As cidades da eurorrexión reivindican a súa xestión da pandemia e reclaman ser tidas en conta por Madrid e Lisboa

Asemblea xeral de alcaldes e alcaldesas do Eixo Atlántico nunha imaxe de arquivo © Eixo Atlántico

“Os concellos xogaron un papel determinante garantindo servizos esenciais á poboación”, salienta o Eixo Atlántico, que este xoves organiza en Pontevedra unha conferencia de alcaldes e alcaldesas de Galicia e o Norte de Portugal

“Os concellos xogaron un papel determinante na xestión da pandemia, tanto polo mantemento dos servizos no medio do confinamento como garantindo os servizos sociais esenciais á poboación que máis estaba a sufrir os efectos dunha crise inesperada, e polo tanto para a que non se previra ningún tipo de medidas”. Con esa perspectiva, alcaldes e alcaldesas das principais cidades e vilas de Galicia e o Norte de Portugal, asociadas no Eixo Atlántico, reúnense este xoves 17 de setembro en Pontevedra nunha conferencia na que poñer en común experiencias e reclamar novamente aos gobernos de Portugal e España así como á Xunta que as súas iniciativas “sexan incluídas nas políticas de reconstrución, tanto a nivel de xestión política como a nivel de financiamento. 

31 alcaldes e alcaldesas das 38 cidades do Eixo Atlántico debaterán en Pontevedra con expertos “as políticas a desenvolver no marco do proceso de reconstrución para a superación da crise provocada pola pandemia, ao tempo que para reforzar a resiliencia das cidades para previr os efectos de vindeiras crises que se poidan producir”. Segundo salienta o propio Eixo Atlántico, “é a primeira vez que na Península Ibérica, tanto en España coma en Portugal e posiblemente en Europa, os alcaldes dos dous países que constitúen un sistema urbano transfronteirizo asumen conxuntamente o liderado do proceso e se reúnen para atopar solucións comúns e complementarias, para a maior crise que viviu Europa dende a Segunda Guerra Mundial”.

Ponte internacional entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira © Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira

Entre as cuestións a debater, o Eixo Atlántico salienta como “o confinamento produciu a desaparición case total do tráfico nas cidades, o que levou a un cambio radical na mellora da calidade do aire e con iso dos aspectos sanitarios nos que inflúe negativamente a contaminación”, cuestión que “ten que condicionar o modelo de mobilidade das nosas cidades”.

Outro dos aspectos a debater será “a dependencia excesiva de terceiros países especialmente do sueste asiático na produción de bens, a falta de reforzo da sanidade pública, ou o déficit de investimentos na investigación”. Tamén serán obxecto de debate “a creación de emprego e actividade económica, con especial atención a que tipo de emprego e que tipo de actividade económica, a calidade sobre a estatística e apostando pola excelencia e o valor engadido en base á investigación e innovación, as políticas sociais dando apoio aos que están a sufrir a crise, pero apostando pola innovación e emprendemento, fronte aos subsidios de carácter populista e o reforzo da sanidade, a educación e as políticas ambientais”.

Ademais dos alcaldes e alcaldesas, a conferencia deste xoves contará coa participación de Carlos Moedas, ex-comisario europeo de Investigación, Ciencia e Innovación; José Soeiro, responsable durante máis dunha década do Instituto Financeiro de Desenvolvemento Rexional de Portugal e posteriormente Presidente da Axencia para o Desenvolvemento e Cohesión; María João Rauch, consultora da OCDE; Anxo Carracedo, catedrático de Medicina Legal e investigador; Emilio Fernández Suárez, Catedrático de Ecoloxía, ex-director xeral de Desenvolvemento Sustentable da Xunta; Andoni Aldekoa, profesor convidado da universidade George Washington; Fernando González Laxe, ex-presidente da Xunta e catedrático de Economía Aplicada; Carmen López, avogada experta en emprendemento e mentora de proxectos na Escola de Organización Industrial; José Luís Méndez Romeu ex-conselleiro de Presidencia e ex-secretario de Estado de Cooperación.

Por videoconferencia participarán desde Bruxelas José Palma, ex-director de Cooperación da Comisión Europea; desde Florencia Miguel Poiares Maduro, ex-ministro de Desenvolvemento Rexional de Portugal, desde París Joaquim Oliveira Martins, director adxunto do Centro de Emprendemento, PEME, Rexións e Cidades da OCDE. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.