A eurorrexión Galicia-Norte de Portugal perde poboación, a súa taxa de natalidade descende e aumenta a porcentaxe de habitantes maiores de 65 anos, un envellecemento que afecta máis aos territorios orientais e rurais, tanto nunha coma noutra beira do Miño. O Eixo Atlántico publicou este martes un informe sobre 'Situación demográfica e perspectivas', realizado pola profesora Alice Maria Delerue Alvim de Matos (Universidade do Minho) e os profesores Andrés Mazaira Castro e Gonzalo Méndez Martínez (Universidade de Vigo).
O "baleirado ou proceso de desertización demográfica" afecta principalmente ás provincias galegas de Ourense de Lugo e aos distritos de Terras de Trás-os-Montes, Alto Tâmega e Douro no Norte de Portugal
No documento analízase a evolución das distintas variables demográficas en Galicia e Rexión Norte de Portugal e debúllanse os posibles efectos do mantemento das actuais tendencias na economía, no sostemento do Estado do Benestar ou na propia xestión do territorio.
O informe destaca que, se ben o descenso (ou cando menos estancamento) poboacional e o envellecemento afectan á totalidade do territorio da Eurorrexión, o "baleirado ou proceso de desertización demográfica" afecta principalmente ás provincias galegas de Ourense de Lugo e aos distritos de Terras de Trás-os-Montes, Alto Tâmega e Douro no Norte de Portugal. "Como consecuencia, a disimetría litoral-interior seguirá a incrementarse", sinala.
A Eurorrexión suma algo máis de 6,2 millóns de habitantes. Porén, entre os anos 2000 e 2018 perdeu máis de 140 mil habitantes, sobre todo na beira lusa
A Eurorrexión suma algo máis de 6,2 millóns de habitantes, con 3,5 millóns na Rexión Norte e 2,7 millóns en Galicia. Porén, entre os anos 2000 e 2018 perdeu máis de 140 mil habitantes, sobre todo na beira lusa, que se deixou máis de 110 mil. De feito, segundo as proxeccións oficiais do Goberno portugués, o Norte de Portugal podería perder máis un millón e medio de habitantes ata o ano 2080 (o 42% do total), de manterse a actual tendencia.
A taxa de natalidade descendeu notablemente en toda a Eurorrexión, pero nomeadamente na parte galega, con 6,81 nacementos por cada cen mil habitantes, fronte aos 7,7 da Rexión Norte e os 8,41 e 8,4 de España e Portugal. A natalidade máis baixa correspondeu no ano 2018 á provincia de Ourense (5,51 ‰) e ao Alto Támega (5,7 ‰), mentres que a máis alta foi a do Cávado (8,3 ‰) e Área Metropolitana do Porto (8,2 ‰).
Especialmente nos anos que seguiron á crise económica mundial de 2008, o Norte de Portugal perdeu máis de cen mil habitantes, en boa medida poboación nova que marchou a outros territorios
Aínda que a taxa de natalidade e o saldo vexetativo acadan valores máis positivas na parte lusa da Eurorrexión, este territorio vese afectado por unha emigración moi numerosa e unha escasa capacidade de atracción de inmigración. Especialmente nos anos que seguiron á crise económica mundial de 2008, o Norte de Portugal perdeu máis de cen mil habitantes, en boa medida poboación nova que marchou a outros territorios. En Galicia, en cambio, o saldo migratorio mantense relativamente equilibrado, e nos últimos anos mesmo rexistra valores positivos (máis chegadas e retornos que saídas), insuficientes con todo para compensar o moi negativo saldo vexetativo.
O informe salienta que "tanto a estrutura demográfica de Galicia como o comportamento das variables demográficas permanecen aínda afectado polos intensos procesos migratorios que minoraron notablemente o crecemento real da poboación e, en fervenza, mudou tódalas variables". "Hai que lembrar que só entre 1951 e 1970 o saldo migratorio evidencia a perda de 466.000 habitantes, maiormente en idade produtiva e reprodutiva", engade.
Un territorio envellecido e os seus efectos
O informe pide que "se implementen con celeridade medidas correctoras" para combater as consecuencias da "desertización poboacional"
A consecuencia, ao igual que no Norte de Portugal, foi un descenso no número de poboación en idade fértil, unha redución no número de nacementos, un estreitamento dos niveis inferiores das pirámides demográficas e un envellecemento xeneralizado da sociedade. O informe salienta neste senso que "a medida que a poboación ocupada da Eurorrexión ten diminuído, tense incrementado o número de perceptores e de pensións contributivas". De feito, a relación entre o número de pensións contributivas e o numero de residentes é na eurorrexión case de 1 a 3 (30%), 8 puntos mais que no conxunto de España e Portugal.
O Eixo Atlántico afirma que os elementos demográficos que están a deixar unha maior pegada na Eurorrexión son "a forte asimetría coa que está afectando a diminución e o envellecemento da poboación no seu territorio" xunto coa intensidade e a aceleración que este está a ter en zonas moi extensas da Eurorrexión, "que empezan a sufrir procesos de desertización poboacional con consecuencias dificilmente reversibles no caso de que non se implementen con celeridade medidas correctoras".
"A progresiva desruralización da Eurorrexión favorece a aparición de incendios forestais e dificulta a súa extinción", lembra o informe
O reparto por grupos de idade en Galicia e Norte de Portugal amosa un maior avellentamento da poboación galega, que acada o 24,91% para os de 65 ou máis anos, mentres no Norte de Portugal queda no 20,02%. As zonas de maior porcentaxe de maiores de 65 son as provincia de Lugo e Ourense, co 31,16% e 28,92% respectivamente, e as de Alto Támega e Terras de Tras-os-Montes con 29,98% e 29,71% respectivamente.
Así mesmo, o documento subliña os efectos que o despoboamento, sobre todo nas zonas rurais, está a ter a nivel da xestión do territorio, o maior risco de incendios de grande intensidade e o coidado e protección do medio ambiente. "A progresiva desruralización da Eurorrexión tamén ten producido fortes cambios na súa estrutura de ocupación sectorial cunha significativa perda de ocupación no sector primario, o que ocasiona a diminución das actividades agrarias e o uso da agricultura e gandería extensiva, factores que sen dúbida favorecen a aparición de incendios forestais e dificulta a súa extinción", sinala.
Unha reflexión para o futuro
O informe sinala como reto de futuro "como fixar a poboación tanto na Eurorrexión no seu conxunto como moi especialmente nas zonas rurais que están a sufrir o proceso de baleirado"
Nas súas conclusións, o informe lanza unha serie de preguntas, a xeito de retos para o futuro inmediato para os territorios da Eurorrexión: "Como fixar a poboación tanto na Eurorrexión no seu conxunto como moi especialmente nas zonas rurais que están a sufrir o proceso de baleirado? Como soportar cultural, económica, social e medioambientalmente que o 50% do territorio teña unha superficie inferior a 25habitantes/km2? Cales deberán ser os servizos dese territorio?"
De cara a renovar a actual forza laboral, a medida que esta se vaia xubilando, o documento sinala "a necesidade de incluír na axenda das nosas sociedades o estudio prospectivo das dispoñibilidade de recursos humanos a curto, medio e largo prazo, así como a toma de medidas para ser quen de cubrir a oferta e necesidades de traballo e garantir un desenvolvemento económico sostible nos próximos anos".
"A eurorrexión é unha oportunidade de ambos territorios para gañar peso en escenarios de escala internacional", conclúe o documento
Pensando sobre todo na reactivación das zonas rurais que están a perder poboación, o Eixo Atlántico salienta as posibilidades laborais "que ofrecen os procesos de transformación dixital e a extensión do uso de internet para poder realizar os traballos a distancia, especialmente no caso de moitos dos de alto valor engadido". Isto esixirá "dotar os concellos do rural dunha infraestrutura de telecomunicacións que permitan dispor de conexión rápidas de banda larga que posibiliten o acceso a contidos, aplicacións e servizos dunha forma rápida, sinxela e asumible", afirma.
O informe conclúe que "o proceso de devalo demográfico, sendo acusado en ambos territorios, parece ter peor prognóstico no lado galego, polo menos no curto e medio prazo". "Non debemos esquecer que o sector máis litoral do Norte de Portugal constitúe unha área de maior importancia no contexto portugués, fronte a un menor papel de Galicia no conxunto español", indica, engadindo que "nese contexto, a eurorrexión é unha oportunidade de ambos territorios para gañar peso en escenarios de escala internacional".