Este luns 13 de febreiro é o Día Mundial da Radio. Como parte da celebración Ponte...nas Ondas! vén de poñer en marcha un portal para as producións audiovisuais escolares. Escolas nas ondas acollerá e difundirá as producións das radios escolares e os vídeos realizados polos centros de ensino de Galicia e Portugal e os países da área lingüística galego-portuguesa. Ademais, no espazo web divulgaranse os podcasts creados polo alumnado e fomentarase o intercambio de experiencias entre os centros educativos dos diferentes países da lusofonía. A iniciativa conta coa colaboración da Universidade de Vigo para o aloxamento dos programas das escolas
Ao longo deste luns, entre as 10 da mañá e as 18 horas, o IES Terra de Turonio (Gondomar) levará a cabo unha xornada de radio en directo, que se poderá escoitar (e ver, pois retransmítese tamén en vídeo) a través do novo portal. O alumnado realizará diferentes programas con convidados que se achegarán ao centro para compartir a programación radiofónica. Entre outros, estarán nas ondas membros do grupo de música tradicional Os terribles de Donas, a escritora Rexina Vega, o cantautor Leo i Arremecághona e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.
De feito, foi o propio Salustiano Mato quen, no propio centro de Gondomar, inaugurou as emisións de Escolas nas ondas. Podes consultar nesta ligazón a programación que terá o portal este luns 13 de febreiro, Día Mundial da Radio.
As escolas, alumnado e profesorado que queiran emitir os seus contidos a través do portal poden enviar os seu programas ou podcasts ao enderezo web@escolasnasondas.com. O portal contará tamén cun espazo para que calquera persoa poida achegar a súa voz para dar testemuñas sobre a radio con motivo do Día Mundial da Radio. A UNESCO escolleu como lema da celebrción deste ano Radio is you ("A radio es ti"), destacando a importância das voces de cada persoa para manter vivas as emisións. Neste senso, Ponte...nas ondas! anima ao envio de mensaxes de audio a través de whatsapp no número 634878120. As mensaxes serán difundidas no portal Escolas nas Ondas
Obradoiros de radio
Durante este curso escolar Ponte...nas ondas! está a realizar obradoiros de iniciación á radio escolar polos centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal, coa colaboración da Consellería de Educación e Cultura. En total son 35 centros educativos e máis dun milleiro de alumnos os que están a recibir formación na elaboración de programas de radio e de podcasts. Estas escolas crearán a súa propria radio escolar e terán difusión a través do portal Escolas nas ondas. Un dos obxectivos dos obradoiros é o de incentivar o uso da radio e dos podcasts como unha ferramenta educativa para desenvolver a competencia comunicativa e mellorar a expresión oral.