"Surpresa". "Enorme confusão". "Injusta e sem motivo" ou, máis diplomaticamente, unha decisión con puntos que cumpría "esclarecer". Son algunhas das reaccións que o rexistro de viaxeiros aprobado pola Xunta no marco das súas medidas para evitar contaxios do coronavirus provocaron en Portugal en xeral e, moi especialmente, no norte do país veciño. O malestar foi tal que no primeiro día de aplicación da medida e tras unha xuntanza do embaixador portugués en España co presidente do Goberno galego en funcións, a Xunta xa se abre a rectificar. Especialmente no que atinxe á rexión Norte.
Os concellos da beira portuguesa da raia reaccionaron con estupor ante a medida da Xunta por considerárenos territorio de alta incidencia da COVID-19 malia teren unha situación epidemiolóxica moi semellante á galega
A orde, anunciada a pasada semana por Alberto Núñez Feijóo tras o Consello da Xunta, tiña data do 27 de xullo, foi publicada no Diario Oficial de Galicia do día 28 e entrou en vigor o pasado mércores, día 29. Obriga as persoas procedentes de "territorios" con "alta incidencia da COVID-19" a comunicaren ao Sergas a súa chegada a Galicia. Os territorios con esa consideración son, para a Xunta, os que o pasado día 23 multiplicaban por 3,5 ou máis o dato galego de novos positivos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas.
No caso doutras comunidades autónomas, a Xunta considera cada territorio por separado -deixando Madrid fóra pola mínima ao basearse nos datos do día 23 e non nos do 27- pero para os países estranxeiros, o Goberno galego toma como referencia o dato estatal. Tamén para Portugal, aínda que a situación epidemiolóxica da rexión norte veña sendo practicamente idéntica á galega e moi diferente á alta incidencia da rexión de Lisboa. Así o acredita, por exemplo, o Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades, que sitúa o norte e o centro de Portugal na mesa situación que Galicia.
Un dos primeiros en reaccionar foi o presidente da Câmara Municipal -alcalde- de Braga, Ricardo Rio. Quen tamén é actual presidente do Eixo Atlántico de cidades de Galicia e Norte de Portugal considerou, en declaracións a Rádio Observador que recolle O Amarense, que a decisión das autoridades galegas resultaba "injusta" para o Norte. É "um revés" derivado de sinalar Portugal na súa totalidade como un dos "países de maior risco" malia aos "muito positivos" datos de evolución da pandemia na rexión Norte, que debera "ser alvo de uma discriminação positiva, já que situação epidemiológica não é a mesma do resto do país".
"Não quero crer que os galegos também pensem que Portugal é só Lisboa", sinala o alcalde de Vila Nova de Cerveira, que comparte eurocidade con Tomiño
Tamén o alcalde de Vila Nova de Cerveira, municipio que comparte eurocidade con Tomiño, se amosou especialmente contrariado. "A raia minhota, em particular, e toda a região do Alto Minho, no geral, foi apanhada de surpresa com a posição tomada pela Junta da Galiza", afirmou João Fernando Brito nun comunicado. O tamén vice-director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño, que une 26 municipios galegos e portugueses, observou na Xunta unha "posição excessiva, brusca e severa para as populações da raia minhota" que pediu mudar.
"Não quero crer que os galegos também pensem que Portugal é só Lisboa, pois a realidade pandémica, neste momento, é muito distinta nas várias regiões do nosso país", acrecenta Brito. A solución, ao seu xuízo, é que a Xunta aplique o seu rexistro de viaxeiros cunha "diferenciação por regiões" idéntica á aplicada entre comunidades autónomas de España. "Poderia ser extensível a Portugal, evitando este mal-estar".
Xuntanza do embaixador portugués con Feijóo
Con este pano de fondo, e mentres o conselleiro Vázquez Almuíña advertía en declaracións á RTP que o rexistro de viaxeiros non é "unha lista negra" e que ademais, "non é necesario cando son visitas de horas e non se vai estar en contacto con grupos de persoas" -excepción non incluída na orde da Consellería-, Feijóo xuntábase co embaixador de Portugal en España, João Mira Gomes e tras o encontro, a Xunta xa se abría a rectificar a respecto de Portugal. "A Xunta avalía a posibilidade de incluír só as zonas de alta incidencia epidemiolóxica do país veciño no protocolo de viaxeiros" ante "os estreitos lazos que nos unen", indicou.
Tras o encontro de Feijóo co embaixador, a Xunta afirmou estar a "avaliar a posibilidade" de incluír na obriga de rexistro "só as zonas de alta incidencia epidemiolóxica" de Portugal
Pouco despois, o Ministério dos Negócios Estrangeiros de Portugal informaba tamén da xuntanza, desenvolvida "num ambiente de franca amizade", agregaba en ton diplomático. "Não existe qualquer classificação de Portugal como “país de risco” por parte da Comunidade Autónoma da Galiza" nin "significa qualquer restrição, impedimento, condicionamento à livre circulação de cidadãos portugueses" por territorio galego.
O "mecanismo" do Sergas, agrega o Goberno portugués, "funcionará numa base voluntária" e a súa finalidade é "apenas e só, obter informação prestada pelos próprios cidadãos para facilitar acesso à rede de cuidados de saúde da Galiza". Alén destas aclaracións, Portugal informa dun acordo para a "realização de uma reunião entre as autoridades de saúde de Portugal e da Comunidade Autónoma da Galiza para troca de informações sobre a situação epidemiológica ao nível nacional e nas diferentes regiões de Portugal, facilitando e clarificando a diferenciação regional", o que abriría a porta a que a Xunta non equipare Lisboa co resto do país veciño. A Xunta, agregan, tamén se comprometeu ao "envio permanente" de datos a Portugal sobre a evolución da COVID-19 en Galicia.