Galicia foi historicamente un territorio moi poboado, cando menos ben máis poboado que o resto do Estado. Sen remontarnos a estudos anteriores (menos fiables), en 1857 contaba xa con 1.776.879 habitantes, o 11,49% do total estatal (España non chegaba a 16 millóns). Dende entón o peso da poboación galega foi descendendo, primeiro lentamente (en 1959 era aínda o 9,26% do total) e nas décadas seguintes con moita rapidez, ata chegar ao actual 5,74%. Mesmo así, Galicia sempre mantivera unha densidade de poboación máis elevada que a media do Estado Español. Ata agora.
En Galicia habitan 91.33 persoas por quilómetro cadrado. E en España 92.29. É a primeira vez dende que hai datos exhaustivos de poboación que isto sucede
Hai uns días Carlos Neira destacaba o feito na súa conta de twitter: "Datos oficiais de poboación de 2017: primeira vez na Historia desde que hai datos en que Galicia ten unha densidade de poboación inferior á media española. 5,84% do territorio e 5,82% da poboación".
En efecto, os datos do padrón continuo publicados polo INE o pasado 24 de abril revelaron un novo descenso na poboación de Galicia, que rolda os 2,7 millóns (2.708.339 o 1 de xaneiro de 2017 e 2.700.970 o 1 de xaneiro de 2018), e unha leve recuperación no conxunto de España, que volve achegarse aos 47 millóns (46.698.569).
En Galicia habitan, polo tanto, 91.33 persoas por quilómetro cadrado. E en España 92.29. É a primeira vez dende que hai datos exhaustivos de poboación que isto sucede e, por exemplo, aínda en 1981 a densidade de poboación en Galicia (93.12) era moi superior á que había en España (74.59). E as diferenzas eran moito maiores en décadas anteriores: a comezos do século XX, en 1900, a densidade era case o dobre nas catro provincias galegas (66.97 fronte a 36.79).
E é que dende o ano 1981 mentres que Galicia mantivo inalterable a súa poboación, España a incrementou en case 10 millóns de habitantes. As proxeccións de poboación prevén que esta tendencia (cando menos no que respecta á regresión demográfica galega) continúe.