A pasada semana a Alfândega do Porto acolleu o Cities Forum 2020, un foro de reflexión sobre o futuro das áreas urbanas da UE organizado pola Cámara Municipal portuense e a Comisión Europea. No marco deste encontro o alcalde do Porto, Rui Moreira, expresou a súa aposta por que Portugal e España afonden nas súas ligazóns, poñendo como exemplo modelos como a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para avogar por "uma cooperação mais estreita a vários níveis" á que puxo un nome, "Iberolux", tomando como referencia a unión económica e aduaneira do Benelux que Bélxica, os Países Baixos e Luxemburgo formaron a mediados do século pasado.
As declaracións de Rui Moreira foron interpretadas nalgúns ámbitos como unha aposta pola unión política entre España e Portugal que realmente non se produciu
Case unha semana despois de que Moreira lanzase esta reflexión, en declaracións á axencia EFE que a propia Cámara do Porto tamén difundiu, diversos medios españois fixéronse eco das súas verbas. Nalgúns casos, equiparándoas a unha aposta por unha unión política entre España e Portugal, unha dilución de fronteiras ou confederación, entre outras fórmulas, que realmente non existiu. De feito, esa interpretación chegou as sorprender a medios portugueses como o Diário de Notícias. Pero, que dixo realmente o alcalde portuense?
Moreira defende "uma estratégia coordenada" entre ambos Estados en diversos ámbitos
"Sempre acreditei, principalmente desde que Portugal e Espanha chegaram á democracia", explicou Moreira, que os dous Estados ibéricos deberan ter "uma estratégia coordenada" no marco da vocación do Porto para "abraçar" un proxecto europeo que ve "vivo", con "boa saúde" e "novas apostas". "Durante centenas de anos vivemos de costas voltadas, com enormes desconfianças. Felizmente, essa realidade hoje já não existe", subliña o autarca, que coida que aínda hai "por fazer" novas vías de cooperación, "uma espécie de Benelux, adaptado ao espaço ibérico" que afonde as ligazóns dende o eido económico ata os medios de comunicación.
"Praticamente não temos fronteira com a Galiza"
Para Rui Moreira, o modelo de cooperación de ambos Estados debera fixarse no que xa sucede entre Galicia e o norte de Portugal. "Practicamente não temos fronteira com a Galiza", resalta o alcalde do Porto, que enxalza tamén as ligazóns idiomáticas e evidencia os fluxos turísticos e mesmo programacións culturais comúns.
"O Minho deixou de ser uma fronteira", di o alcalde portuense, que coida que as relacións galego-portuguesas viven un "tempo fantástico"
"Na Galiza e Portugal falamos o galego, o nosso portunhol", chancea, o que fai que nos "entendamos muito bem". Neste sentido, lembra diversas colaboracións tamén en materia educativa, con "moitos universitarios a estudarem na Galiza, nomeadamente em Vigo", a "influência no norte de Portugal" do Camiño de Santiago ou a "ligação muito particular" do Porto coa Coruña en materia gastronómica ou de posta en valor do pasado "céltico".
"O Minho deixou de ser uma fronteira" e por iso, explica Moreira, a súa posta é ir alén deste "tempo fantástico com a Galiza" e afondar na "identidade ibérica", por exemplo, facilitando a difusión de medios de comunicación a ambas beiras da raia. En certo xeito, cre, isto implicaría "realizar o sonho de Fraga Iribarne", xa que o falecido ex-presidente galego "tinha o sonho de não haber fronteira" entre Galicia e Portugal, di. Moreira reitera así unha aposta que xa expresara en público en diversas ocasións, como durante a entrega en 2017 da Medalla de Honra da Cámara Municipal do Porto ao presidente da Xunta.