O Eixo Atlántico pide a Pedro Sánchez a través da alcaldesa de Lugo participación dos concellos no fondo da UE para a reconstrución

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, intervindo na asemblea xeral do Eixo Atlántico, en Matosinhos o pasado febreiro xunto ao alcalde de Viana do Castelo © Eixo Atlántico

Mentres os Estados membros da UE concretan os fondos da reconstrución para paliar as consecuencias do coronavirus, os concellos do Eixo Atlántico piden a Pedro Sánchez e António Costa "que se nos teña en conta en como distribuílos e xogar un papel activo na súa execución"

Os Estados membros da Unión Europea teñen no centros dos seus debates o xeito de abordar a reconstrución socioeconómica tras a crise do coronavirus. Unha das principais iniciativas sobre a mesa é o fondo de 750.000 millóns de euros, 500.000 deles en transferencias, que propón a Comisión Europea e que aínda ten que recibir o visto e prace dos Estados. Neses fondos pon o foco o Eixo Atlántico, a rede de cidades de Galicia e do Norte de Portugal que, a través do seu presidente e alcalde de Braga, Ricardo Rio, e da súa vicepresidenta e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de dirixirse aos gobernos español e portugués para pedir que os concellos poidan participar directamente neses fondos.

Tras a última Comisión Executiva do Eixo, celebrada a pasada semana a través de internet, a entidade acordou dirixirse a Pedro Sánchez e António Costa en senllas misivas para, explica Méndez, explicarlles que igual que os concellos "estamos demostrando que somos imprescindibles na contención" do virus, tamén queren selo "na reconstrución do futuro. A solicitude, sinala, é "que se nos teña en conta nos fondos de reconstrución e as nosas opinións, en como se deben distribuír eses fondos". E tamén, sinala a rexedora socialista lucense, trátase de "xogar un papel activo na execución" dos mesmos.

Vista da XXVIII Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, o pasado febreiro © Eixo Atlántico

Esas peticións plásmanas Méndez e Río nunha carta datada no pasado 2 de xuño, no caso da dirixida a Sánchez. "Os concellos -dinlle- xogamos un papel determinante na loita contra o coronavirus, tanto na prevención como na atención ao benestar social", moi especialmente "nos colectivos máis vulnerables e en risco de exclusión". Pero tamén, subliñan, "activando medidas económicas enfocadas a apoiar ás familias e ao tecido económico local", tales como as axudas para autónomos e pequenos negocios, no caso de Lugo. 

Tras un primeiro momento de "fondos sociais de carácter paliativo", a misiva asinada por Méndez xunto ao alcalde de Braga reclaman que a "parte maioritaria" dos fondos poidan ir a "investimento produtivo" e sexan coordinados para Galicia e a rexión Norte de Portugal

Neste sentido, o Eixo concreta a súa petición de que os concellos "participen na atribución e programación dos fondos europeos" para a reconstrución e utilizalos, nunha "parte maioritaria", a "investimento produtivo" e apoios "a autónomos e pequenos empresarios ou cooperativas". Estes perfís empresariais, subliñan, "teñen un peso moi importante na economía das nosas cidades" e serán clave tras este primeiro momento, no que "os fondos sociais, de carácter paliativo, son imprescindibles".

"Insistimos na achega dos concellos, que somos os que mellor coñecemos o tecido produtivo local e cales son os sectores que o precisan", sinala a misiva. "Preocúpannos especialmente -agregan- os territorios de fronteira, no noso caso a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, cunha extraordinaria permeabilidade social e gran interrelación económica". 

Nesta liña, alén da participación municipal, "cremos necesaria a coordinación dos gobernos de Portugal e España, xunto coa comunidade autónoma de Galicia" e o propio Eixo, "para poder coordinar os investimentos tanto de Portugal na rexión norte como de España en Galicia, e deste xeito optimizar a eficiencia destes fondos, evitando solapamentos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.