O pasado xoves o Consello da Xunta aprobaba a lei de impulso demográfico, a norma na que o Goberno galego pretende condensar todas as súas medidas nesta materia e que nace entre críticas pola súa escasa concreción, que o presidente xustifica para non "hipotecar" vindeiros Executivos. Ao día seguinte o Instituto Galego de Estatística actualizaba os seus datos de movemento natural da poboación do segundo trimestre de 2019, confirmando que o ano que vén de rematar vai camiño de marcar un novo mínimo histórico de nacementos, afondando nos malos datos de 2018 que, tras un primeiro avance, o propio IGE vén de confirmar.
Ata 2019 Galicia non baixara dos 4.000 nacementos por trimestre
A tendencia á baixa do número de nacementos en Galicia é unha constante dende o estourido da crise económica de 2008, cando finalizou a lixeira melloría dos anos da considerada como bonanza económica. Así e todo, a información avanzada polo IGE apunta a que o país vai marcar un novo fito negativo cando o balance de 2019 sexa definitivo. O pasado ano encadeáronse por primeira vez dous trimestres consecutivos con menos de 4.000 nacementos e o segundo trimestre de 2019 é, con 3.841 nenas e nenas nacidas -dato provisional-, o trimestre con menos nacementos da historia da autonomía.
Os datos do IGE demostran non só unha tendencia á baixa no número de nacementos que no canto de frearse, acelera. Tamén acreditan que a natalidade en Galicia xa descende ata máis abaixo do que o fixera nos anos 90 do século pasado. Daquela, non obstante, o devalo fora máis rápido porque Galicia pasou de case 10.000 nacementos por trimestre, segundo as bases de datos do INE, a menos de 5.000 cadra tres meses en apenas década e media.
O peor saldo vexetativo, bebés a idades máis tardías
Ademais de adiantar os datos demográficos do segundo trimestre de 2019, a oficina estatística galega ratificou, con moi escasas variacións, as principais cifras do 2018. Ese ano Galicia finalizou co peor saldo vexetativo da serie histórica, que neste caso comeza en 1975: 15.839 falecementos máis que nacementos, toda vez que faleceron unhas 32.400 persoas e naceron apenas 16.500. En 2017 naceran algo máis de 18.000 nenas e nenos.
Como no caso do cómputo trimestral, os totais anuais de nacementos xa están por baixo dos niveis dos anos 90 do século pasado, cando o número de falecementos non superaba as 30.000 persoas ao ano. Deste xeito, Galicia xa vai camiño dos trinta e cinco anos con saldo vexetativo negativo.
A idade máis habitual das mulleres que teñen fillas e fillos en Galicia é xa de entre 35 e 39 anos
Alén das grandes cifras, os datos ratificados para o 2018 tamén confirman a tendencia do incremento da idade das nais en Galicia. Unha ollada á base de datos permite comprobar como hai apenas unha década a franxade idade máis habitual para ter fillos e fillas en Galicia era de entre 30 e 34 anos e agora xa se desprazou ao intervalo de entre os 35 e os 39. Ademais, a evolución tamén amosa como a franxa de idade de 25 a 29 anos perde cada vez máis peso entre as mulleres galegas que teñen fillas e fillos.
"Ás mulleres fáisenos responsables da baixa natalidade, pero despois non se escoitan as nosas demandas",
Cuestións como o incremento da idade da maternidade foron abordadas recentemente polo grupo de Maternidades Feministas en Compostela no inicio dos traballos Observatorio das violencias machistas cotiás que afectan á maternidade e ás súas crianzas. "Ás mulleres fáisenos responsables da baixa natalidade, pero despois non se escoitan as nosas demandas", destacaban as súas impulsoras nunha entrevista con Praza.gal.
Sobre este asunto pronunciábase tamén neste xornal o catedrático de Historia da USC Isidro Dubert, coordinador da obra A morte de Galicia . "Non se fala da emigración, prefírese poñer o foco en que as mulleres non teñen fillos e en culpar os vellos", destacaba, nun contexto no que subliñaba que "agardar que unha muller teña fillos cando a maternidade compromete a súa carreira e a súa permanencia no mercado laboral é un contrasenso".