Ames, O Porriño, Arteixo, Poio, Salceda de Caselas, Oroso e Barbadás. Son os únicos sete concellos galegos nos que o ano pasado naceron máis persoas das que morreron. O IGE publicou este mércores os datos do movemento natural de poboación por localidades correspondentes ao ano 2018, que amosan como a diminución dos nacementos en Galicia non é un fenómeno que afecte unicamente ás zonas rurais e envellecidas, senón tamén ás áreas urbanas e mesmo a aquelas vilas que ata agora foran unha excepción no que se refire aos indicadores de natalidade.
Ames, O Porriño, Arteixo, Poio, Salceda de Caselas, Oroso e Barbadás son os únicos sete concellos galegos nos que o ano pasado naceron máis persoas das que morreron
O saldo vexetativo (diferenza entre nacementos e mortes) é aínda claramente positivo en Ames (+92), O Porriño (+64) e Arteixo (+55), mais Poio (+11), Salceda de Caselas (+6), Oroso (+6) e Barbadás (+5) están tamén preto de unirse á mesma dinámica que presenta o resto do país. Tamén nas sete cidades, comenzado pola Coruña (-940), Vigo (-865), Ferrol (-638) e Ourense (-574), cun número de defuncións moi superior ao de nacementos. Se varios concellos están a gañan poboación é polo saldo migratorio positivo que manteñen, tanto interno como externo, coa chegada a Galicia de residentes procedentes do estranxeiro.
Como mostra da evolución que se está a vivir en todo o país, podemos observar que hai unha década había 46 concellos que mantiñan un saldo vexetativo positivo. No 2013 -hai cinco anos- eran só 17 e no 2017 ficaban apenas 13. Hoxe son só 7.
O número de defuncións mantén unha tendencia crecente, produto do progresivo envellecemento da poboación. Pero o que máis varía é a cifra de nacementos; no 2018 naceron 16.550 nenos e nenas en Galicia, cun descenso do 10% con respecto ao ano anterior. Esta diminución afecta a cidades, vilas e concellos rurais e, por exemplo, en Vigo houbo o pasado ano case mil nacementos menos que no 2008 (1.919 fronte a 2.856), unha caída que na Coruña é algo menor (de 2.259 a 1.684). Mesmo en Ames, o concello coa taxa de natalidade máis elevada de Galicia, o número de nenos e nenas nacidas pasou de 425 en 2008 a 246 en 2018.
No ano 2018 houbo dez concellos, (todos da provincia de Ourense agás un) no que non se rexistrou nacemento ningún
Porén, é na zona rural onde se concentran os aspectos negativos da baixa natalidade, con importantes fenómenos de envellecemento e despoboamento. No ano 2018 houbo dez concellos, (todos da provincia de Ourense agás un) no que non se rexistrou nacemento ningún: Beariz, Calvos de Randín. Chandrexa de Queixa, Larouco, O Bolo, Parada de Sil, Pontedeva, San Xoán de Río, Santiso e Sarreaus. Beariz, San Xoán de Río e Calvos de Randín suman xa dous anos consecutivos sen nacementos. Noutros 12 (oito deles tamén ourensáns) só naceu un neno ou nena no 2018.
En total, hai 95 concellos (case un terzo do total) nos que o pasado ano houbo cinco nacementos ou menos. E 145 (case a metade) nos que naceron un máximo de dez nenos ou nenas.
Hai 95 concellos (case un terzo do total) nos que o pasado ano houbo cinco nacementos ou menos
Dende a entrada en vigor das medidas da Xunta para o fomento da natalidade, hai tres anos, os nacementos reducíronse nun 14,8%. E a inmensa maioría dos concellos presentou no ano 2018 un número de nacementos inferior aos do ano anterior, que por regra xeral viña tamén empeorando os indicadores precedentes.
Hai poucas excepcións. Cómpre sinalar o caso de Oleiros (251 nacementos en 2017, 269 en 2018), Cambados (que pasou de 93 a 108), Sarria (de 101 a 108), Viveiro (de 76 a 102), Padrón (de 59 a 68), A Pobra do Caramiñal (de 49 a 65), Melide (de 39 a 60), Guitiriz (de 23 a 43) ou O Pino (de 23 a 38)