Em 1995, hai 25 anos, botaba a andar Ponte... nas Ondas! cun programa de radio conxunto entre centros de ensino de Galicia e do norte de Portugal. Dende entón a iniciativa medrou e consolidouse, facendo un traballo de achegamento e coñecemento recíproco entre as dúas beiras da fronteira, incidindo de forma especial na protección e posta en valor do patrimonio inmaterial.
O 27 de marzo Ponte... nas Ondas! (PNO!) celebrará o seu 25 aniversario cunha maratón radiofónica na que participarán centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal
Neste tempo a entidade promoveu a Candidatura Multinacional do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués para obter o recoñecemento internacional da UNESCO, da que se converteu en consultora oficial en materia de patrimonio. Así mesmo, levou a cabo numerosas actividades de emisión radiofónica conxunta, editou varias publicacións e organizou accións simbólicas, como o encontro de escolares de Galicia e Portugal sobre as pontres que cruzan o Miño.
O vindeiro 27 de marzo Ponte... nas Ondas! (PNO!) celebrará o seu 25 aniversario co que mellor sabe facer: radio, cunha maratón radiofónica retransmitida en directo na que participarán centros educativos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e á que a entidade convida a unirse a todas as emisoras e centros de ensino que o desexen.
"Comezamos como un experimento e ao final chegamos a ser unha experiencia de dimensión internacional, propostos pola UNESCO como un modelo de boas prácticas en relación co patrimonio"
A maratón transmitirase en directo a través do portal Escolas nas Ondas e desde as emisoras de radio participantes, unha das cales estará no campus da Universidade de Vigo, que difundirá o evento a través de UVIGO TV. As escolas participarán realizando tanto programas en directo como gravados, onde traten diferentes temáticas relacionadas co patrimonio inmaterial galego-portugués. Un mes antes, o 13 de febreiro, PNO! promove tamén nos centros educativos o Día Mundial da Radio, que nesta ocasión estará centrada na diversidade en todas as súas manifestacións: diversidade cultural, diversidade de xénero, diversidade de idades, de nacionalidades...
Ao longo de 2020 PNO! realizará outras actividades, como unha nova edición do certame de recolla “As imaxes do Patrimonio”. Tamén está xa aberta a segunda edición do Certame de Podcasts en galego Xosé Mosquera Pérez “O vello dos contos”. Ademais, o 15 de maio realizarse unha xornada galego-portuguesa de xogos tradicionais. Cara ao final deste ano, a asociación celebrará o Día Internacional do Patrimonio, con diversas actividades co patrimonio inmaterial galego-portugués como eixo central. Unha Mostra da Oralidade galego-portuguesa terá lugar en Vigo no mes de novembro. Falamos con Santiago Veloso, impulsor da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!
"O que queremos destacar o día 27 é esa combinación dos portadores do patrimonio e as novas voces da radio"
20 anos non son nada, pero se cadra 25 xa son algo? Que se sente ao mirar cara atrás? Que valoración fas do acadado nestes 25 anos de PNO?
Algo de vertixe dá, sobre todo pensando en que comezamos como un experimento, porque aquela primeira xornada que fixemos no ano 1995 definímola como Xornada Experimental de Radio Escolar. E ao final chegamos a ser unha experiencia de dimensión internacional, propostos pola UNESCO como un modelo de boas prácticas en relación co patrimonio e recoñecidos como unha ONG consultora para o patrimonio inmaterial. É unha satisfacción poder manter un proxecto consolidado, con 25 anos de traxectoria, unha iniciativa que ademais foi adaptándose á nova sociedade da información: sempre dicimos que empezamos sendo analóxicos e agora somos dixitais.
"As escolas dan un exemplo de como involucrarse nunha experiencia de comunicación que une dous países que comparten unha mesma lingua e unha mesma cultura"
As actividades do aniversario están centradas en boa medida na radio, que é como botou a andar a iniciativa. Ao final sempre se volve a ese núcleo: a radio como elemento para tender pontes entre Galicia e Portugal?
Si, dalgún xeito volvemos ás nosas orixes, que son a radio. Pero sabendo que a radio do ano 2020 é moi diferente á radio de 1995. Naquela primeira experiencia uníamos a través da FM dous estudios de radio algo precarios e o que queremos facer o 27 de marzo é unha xornada máis expansiva, abrindo a participación a todas as emisoras de radio, tanto as locais como as autonómicas, para que se involucren nunha xornada que busca darlles voz aos máis novos, para que os mozos e as mozas sexan protagonistas. E ao mesmo tempo combinado coa posta en valor do patrimonio inmaterial. O que queremos destacar o día 27 é esa combinación dos portadores do patrimonio e as novas voces da radio.
"Non vexo que se dean pasos de cara a consolidar esta Eurorrexión. Estámolo vendo todos os días en temas de infraestruturas, pero tamén nas escasas relacións entre os centros de ensino"
Como vai ser esa maratón radiofónica? Con que participación esperades contar?
Queremos facer un chamamento a que as emisoras de radio se involucren para os actos do 27 de marzo. Para nós é moi importante darlle visibilidade a unha experiencia que é única no mundo, na que as escolas dan un exemplo de como participar, como involucrarse nunha experiencia de comunicación que une dous países que comparten unha mesma lingua e unha mesma cultura. O obxectivo é ese: facer unha xornada de festa nas ondas o día 27.
Levades 25 anos traballando para aproximar a Galicia e Portugal. Cres que houbo avances nestes 25 anos, tanto a nivel social como institucional?
Eu creo que na sociedade si houbo un achegamento, houbo un avance claro, hai unha percepción de que Galicia e Portugal temos unha historia común e un patrimonio común, de que somos unha comunidade con moitas afinidades. A nivel institucional eu son máis pesimista, porque non vexo que se dean pasos de cara a consolidar esta Eurorrexión. Estámolo vendo todos os días en temas de infraestruturas, pero tamén nas escasas relacións entre os centros de ensino dun lado e doutro da fronteira. Creo que no ámbito educativo se poderían facer proxectos como Ponte... nas Ondas! moito máis ambiciosos.
"A candidatura transnacional para o recoñecemento do patrimonio inmaterial galego-portugués está en fase de espera a que os Estados dean o paso para poder presentala"
En que ámbitos habería que incidir para avanzar neste proceso? Cales deberían ser as prioridades?
Poderíanse facer moitas cousas, pero eu atopo que non hai un epicentro da cultura galego-portuguesa, non hai un centro de referencia ao que poida dirixirse unha persoa que queira aproximarse ao que ten sido e ao que é a cultura común. Por poñer un exemplo concreto, porque o que estamos vendo é que hai moita retórica sobre que somos unha comunidade, que temos afinidades, búscanse fondos europeos..., pero a nivel práctico botamos de menos medidas concretas para favorecer ese proceso. Non hai máis que ver a tímida implantación do estudo do portugués en Galicia. Imos lentos.
No 2016 fostes recoñecidos pola UNESCO como consultora en materia de patrimonio, unha cuestión na que levades traballando dúas décadas, dende aquela candidatura lanzada en 2004 e relanzada dez anos máis tarde. En que fase está ese proxecto?
Si, somos a única entidade acreditada en Galicia pola UNESCO para o patrimonio inmaterial e unha das catro acreditadas en Portugal; estamos acreditados nos dous países. A candidatura transnacional para o recoñecemento do patrimonio inmaterial galego-portugués está en fase de espera a que os Estados dean o paso para poder presentala. Percibimos que non hai demasiada vontade de facelo. Nós non podemos ser o promotores, depende das institucións, dos Gobernos centrais de España e Portugal e da Xunta. Ninguén dubida que esta riqueza xa é patrimonio da humanidade, falta inscribila oficialmente nunha lista. O potencial está aí, temos unha base moi sólida para a candidatura, falta a decisión para presentala.