación real dos nosos territorios para saír reforzados. As entidades locais debemos traballar unidas e situar a nosa influencia no ámbito que lle corresponde xa que fomos as que contivemos os efectos máis perniciosos da pandemia, e somos as que temos a capacidade de coñecer as necesidades e de axilizar a execución das respostas”.
Pola súa parte, o Secretario Xeral, Xoan Vázquez Mao, resaltou que tras unha crise económica que afectou de maneira singular a Portugal e España e unha pandemia “o Eixo Atlántico continúa en primeira liña con novas incorporacións de municipios, como máis cidades que solicitaron a súa adhesión; cun programa e un orzamento consolidado máis ambicioso, incluso por encima de anos anteriores á pandemia ao que se une a súa posición de liderado en Asia e América”.