O alcalde de Braga, Ricardo Rio, foi elixido por aclamación como presidente do Eixo na súa XXVIII Asemblea Xeral, celebrada en Matosinhos co foco posto no problema demográfico e a necesidade de atraer investimentos á Eurorrexión
O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, a rede que xunta os principais concellos de Galicia e do Norte de Portugal, ten dende este venres novos órganos de goberno e novos obxectivos para o ano 2020. O alcalde de Braga, Ricardo Rio, foi elixido por aclamación na XXVIII Asemblea Xeral celebrada en Matosinhos para asumir a presidencia do Eixo, que xa exercera nunha etapa anterior. Nesta nova xeira a vicepresidencia exerceraa a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.
Pontevedra, Lalín, Santiago, Bragança, Mirandela, Viana do Castelo, Porto e Vigo completan unha Comisión Executiva que fixa entre as súas prioridades a "captación de investimentos e talento". "Para fixar poboación na Eurorrexión é preciso atraer investimentos e tecido económico e empresarial", resaltan para resumir un obxectivo que fixan no marco da "crise demográfica" que afecta especialmente "ao interior da Eurorrexión", tal e como destaca o propio Eixo nun recente informe.
A entidade lembra que ten en marcha "unha estratexia con solucións" ao problema demográfico que "serán remitidas" á Xunta e aos gobernos español e portugués. Os ministerios dos dous Estados con competencias en materia de infraestruturas tamén recibirán solicitudes de encontros "para o seguimento das obras previstas no segundo paquete de infraestruturas" que, advirten, foron "paralizadas polas eleccións xerais españolas e portuguesas.
En materia de infraestrutoras, o Eixo resalta a importancia da saída sur de Vigo, o Corredor Atlántico ou o remate da autovía Lugo-Santiago
Neste sentido, a saída sur ferroviaria de Vigo, o avance na incorporación ao Corredor Atlántico -xa aprobada pola Comisión Europea-, ou "as conexións viarias" de Ponferrada ao Barco de Valdeorras e mais o remate do treito pendente na autovía Lugo-Santiago son as actuacións máis urxentes para o Eixo. Todo isto, resumen, co obxectivo de pularen contra a crise demográfica e a prol "da cohesión social e a captación de investimentos".
Como en anteriores Asembleas xerais, o Goberno portugués estivo presente ao máis alto nivel de representación, neste caso a través da Ministra da Coesão Territorial, Ana Abrunhosa. Para Abrunhosa, o Eixo é "um exemplo do muito bom trabalho que conseguimos fazer com estratégias integradas a vários níveis". "Desenvolvendo os territórios de fronteira ganha o Interior" e polo tanto, "ganhamos todos", resaltou.