Galicia comezou o ano 2019 mantendo a mesma tendencia descendente no número de nacementos. As 7.695 novas inscricións no primeiro semestre deste ano empeoran os datos do mesmo período do 2018 (8.311). Neste tempo morreron máis do dobre de persoas, cun total de 16.121 defuncións, algo por debaixo do dato anterior (17.472).
O noso país é a comunidade autónoma que presenta un saldo vexetativo máis negativo (-8.426), por diante de Castela-León, Comunidade Valenciana, Asturias e Cataluña
Segundo as cifras publicadas polo INE, o noso país é a comunidade autónoma que presenta un saldo vexetativo máis negativo (-8.426), por diante de Castela-León, Comunidade Valenciana, Asturias e Cataluña.
O INE difundiu tamén as cifras definitivas de movemento natural de poboación correspondentes ao ano 2018, confirmando os datos adiantados hai uns meses. No conxunto do ano en Galicia houbo 16.560 nacementos, e 32.419 mortes, case o dobre. No conxunto de España rexistrouse un número de nacementos inferior nun 6,1%, pero no noso país a caída supera o 10%. Tan só Asturias presenta unha taxa de natalidade máis reducida que a galega (5,60 nacementos por cada mil habitantes fronte aos 6,14 de Galicia).
Dende a entrada en vigor do cheque-bebé en 2015, o número de nacementos descendeu un 15% en Galicia
Galicia acumula 35 anos con máis mortes que nacementos. As medidas postas en marcha pola Xunta nos últimos anos semellan non ter producido efecto ningún. A finais de 2015 e nos primeiros meses de 2016 o Goberno galego puxo en marcha o cheque-bebé. Dos 19.427 nacementos que se rexistraron no ano 2015 pasouse a 16.550 tres anos despois, un descenso do 14,8% dende a entrada en vigor desas accións.
Este verán a Xunta presentou unha Lei de impulso demográfico xenérica e con escasas medidas novas, unha norma que foi moi criticada polos partidos da oposición.
Só sete concellos (Ames, O Porriño, Arteixo, Poio, Salceda de Caselas, Oroso e Barbadás) tiveron máis nacementos que mortes o pasado ano
Só sete concellos (Ames, O Porriño, Arteixo, Poio, Salceda de Caselas, Oroso e Barbadás) tiveron máis nacementos que mortes o pasado ano. Hai unha década había 46 concellos que mantiñan un saldo vexetativo positivo; no 2013 eran só 17 e no 2017 ficaban apenas 13; hoxe son só 7.
Ademais, no ano 2018 houbo dez concellos, (todos da provincia de Ourense agás un) no que non se rexistrou nacemento ningún. En total, hai 95 concellos (case un terzo do total) nos que o pasado ano houbo cinco nacementos ou menos. E 145 (case a metade) nos que naceron un máximo de dez nenos ou nenas.