A eurorrexión aposta por impulsar á reindustrialización e a innovación 'verde' nos concellos post-COVID

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, intervindo na súa calidade de vicepresidenta do Eixo, na sesión inagural da conferencia celebrada en Pontevedra CC-BY-SA Praza Pública

Co patio de butacas do Teatro Principal de Pontevedra adaptado ás restricións para evitar contaxios do coronavirus e entre a omnipresenza das máscaras, o xel hidroalcólico e as diversas medidas de seguridade, os concellos do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, a entidade que xunta a concellos e deputacións de Galicia cos municipios da rexión Norte de Portugal, xuntáronse este 17 de setembro para trazar as que, ao seu xuízo, deben ser as prioridades da era post-COVID

Os concellos do Eixo Atlántico reivindican ser "protagonistas", tamén na xestión dos fondos europeos de reconstrución, no encontro celebrado en Pontevedra para fixar as prioridades para afrontar as consecuencias socioeconómicas da pandemia

As cidades do Eixo Atlántico teñen a vista posta nos fondos de reconstrución que chegarán aos Estados español e portugués dende a Unión Europea. O poder local da eurorrexión reivindica ser "protagonista" nuns anos nos que vai haber que "actuar no territorio, e quen o coñece somos nós", resumiu na inauguración da xornada a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na súa calidade de vicepresidenta do Eixo.

A entidade galego-portuguesa citou os seus membros en Pontevedra para "demostrar que quando nos juntamos, somos capaçes de marcar diferença", resaltou o presidente do Eixo e alcalde de Braga, Ricardo Rio, quen advirte de que moitos dos proxectos que poden ser de utilidade na reconstrución tras a pandemia consistirán, no caso dos concellos de Galicia e do Norte de Portugal, en "concretizar" prioridades que xa eran tal. Teñen moito traballo avanzado "na agenda urbana ou objetivos ambientais", exemplifica.

Participantes na Conferencia de Alcaldías do Eixo Atlántico, este 17 de setembro no Teatro Principal de Pontevedra © Eixo Atlántico

Neste sentido expresouse tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. "Hai que ter confianza no futuro", alentou, e procurar facer "concellos máis habitables" percorrendo camiños que, sinala, o municipio pontevedrés xa iniciou, xa sexa "apostando pola descarbonización" ou pola "interrelación de Galiza con Portugal".

Captar investimento" para potenciar a industria e "a economía de proximidade" ou promover melloras "na mobilidade e o maior uso do espazo público", entre as prioridades fixadas

As propostas lanzadas dende os concellos e bosquexadas este 17 de setembro en Pontevedra constituirán un único documento que os expertos do Eixo farán chegar aos Gobernos de España e Portugal, tamén á Xunta -por parte do Goberno galego non houbo intervención ningunha na xornada-. Defenderán, advertiu a rexedora lucense, "participar na toma de decisións, que nos doten de recursos" pero tamén ter influencia á hora de decidir "que se vai facer con eses fondos de reconstrución" para, por exemplo, "captar investimento" para potenciar a industria e "a economía de proximidade" ou promover melloras "na mobilidade e o maior uso do espazo público".

As intervencións dos representantes políticos en exercicio alternáronse en Pontevedra coas de antigos altos cargos ou representantes do mundo académico. É o caso de Miguel Poiares Maduro, actual presidente do Instituto de Estudos Europeos de Florencia e ex-ministro en Portugal, na última etapa do PSD, quen animou os concellos a aproveitaren a "oportunidade" e promoveren "o acolhimento das melhores cabeças do mundo, dos melhores cientistas" mediante o impulso da innovación académica e tamén nas empresas. "A economía de mercado não funciona sem o Estado a corrigir as falhas", advertiu.

Intervención do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na conferencia do Eixo celebrada en Pontevedra © Eixo Atlántico

A advertencia de Ángel Carracedo

De investir en ciencia e na súa translación á industria falou tamén outro dos convidados á xornada do Eixo Atlántico en Pontevedra, Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da  USC e xenetista de prestixio internacional. Partindo da base de que os centros de investigación de Galicia e o Norte de Portugal "xa funcionamos como unha rede única" na que a "puxanza" é maior na beira portuguesa da raia, sinalou, as institucións públicas, tamén as municipais, deben aproveitar as "oportunidades" en forma de fondos europeos para "un cambio no sistema de educación e investigación".

"Somos bos en investigación e innovación, pero somos malos en transferencia" 

"Temos oportunidades en sectores como a biomedicina", que "relanzarían a economía das cidades e vilas" sempre e cando exista "unha orientación estratéxica común". "Somos bos en investigación e innovación, pero somos malos en transferencia" tecnolóxica, reflexiona Carracedo, quen coida que "temos que coordinarnos moito" no conxunto da eurorrexión e apostar por "exemplos" como o incipiente "polígono biotecnolóxico en Santiago" para "aproveitar a crise para cambiar de modelo" e "non deixar marchar o talento".

A reflexión de Carracedo foi recollida polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, quen admitiu que "canto máis dependemos do turismo, máis sufrimos" na crise da COVID-19. "Non podemos saír co mesmo escenario" nin "asentar o futuro en sectores con perspectivas tan limitadas", dixo en referencia ao turismo e servizos ligados a el. "Temos unha universidade punteira en biotecnoloxía" e a súa ligazón á industria contribúe en maior medida a "fixar poboación", recoñece, polo que tamén asegura apoiar ese "obxectivo de prosperidade" bosquexado polo Eixo Atlántico en Pontevedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.