As cifras de natalidade en Galicia empeoran máis rapidamente que nas restantes comunidades envellecidas

Dende 2013 a taxa de natalidade cae en Galicia un 14,5%, fronte ao descenso do 12,2% de Castela-León e do 10,8% de Asturias © Xunta

Os problemas de envellecemento, de caída da natalidade e de despoboamento do rural non son exclusivos de Galicia. Practicamente toda Europa e dende logo todo o Estado español atravesa dinámicas semellantes. E dentro de España, é sobre todo a zona noroeste (Galicia, Asturias, Castela-León, Cantabria...) a que presenta peores indicadores demográficos, ficando nun segundo nivel A Rioxa, Euskadi, Navarra, Estremadura e Aragón e sendo a zona Mediterránea, ademais de Madrid, o territorio cunha poboación máis nova.

Os datos dos nacementos do ano 2018, coñecidos esta semana, volveron acender todas as alarmas sobre a crise demográfica que vive Galicia, amosando a ineficacia das medidas postas en marcha nos últimos anos pola Xunta. As estatísticas oficiais amosan igualmente que Galicia é o territorio que presenta unha evolución máis negativa, empeorando mesmo os indicadores de Asturias e Castela-León, rexións con problemas semellantes neste senso.

Dende 2013 a taxa de natalidade cae en Galicia un 14,5%, fronte ao descenso do 12,2% de Castela-León e do 10,8% de Asturias

No 2018 Galicia foi a comunidade autónoma na que máis de reduciron os nacementos e a natalidade. No conxunto de España a caída foi do 6,1%, pero no noso país a diminución superou o 10% (-10,3%). Castela-León (-3,1%) e Asturias (-4,7%) tiveron datos moito mellores. A mesma análise podemos facer se abrimos un pouco o foco e comparamos os números actuais cos de hai cinco anos. Dende 2013 a taxa de natalidade cae en Galicia un 14,5%, fronte ao descenso do 12,2% de Castela-León e do 10,8% de Asturias. Asturias segue a ser a comunidade cunha taxa máis baixa (5,6 nacementos por cada mil habitantes), pero o dato galego (6,13) está a achegarse e xa é o segundo peor en todo o Estado, cando antes superaba o indicador de Castela-León.

Ourense (-16,3%), Pontevedra (-17,6%) e A Coruña (-14,5%) están entre as provincias nas que máis diminuíron os nacementos no último lustro. Lugo presenta unha evolución moito mellor

Se a análise é por provincias, hai grandes motivos de preocupación en todo o país. Ourense converteuse xa no territorio do Estado cunha taxa de natalidade máis reducida (4,82/1000), cunha caída do 16% nos últimos cinco anos, datos moito peores que os de Zamora, Asturias e León, as seguintes tres provincias con cifras máis reducidas. As boas novas chegan dende Lugo; en 2013 era a terceira provincia con menos nacementos e agora é a quinta, grazas a unha evolución moito menos negativa, cunha caída de só o 2%, un dos mellores datos de todo o Estado.

Pola contra, Pontevedra (-17,6%) e A Coruña (-14,5%) están tamén entre as provincias nas que máis diminuíron os nacementos no último lustro e ocupan os postos 10º e 11º nesta negativa clasificación. Zonas como Salamanca, Tenerife, Soria ou Cáceres presentan evolucións moito mellores nos últimos anos.

O da natalidade non é o único indicador que está empeorando en Galicia máis rapidamente que nas comunidades da súa contorna. O noso país é a terceira comunidade cunha maior idade media, con 47 anos exactos, a case catro da media española (43,18) e a unha distancia cada vez maior de territorios como, por exemplo, o País Vasco, outra das zonas máis envellecidas do Estado e no que a idade media está a aumentar máis lentamente. Galicia é tamén a terceira comunidade cunha maior porcentaxe de poboación maior de 65 anos (24,89% do total), con datos moi semellantes aos de Asturias (25,20%) e Castela-León (24,93%).

A idade media da maternidade en Galicia está a crecer a un ritmo superior á do resto de comunidades con cifras máis baixas de natalidade

O mesmo sucede coa idade media da maternidade, que en Galicia está a crecer a un ritmo superior á do resto de comunidades con cifras máis baixas de natalidade. Na última década este indicador medrou no noso país en 1,25 anos, fronte aos 0,8 anos de Euskadi, e mesmo os 1,21 anos de Castela-León e os 1,02 de Asturias.

Estes datos poderían estar relacionados coas dificultades de conciliación existentes en Galicia e cos propios obstáculos económicos para ter un bebé. Galicia é o territorio no que unha porcentaxe menor de mulleres de menos de 30 anos teñen fillos, case a metade da media española. Segundo o INE, o 48% das mulleres que teñen menos fillos dos desexados aducen motivos económicos ou de conciliación laboral. O Instituto Nacional de Estatística tamén amosa que o principal peso do proceso de crianza segue a recaer sobre a muller.

Un 41% das galegas afirma que tivos os seus fillos e fillas máis tarde do que desexaba por razóns económicas e de conciliación. Porén, cando era conselleira de Benestar, Beatriz Mato afirmou que "a decisión da natalidade non está vinculada á situación económica ou ao desemprego de forma directa". A realidade é que as medidas postas en marcha pola Xunta nos últimos anos semellan non ter producido efecto ningún. A finais de 2015 e nos primeiros meses de 2016 o Goberno galego puxo en marcha  o cheque-bebé e a tarxeta-benvida). Dos 19.427 nacementos que se rexistraron no ano 2015 pasouse a 16.550 tres anos despois, un descenso do 14,8% dende a entrada en vigor desas accións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.