No segundo semestre do ano 2018 a cifra de poboación en Galicia medrou por primeira vez dende o ano 2012. O dato rachaba unha tendencia negativa iniciada seis anos antes e permitía recuperar o nivel dos 2,7 millóns de habitantes (2.700.330). Aquel ascenso debeuse a un forte incremento na chegada de inmigrantes procedentes do estranxeiro, ao tempo que o saldo migratorio co resto do Estado se equilibraba. O saldo migratorio total compensaba un moi negativo saldo vexetativo, con moitas máis defuncións que nacementos.
Galicia regresa aos descensos poboacionais, despois da excepción do segundo semestre de 2018
Porén, no comezo do ano 2019 Galicia regresou aos descensos de poboación, perdendo 1.677 habitantes e caendo de novo por debaixo dos 2,7 millóns (2.698.764). O saldo vexetativo segue a ser moi negativo, como xa se deu a coñecer hai uns días, pois no primeiro semestre morreron en Galicia máis do dobre de persoas das que naceron (16.121 fronte a 7.695).
O saldo migratorio segue a ser moi positivo, recibindo Galicia do estranxeiro 7.026 persoas máis das que marcharon fóra de España. Empeora en cambio o saldo migratorio interno (con outras comunidades autónomas do Estado), que se sitúa en -215. O conxunto destes tres datos dá lugar a ese descenso de 1.677 habitantes.
Todas as comunidades autónomas incrementaron a súa poboación agás catro, entre elas Galicia
Durante o primeiro semestre do ano a poboación do conxunto de España aumentou en 163.336 persoas e situouse nos 47.100.396 habitantes. Todas as comunidades autónomas incrementaron a súa poboación (especialmente Baleares, Canarias, Madrid e Cataluña) agás catro, entre as que está Galicia. Estremadura, Asturias e Castela-León tamén viron descender a súa cifra de poboación.
A inmigración a Galicia segue procedendo maioritariamente de Venezuela (2.623 persoas nos seis primeiros meses do ano), seguida de Colombia (1.069)
O INE achega datos actualizados sobre os fluxo migratorios dende Galicia a outros territorios e dende outros lugares a Galicia. Estes indicadores amosan que se mantén a importante chegada de poboación dende outros países, cun saldo migratorio externo de +7.026 (11.022 chegadas e 3.996 persoas que marcharon).
A inmigración a Galicia segue procedendo maioritariamente de Venezuela (2.623 persoas nos seis primeiros meses do ano), seguida de Colombia (1.069). Os países da UE suman 1.108 chegadas, destacando Portugal (433). Pola contra, a emigración ao exterior está encabezada por Romanía, Portugal e Brasil, e semella responder a un proceso de regreso aos seus países de orixe de boa parte destas persoas.
O saldo migratorio interautonómico é especialmente positivo para Galicia nos grupos de idade por riba de 35 anos. Porén, é moi negativo no grupo de idade entre 15 e 35 anos
O saldo migratorio interautonómico está practicamente equilibrado (-215) pero amosa que máis xente marcha de Galicia a outros territorios do Estado que as que entran no noso país. No primeiro semestre do 2019 6.551 galegos e galegas marcharon a outras comunidades, mentres que 6.336 fixeron o camiño inverso.
Porén, cómpre salientar que nos últimos anos o saldo migratorio interautonómico é especialmente positivo para Galicia nos grupos de idade entre 35 e 65 anos e por riba de 65 anos. Porén, é moi negativo no grupo de idade entre 15 e 35 anos.
As saídas de Galicia ao resto do Estado diríxense principalmente a Madrid, seguida de Cataluña, Canarias, Andalucía e Castela-León. Os ingresos procedentes doutras comunidades están tamén encabezados por Madrid, e poden responder igualmente a galegos e galegas que regresan dende aquela rexión.